Comezou a Terceira Galicia buscando catro ascensos

O Castro B é o único equipo que aparece de novo na categoría

A Terceira Rexional volveu a última fin de semana de outubro logo de case vinte meses de parón. Regresou con oito equipos en cadanseu grupo, unha cifra menor ca nas anteriores temporadas pola ausencia de descensos da Segunda Rexional. Os grupos quedan equilibrados coa irrupción do filial do Castro, que firma novo proxecto de canteira.

Os equipos xogarán unha primeira fase de catorce xornadas. Logo segundo as posicións os equipos quedarán encadrados en catro grupos de catro equipos. Xogarán seis xornadas máis na búsqueda do ascenso. Segundo a posición conseguida no primeiro tramo de competición, os conxuntos recibirán unha puntuación representativa para a segunda fase. Os campións dos catro grupos son os equipos que ascenderán.

A continuación repasamos a situación de todos os clubs da categoría, da man dos seus adestradores ou directivos.

Fiso Ronda

Zona norte:

Castro B: Isaac Rouco, adestrador: «É o primeiro ano que compite neste categoría un filial dun Castro. Con ilusión e ambición de facelo o mellor posible. E que a etapa de formación siga o seu camiño»

Cazás: Efrén, xogador e directivo: «Con ganas de volver á normalidade e tendo en conta que cada ano que logramos saír é algo para celebrar e desfrutar. Deportivamente buscaremos que o traballo e a unión dun grupo que leva moitas temporadas xuntos dean os seus froitos»

Comercial: Andrés Rodríguez, adestrador: «Tivemos fichaxes novas, puidemos xogar uns catro partidos de pretemporada e estamos listos. Os xogadores tiñan gana de volver meterse en dinámica de competición. Moita ilusión e ganas. Centrados no obxectivo que é ascender».

Rioaveso Machinango: Miguel Fernández, adestrador: «Incorporamos moitísimas caras novas. O equipo estase acoplando. O traballo e as sensación veranse no campo. O club está facendo as cousas despacio e ben. Téñolle moito medo as lesións, pero seguramente esteamos todos os equipos igual».

Friol B: Javi, adestrador: «Con gana de demostrar que a pesar das importantes baixas temos un bo equipo pa loitar por estar aí».

Nuevo Nausti: Óscar Jaime, adestrador: «Convencidos de competir e de non ser o Nausti que recibía goleadas. A partir de aí, trataremos de gañar partidos».

Catro Roldas: David Lorenzo, adestrador: «Moita gana de volver sentir a adrenalina da competición. Temos un grupo moi bo que segue medrando e co que esperamos competir todos en cada un dos encontros e estar o máis arriba posible».

Celeiro: Martín Rodríguez, adestrador: «Cunha pretemporada de menos a máis e coa ilusión de facer unha boa tempada. O máis importante é que nos respecten as lesións a todos os equipos»

Zona sur:

Lemos B: Perry, adestrador: «Afrontámola con moita ilusión e moito respecto cara os demais; pensando nun único obxectivo: o ascenso á Segunda Rexional. Dende o traballo e a humildade intentar meternos nese posto que nos permita subir. Co traballo diario a liga poñeranos onde debemos estar».

Castroverde: Iago Núñez, adestrador: «A espera fíxose longa de máis e estabamos desexando comezar a competir.Agora querendo ver ata onde somos capaces de chegar. O obxectivo é ser competitivos cada finde e intentar estar na zona alta. Desexar que nos respecten as lesións e logo, si conseguimos estar aí loitando por un ascenso mellor que mellor».

Sober: Ibán Lagoa, adestrador: «Afrontamos este inicio de competición con ilusión, pero sabendo que o importante é como imos estar na fase de ascenso».

Carballedo: Rodrigo Amarante, adestrador: «Este proxecto que arrancaba viuse truncado pola pandemia. A idea que nos marcamos é crear unhas bases sólidas para que o club medre. Competir en calquera campo e ante calquera rival. E logo intentar quedar o máis arriba posible».

Relámpago Taboada: Caxin, directivo: «Conformamos un equipo con once fichaxes e cun entrenador da vila como Narón, asi que parece que volvemos comezar de novo. O importante é facer unha boa piña e pasalo ben. Tivemos baixas moi duras como Dámaso, Adrián ou Casti. E temos o regreso de xogadores como Raúl, Isaac ou Fernández. É un reto e un orgullo saír cada ano adiante pola nosa conta e seguirémolo facendo».

Monterroso B: Pablo, adestrador: «Co obxectivo de preparar aos rapaces para que dean o salto ao primeiro equipo e nunha comeptición na que as ganas de competir de todos e ante calquera rival son innegociables».

Taboada: Dani Ríos, adestrador: «Coa idea de competir cada partido e de seguir medrando e mellorando. Estou moi contento cos rapaces que están moi metidos. Trataremos de facelo o mellor posible».

SD Rubián: Senén, adestrador: «Con ilusión pero pendentes de como vai o tema da covid e as lesións, logo de tanto tempo parados».

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 485

Deja un comentario