O pasado luns celebráronse as II Xornadas Futbolinlugo Burela Bonita, cun cartel de luxo no Salón de Conferencias da vila do Bonito por excelencia. Un evento que deu que falar nos diversos medios da provincia nos últimos días.
Este martes, no Ser Deportivos Lugo, o locutor Álex Gato, e o redactor de Futbolinlugo, Diego Díaz conversaron co segundo adestrador do Compostela Fiz Rodríguez. O técnico da Pastoriza foi un dos relatores destacados nas II Xornadas Futbolinlugo Burela Bonita grazas ao interesante repaso ao seu traballo como analista no club santiagués.
Pódese escoitar o audio completo da entrevista no SER Deportivos Lugo no seguinte enlace: Entrevista Fiz Rodríguez (03/11/2021, min. 31′ 50»).
Fiz Rodríguez definiu este encontro futbolístico como unhas «xornadas tremendamente enriquecedoras, con xente de altísimo nivel e de distintos ámbitos do fútbol. Ademais está o feito de xuntarnos, comentar aspectos entre charla e charla ou no xantar».
O adestrador afincado en Compostela resumiu o seu relatorio en Burela, no que explicou «a experiencia e o traballo no club durante o curso pasado, presentando un microciclo semanal e un exemplo de informe da temporada pasada».
Sobre o aprendido na Mariña, resúltalle «tremendamente complicado» quedarse cun só aspecto. «Yago Iglesias impresióname menos polo feito de telo xa coñecido. Pero despois… a evolución do equipo de Óscar Gilsanz ata quedar campión de España, o traballo de Fran Justo… Quizais me quede con Rubén Arce, por ser o adestramento dos porteiros un mundo máis descoñecido», indicou.