Un novo día, e unha nova entrada do noso diario. As novidades de hoxe comezan no fútbol semiprofesional: Rares Mezdrea continuará no Coruxo tras unha gran temporada na Segunda RFEF. O vilalbés con orixe romanés xogou 23 partidos —15 como titular— no seu primeiro ano no Vao.
Desde a cuarta categoría nacional saltamos á Primeira Futgal. Os clubes acumulan incorporacións e renovacións a pouco menos dun mes para comezar a pretemporada. Así, o Outeiro de Rei anunciou que conta con 12 futbolistas para comezar o curso: Álvaro Veiga, Lucas Román, Alberto Pacio, Diego Revuelta, Lucho Fernández, Javi Saavedra, Fran Purri, Joel Varela, Dieguito Fernández, Alejo e Saúl Pérez renovaron, mentres que Lucas Sanjurjo chega ao Municipal desde o Castro.
O diario de hoxe confirma que o Río Ouro terá equipo sénior
O Guntín informou da renovación do seu atacante Dani Pérez, que xogará aos seus 21 anos a segunda temporada no Ladairo. No sur, o Brollón renova a Mario Rivera ‘Take’, mentres que na Terra Chá, o Santaballés incorporou ao gardamallas Duarte González. O porteiro, segundo que fichan na Liga este verán, chega desde o Racing Villalbés ‘B’ para defender as cores da súa Santaballa natal. Xa na Mariña, Aarón Rega cambia a Candelaria polo Foz tras anotar 9 goles na temporada 25/26.
Na Segunda Futgal, Javi Chinchón continuará dirixindo o Alfoz. É a terceira temporada no club do adestrador focense, que estará acompañado por Setxu Fernández por segundo ano consecutivo. Pola súa banda, o centrocampista de Rinlo Del Viso continúa no Iberia. Na parte sur, Hugo «Guti» cambia o Lemos ‘B’ polo Ferreira.


Xa na Terceira, o Muimenta procurará de novo un ascenso que se lle escapou este curso. Asinan para a causa a Raúl Cendán, que levaba un tempo parado tras xogar no filial do Castro. Idéntica situación vivirá o Incio, e para asaltar o ascenso renova a un Javier Urdi que cumpre a súa 11ª temporada no Carboeiro. No veciño Sober, o técnico Ibán Lagoa deixa o equipo logo de cinco temporadas nas que viviu un ascenso e un posterior descenso tras unha gran loita pola permanencia.
Por último, hai boas novas na Mariña. Tal e como adiantamos en maio, a AD Río Ouro sacará un equipo sénior na Terceira Futgal. As escolas, compartidas entre Ferreira e Alfoz, permiten que o Valadouro recupere así representación no conxunto afeccionado tras sete temporadas orfo. Alfoz, ademais, poderá presumir de contar con dous equipos no fútbol afeccionado. Queda demostrado así que o bo traballo de ambos concellos no fútbol base está a dar os seus froitos.

