Miguel Corral Fernández ‘Gorry’ (Chantada, 1992) regresou este verán ao club da súa vida. Canto todo semellaba que ía dirixir ao Relámpago Taboada, unha chamada cambiou o rumbo deste antigo xogador da SD. Agora pelexa co equipo feminino do seu Chantada por un play off de ascenso que non o obsesiona.
FUTBOLINLUGO: Boas! Antes de nada, como se xestou esa volta a casa?
GORRY: A tempada pasada empecei con La Purísima. E viñen de Segundo e Preparador Físico ao Chantada Atlético con Anxo Valcárcel. Ía empezar a pretempada co Relámpago Taboada pero producíronse unhas diferenzas e decidín ir para o feminino. Levaba dúas semanas rexeitando ofertas… pero era a miña casa, o club da miña vida e non podía dicir que non.
«Producíronse unhas diferenzas co Relámpago Taboada e non podía dicir que non ao Chantada»
![]()
![]()
FIL: E que te atopache nesta nova experiencia no Sangoñedo?
GORRY: Empecei con moita ilusión neste grupo moi diverso que teño. Conto con rapazas desde os 14 anos, que comezaron esta tempada. Tamén con xuvenís que se iniciaron o ano pasado… Ata un grupo de 20 a 25 anos ou as máis veteranas de 25 a 29 anos. Son como grupiños de 4-5 futbolistas. O cadro de xogadores é bastante grande, somos 26 persoas. Pero é bastante compensado. As veteranas son o reflexo para as máis novas e as máis novas son o futuro e as que manterán o equipo.
FIL: Agora, xa varios meses despois… cal é o obxectivo deste Chantada á alza?
GORRY: O equipo está evolucionando bastante ben. As máis pequenas están desfrutando e aprendendo moitísimo. As veteranas están tirando do carro e dando a cara. Nós imos seguir indo partido a partido, que ata o momento foi bastante ben. Levamos toda a temporada nos postos altos e non hai motivo para que iso cambie. Pero nós non nos fixamos só nos resultados, as contas da leiteira nunca saen.
«No feminino, as expectativas e esixencias son moi diferentes»

FIL: Estiveche en moito vestuario de homes. Cal é a principal diferenza que atopas entre o fútbol feminino e o masculino?
GORRY: Pregunta complicada. Quizais a diversidade no tema das idades. No fútbol masculino non hai rapaces de 14 anos con outros de 29. No feminino, as expectativas e esixencias son moi diferentes. Non é o mesmo unha cabeza dunha pequena de 14 anos que a dunha muller de 28.
«O fútbol feminino é menos egoísta pero fáltalle picardía»
FIL: Deixando ese aspecto a un lado, que cambios atopas no relativo ao xogo?
GORRY: O fútbol feminino é un fútbol menos egoísta e individualista. Xogan máis a pasar o balón entre elas. Por outro lado, tamén lles falta a ‘maldade’, a picardía do fútbol que vemos a diario. A primeira está mal e a segunda está ben, pero as dúas fan falta.
O PM FRIOL SAE DO ÚLTIMO POSTO CUN VALIOSO EMPATE
Nesta xornada, só houbo competición na Segunda RFEF, onde o PM Friol sacou un gran punto na casa ante o Racing Féminas. As de Covi Regueiro igualaron sen goles ante un dos conxuntos da zona alta nun duelo con moita tensión e no que debutaron dúas xogadoras máis coa elástica amarela.
Como xa adiantamos hai moitas semanas, o cadro presidido por Geluco Villar andaba na procura de xogadoras do este. Nesta última data, entraron en convocatoria Hirchyts e Kazakevich. A primeira entrou na prolongación e a segunda non chegou a debutar. Veremos cando anuncia o club estas incorporacións de maneira oficial. Por último, quedamos con Nerea Rodríguez como destacada dentro dun sólido PM Friol en liñas xerais.