O Iberia e o Ferreira son os equipos protagonistas das once primeiras xornadas da Segunda Futgal lucense. O Iberia e o Ferreira consolidaron nas últimas semanas o liderado e continúan no máis alto. O Iberia acumula 27 puntos, mentres que o Ferreira suma 26.
Todo despois dunha xornada que ten de loito ao Portomarín polo pasamento de Marcos Arias, ex xogador, ex presidente e aínda directivo do club. Dende aquí trasladámoslle todo o noso cariño a xente do club miñoto e dámoslle moitísimo ánimo a familia de Marcos.
Na zona norte, o Iberia mantense no máis alto continúa sen perder. Todo despois de igualar co Sanci (1-1). O equipo de San Miguel de Reinante acumula oito vitorias e tres empates. Conta con 27 puntos, tres máis que o Folgueiro e oito máis que o Xermade e o Sanci.
O cadro de San Cibrao puido cortar a xeira de tres derrotas consecutivas. As ráfagas de vento non impediron ver un bo partido. Jorgito adiantou ao Iberia no primeiro tempo. Pero ao pouco, Deonildo puxo un bo centro co que Borja Mella logrou o empate.
No segundo tempo, non houbo excesivas ocasións de perigo. Ambos equipos tiveron algunha opción, a última foi para os locais, pero finalmente quedou en empate.
O Folgueiro interrumpiu o seu bo momento de resultados ante o Xermade (2-0). A diferenza agora entre eles é de cinco puntos, cos do Vicedo manténdose na praza de promoción de ascenso. É a terceira derrota do curso, que, en cambio, leva o mesmo número de vitorias que o líder, 8.
O Xermade sumou o sexto triunfo da campaña e dálle ás para seguir manténdose nesa parte nobre da clasificación. Os locais adiantáronse no primeiro tempo, ao aproveitarse Sergio Vila dun rexeite. Nun contragolpe, o Xermade sentenciou nunha xogada de Nando pola esquerda que rematou a gol Josito.
O Riotorto volve aúparse á 5ª praza tras gañar de xeito contundente en canto ao resultado á Piringalla (5-1). O club da Veiga anda na procura de adestrador, tras destituír a Omar. Aínda así, amosou a súa faceta goleadora o pasado domingo.
Óscar, dos irmáns López Cabo, anotou un hat tick; antes de que Manu Carreira redondease a conta cun 5-0. No tramo final de partido, os pupilos de Marcos Moscoso lograron o gol da honra por medio de Iker.
Na 6ª posición queda o Sporting Pontenova con 18 puntos, un máis que o rival que lle gañou esta fin de semana, o Casás (2-1). O conxunto capitalino reencontrouse coa vitoria despois de cinco partidos sen conseguila.
O encontro comezou igualado, aínda que pouco a pouco o Casás fíxose dono do balón. Con todo, quen marchou gañando ao descanso foi o cadro visitante con gol de Camilo, nun bo disparo dende fóra da área.
No segundo tempo, o Casás dominou e foi a pola remontada. Herrero logrou un dobrete, primeiro marcou a saída dun córner, e logo cun bo disparo que entrou pola escadra rival.
A Candelaria é oitava, empatada co Casás, a seis puntos da promoción e seis puntos por riba do antepenúltimo. Queda cun punto máis que o seu rival, perdeu en Alfoz (2-0).
Os locais puxéronse con dous goles de vantaxe antes do descanso. Anotou un dobrete Iván García, que volveu esta pasada fin de semana a enfundarse a camisola do Alfoz. Mellor redebut, imposible. A pesar de quedar cun futbolista menos por expulsión no segundo tempo, os locais contralon ben o partido para lograr os tres puntos.
O Celta Barreiros é décimo, logo de golear a un Muimenta que non perdera dende a chegada de Basi (5-0). Desta maneira, o conxunto do Cascabeiro deixa o descenso directo a dez puntos. O Muimenta queda a cinco da do antepenúltimo.
Tamén gañou o Guitiriz, 1-3 ante o Cospeito, e enlaza dous triunfos consecutivos por segunda vez na temporada. Suma 15 puntos, catro de diferenza co antepenúltimo.
Foi un partido ademais de estatísticas para o cadro guitiricense. Marcou Asier o seu primeiro gol co primeiro equipo en competición oficial. Anotou César, convertíndose no futbolista con máis anos en anotar un tanto co club. O futbolista de 46 anos leva máis de 30 tempadas ligadas ao conxunto do Suso Cruz. Ademais debutou o xuvenil Aitor Díaz.
O gran beneficiado da zona baixa é o Mondoñedo. Logrou a segunda vitoria consecutiva no Viñas da Veiga. Desta volta ante un rival directo como o Cabreiros (2-1), do que queda a un punto. O cadro mindoniense segue sendo antepenúltimo, con cinco puntos de vantaxe sobre o Muimenta.
Na zona sur, o Ferreira suma a oitava vitoria do curso para seguir no máis alto. Derrotou ao Antas (3-0) e acumula 26 puntos. Conta con dous de marxe sobre o Becerreá e tres con respecto ao San Roque. Levan oito xornadas sen perder.
O Antas queda na novena praza con catorce puntos, a dez da promoción e oito por riba do descenso directo. Os pupilos preparados por Hugo Vázquez deron a cara ante o Ferreira a pesar do resultado. Encaixaron o primeiro gol e tiveron a opción de empatar por medio de Besteiro.
Tamén por medio de Iván Ramos puideron igualar ao vir dos vestiarios. Pero logo chegou o 2-0 local e máis tarde sentenciaron co 3-0. En ambos goles foi protagonista Kylian que entrou no segundo tempo e realizou dúas grandes accións individuais.
O Becerreá suma tres vitorias seguidas e sitúase no posto de promoción de ascenso, a dous puntos do líder. Superou ao Friol (2-3) e queda cunha marxe de un punto co San Roque, dous co Palas e tres co Paradela. A parte nobre da zona sur está moito máis apertada que a do norte.
O Friol é 10º con once puntos, cinco máis que o descenso directo. Nunha boa primeira parte de ambos equipos, cada un marcou un gol dende lonxe. No segundo tempo, os visitantes marcaron o segundo e á contra anotaron o terceiro. Costoulle retomar as sensacións ao Friol que nos últimos minutos logrou meter o segundo.
Nove encontros sen coñecer a derrota suma o San Roque. A sétima vitoria do curso logrouna ante un rival directo nestes momentos, o Paradela (3-2). O cadro capitalino supera ao seu rival na clasificación e quedan con dous puntos de diferenza na 3ª e na 5ª praza, respectivamente.
O Palas é 4º ao conseguir o terceiro triunfo seguido ante o Quiroga (2-1). O club dos Chacotes permanece a catro puntos do liderado e consolídase na parte alta da táboa clasificatoria. O Quiroga é último, a un punto do seu antecesor e a tres do 14º.
Vinte puntos leva o Santa Comba (6º) na tempada do seu regreso á Segunda. Superou pola mínima (1-0) ao Brollón (7º), na segunda derrota da tempada do cadro dos Medos e segunda consecutiva. O club da parroquia de Lugo queda un punto por riba do seu rival na pasada finde.
O Portomarín é 8º tras gañar 3-1 ao Incio e acumular catro encontros sen perder. O Incio é 13º con 9 puntos, tres máis que o descenso directo.
Na zona media baixa, o duelo dos dous recén ascendidos finalizou en empate. O Páramo (11º) segue por diante do Rubián (12º), logo do 1-1. A diferenza entre eles é de dous puntos.
Na zona baixa, o duelo de filiais tamén rematou en empate. O Lemos B e o Chantada non pasaron do 1-1 e continúan na parte perigosa da clasificación. O club chantadés é penúltimo con 6 puntos, dous menos que o Lemos B (antepenúltimo).