“Gústame ver mundo e vivir novas experiencias” Quico, un vilalbés en Formentera

Ás veces, o fútbol modesto tamén che permite saír e probar experiencias novas, aínda que sen as grandes cantidades de cartos que se moven por outros lares. A pesar da súa xuventude, Francisco González Rochela “Quico” (Vilalba, 1992) é un dos futbolistas que probou sorte no fútbol popular doutras comunidades. Criado nas categorías inferiores do Racing Vilalbés, pasou tamén polas das Pontes e Racing de Ferrol. Como sénior formou parte do Somozas, Vilalbés, Mar Menor, Murcia Imperial, Badajoz e agora na SD Formentera. Central alto e de gran corpulencia xa tivo a oportunidade de xogar fases de ascenso á Segunda B, pero esta temporada está sendo moi especial. Puido xogar co seu equipo a Copa do Rei e chegou ata os dezaseisavos de final para enfrontarse o vixente campión da Europa League, o Sevilla. E para completalo curso, o seu club acaba de proclamarse campión da Terceira Balear. Quico tivo un protagonismo importante xogando moitos minutos e mesmo anotou dous goles. Este domingo ás doce do mediodiía inicia o camiño polo ascenso á Segunda B fronte o Alavés B, se o seu club pasa esta eliminatoria Quico cumprirá así o seu desexo de conseguir, por fin, un ascenso á categoría de bronce do fútbol español.

Futbolinlugo: Como foi a temporada? Era un obxectivo que o equipo fose campión?

Q: Foi unha temporada espectacular en todos os sentidos. Desde o comezo do curso os xogadores viñamos con gañas de cumprir o obxectivo que era xogar play-off, pero gañamos a liga. Estou moi contento porque o obxectivo estaba cumprido e agora no play-off temos dúas opcións. E tamén tivemos a sorte de xogar con todo un Sevilla na Copa do Rei que foi un soño ao que só lle faltaría o broche final agora do ascenso.

F: A nivel individual como te atopaches na teu primeiro ano pola illa?

Q: Estou moi contento de que o míster contase comigo. Desde o primeiro día tratáronme xenial. É coma se fosemos unha familia porque ao estar nunha illa para pasar o tempo xuntámonos os do equipo.

Quico xogou como titular os dous encontros de Copa do Rei que o seu equipo xogou fronte ao Sevilla

F: Ca túa xa longa experiencia xogando ao fútbol modesto fóra de Galicia, como se leva iso de estar lonxe da casa?

Q: A min persoalmente gústame ver mundo e vivir novas experiencias. A parte a miña moza axúdame. Levo desde moi pequeno fóra da casa polo fútbol e estou encantado. Aínda así, boto moito de menos á familia, pero eles tamén me dan forza para seguir adiante.

F: E notas moitas diferenzas entre o fútbol de aquí ao de aí?

Q: Si si, en cada provincia por así dicilo xogase diferente pero en poucas cousas máis se nota. Ao mellor a nivel de clubs, eu creo que polo sur viven máis o fútbol desde categorías moi baixas e, aparte que hai moitos equipos nunha mesma zona. Por exemplo, o ano pasado deixoume impresionado a nivel afección en Badajoz. Alí vívese moito o fútbol e vin 9.000 persoas nun play-off

F: E cal sería agora o teu desexo?

Q: O meu primeiro obxectivo é o ascenso. Levo catro anos seguidos intentándoo e aínda non tiven esa sorte.

F: Seguirás no Formentera o ano que vén?

Q: Despois non sei, por agora estou centrado en ascender.

 

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario