O Iberia é o único cadro do Grupo Norte da Segunda Futgal que non coñece a derrota en 8 xornadas de liga. Os de Miguel Ángel ‘Moro’ encabezan a táboa clasificatoria cuns números que presaxian o salto de categoría, aínda que en San Miguel son conscientes da dificultade desta empresa.
Dani Prieto (Ribadeo, 1995) tamén lidera a táboa de goleadores do seu grupo. Con 8 tantos no seu haber, é un dos artífices da boa situación do seu equipo. Hoxe, falamos con el.
Futbolinlugo: Levas 7 goles en 7 partidos. Tan só 4 menos que en toda a temporada pasada.
Dani Prieto: Si, é un gran rexistro. Están entrando.


Fil: Que estás a facer ben?
DP: Todo o que atopo preto da área parece que vai para dentro. Cando quere entrar, entra. Como todo neste deporte.
Fil: Que está a facer ben o Iberia para ocupar a primeira posición?

DP: Pois estamos completando sesións de adestramento moi boas. Os martes xuntamos entre 15-17 sempre, e iso nótase na dinámica dos domingos. O adestrador ten claro a que queremos xogar e somos capaces de plasmalo ben no campo. De momento, a temporada é casi perfecta. Foi unha mágoa o partido do Casás, que tiñamos de cara cun xogador máis, pero non fomos quen de estar todo o concentrados que deberiamos.
Fil: Ademais, adoitades ser os primeiros en anotar.
DP: É certo que estamos marcando sempre o primeiro gol. Hai partidos nos que ese feito nos fai relaxarnos, e nos empatan. Entón necesitamos que o míster nos aprete no vestiario e xa volven a intensidade e a tensión propias da competición.
Fil: Sodes un cadro moi goleador.
DP: Si, Carlos e Iván aportan moito na punta de ataque, Barrera está xogando un pouco máis retrasado… pero temos grandes xogadores na zona de arriba.

Fil: Que fútbol ve o seareiro que se achega ás Valgas?
DP: Pois faltan dúas pezas chave, Franchi e Cubelitas, que están mancados. Son dous pedazo de xogadores que notamos moitísimo, pero aínda así tratamos de conectar cos mediocentros na fase de inicio para despois levar o balón fóra e un posterior centro. Paredes rápidas, verticalidade… pero unha vez chega o balón ás bandas.
«O Iberia foi o meu primeiro equipo sénior«
Fil: Que ten que facer o club para acadar o ascenso que non chegou o curso pasado?
DP: Temos que manter este nivel de ambición. Antes conformabamonos se gañabamos 2-0, pero agora se podemos meter o terceiro, tratamos de marcalo. E o cuarto, mellor aínda. Estivemos a piques nos últimos anos, e a ver se este ano nos mantemos o máis arriba posible.
Fil: Os números defensivos tamén son de escándalo.
DP: Temos a mellor defensa da categoría. Unha boa defensa é o mellor ataque, como se di.
Fil: Que agardas do duelo desta semana diante do Candelaria?
DP: Sempre nos custa moitísimo. Loitan cada balón como se fose o último. Agardo un partido moi reñido e tamén moi entretido.
Fil: Quen son os principais rivais do Iberia?
DP: Xa se está perfilando todo: o Xermade xa nos bailara o ano pasado e imos á súa casa a próxima xornada, San Ciprián e Folgueiro tamén van estar arriba, Sporting Pontenova… O Celta Barreiros ten un equipo moi bo, creo que pode loitar por estar arriba tamén.
Fil: Estás contento no Iberia ou buscarás un cambio se continúas con estes números?
DP: Teño a sorte de que me chamen doutros equipos todos os veráns. Estaba en Tapia xogando en Preferente, pero eu xa quería voltar a San Miguel. Foi o meu primeiro equipo sénior e sempre me sentín como na casa. En Ribadeo e en Tapia estiven ben, pero como no Iberia non me sentín en ningunha parte. Nunca se sabe se cambiarei, pero estou feliz aquí.
