Gran parte dos nosos equipos atópanse en plena pretemporada, buscando o punto de forma óptimo para unha nova e ilusionante campaña. Nós non somos menos. E xa estamos a preparar o vindeiro curso futbolístico. Co noso ‘staff técnico’ renovado ao completo, xa vos podemos anunciar a programación que teremos a partires de setembro. Unha aposta continuista pero sempre con novidades. Buscando facer o seguimento máis completo do noso balompé.
Os luns seguiremos co tradicional Trío de Ases de Terceira e Preferente, da man de Marcos Fernández. Ademais, Calaza traeranos os mellores tweets da semana. Os destacados da Primeira quedan para o martes e os onces da Segunda Galicia mantéñense os mércores. Os xoves chega unha das principais novidades desta próxima campaña. Santi Real estreará a sección de ‘Mulleres chave’, onde analizaremos a xornada no fútbol feminino, en todas as súas categorías. Ese mesmo día, Calaza regalaranos os sobranceiros da Terceira Galicia.
Nos venres faremos a previa do mellor partido da xornada, acompañada dunha lista de atractivas propostas ao longo e ancho da provincia. Tamén teremos unha reportaxe ou entrevista do noso fútbol base da man de Santi Real. Nos sábados, Marcos adentrarase na actualidade do noso fútbol afeccionado para pechar o domingo a semana co xa clásico e seguido Palabra de…
Dende o equipo de Futbolinlugo seguiremos a contar cos nosos tradicionais colaboradores para seguirvos traendo Os partidos en imaxes durante a semana. Agradecemento infinito a eles. E animámosvos a todos os que queirades a enviarvos as vosas fotos ou textos para os domingos, se vos apetece realizar a vosa pequena contribución a esta gran comunidade.