Os filiais do Monterroso e do Taboada fanse grandes na Copa

O 2025 futbolístico comezou coa Copa Deputación. A primeira fin de semana do ano xogouse a maior parte das eliminatorias da 1ª rolda do torneo. Ao igual que acontece na competición da Preferente + 1ª, na da 2ª e a 3ª tamén houbo sorpresas. Na zona sur, o Monterroso B deixou fóra ao líder Ferreira. O Taboada B eliminou ao Rubián.

O San Roque acudirá ao Sangoñedo

O Chantada B agardaba rival en dezaseisavos e recibirá ao San Roque. O Quiroga intentou que houbese un duelo de equipos que pelexan pola salvación na Segunda, pero o San Roque acabou impoñéndose no San Martiño (1-3).

O San Roque mereceu o pase. Saíron mellor e adiantáronse cedo no marcador. Foron espertando os locais que lograron empatar por medio de Mavilo. Con todo, a ledicia durou pouco no San Martiño. Fran detivo un penalti, pero non o rexeite rival.



Aínda así, no primeiro tempo o peor para o Quiroga foi a lesión de Iago na cara, nun choque co porteiro.

No segundo acto, o San Roque tomou máis vantaxe nunha acción polémica, na que o Quiroga pediu fóra de xogo. Logo, o cadro quirogués xerou algunha oportunidade máis, pero acusou o baixón físico e non tivo opcións.

Carballedo – Lemos B, outro dos cruces xa sabidos



Ambos conxuntos pasaron exentos a primeira rolda. Volveranse ver as caras logo de que o curso pasado, pelexaran pola salvación na Segunda. Mellor sorte correu o cadro lemista que se mantén na categoría.

O Becerreá – Friol rememorará as últimas semifinais

Promete ser outro dos grandes duelos dos dezaseisavos de final. O Becerreá lograra a temporada pasada o pase á gran final precisamente contra o cadro friolés.

Os pupilos preparados por Javi Gómez chegan a este cruce tras vencer pola mínima ao Sporting Lucense (0-1).

Non se notou tanto a diferenza de categoría. O Sporting Lucense estivo moi vivo durante todo o partido. No tramo final, a ambición xogoulle unha mala pasada porque encaixou gol a contra. Rio disparou cruzado para que o vixente subcampión continúe o seu camiño na Copa.



Encontro igualado entre o Friol e o Portomarín (1-0), que o conxunto local deu sensación de ter máis controlado. Boado desequilibrou a balanza mediada a segunda metade. Despois de encaixar o gol, o Portomarín tivo algunha opción para igualar, pero non o deu conseguido.

O Antas contará co factor Castro Seoane novamente

O Antas comezou con bo pé o 2025 e gañoulle ao Incio (0-2).Adiantouse no marcador antes do tempo de lecer por medio de Óscar Laya, despois de dominar máis.

Ao pouco de comezar segundo acto, Ruboi, míster visitante realizou catro cambios dunha tacada. Con todo, non chegou a reacción amarela. O Antas logrou o segundo tanto a través de Félix e sentenciou a eliminatoria.

O seguinte rival será o Santa Comba, equipo revelación da Segunda, que estivo exento da primeira elimintoria.

O Palas visitará ao Corgo

O Corgo dominou a un Bóveda (5-1) que tan só acudiu á cita con 12 xogadores. O cadro local xerou varias ocasións, principalmente na primeira metade.

Acabou o encontro con 5 goles, dous deles de David. Nos últimos minutos, os visitantes lograron o chamado tanto da honra.

O Palas superou pola mínima ao Sober nun encontro sen dominio avasallador de ningún, pero cun Palas máis controlador do partido. Marcou o único tanto mediada a primeira parte. Álvaro Barreiro foi o goleador.

O Monterroso B recibirá ao Paradela tras superar ao líder

Non era o máis previsible, pero estivo a piques de haber un duelo de filiais en dezaseisavos. Finalmente o Monterroso B acollerá ao Paradela.

A Sarriana B caeu co Paradela (3-4). Encontro entretido nun duelo de proximidade. O filial non se aminorou ante un equipo de superior categoría e realizou un gran encontro a nivel ofensivo. O Paradela púxose por diante, pero os locais igualaron cun gol de chilena de Johan. Despois, Xoel logrou a remontada momentánea. 

Empataría o Paradela e volveríase poñer por diante. Nico, en xogada individual, logrou a igualada. Nunha falta frontal, o conxunto visitante anotou o cuarto. No tramo final, o protagonista foi Eros. O gardamallas evitou o empate local en varias ocasións. 

O Monterroso B foi protagonista ante o Ferreira (3-0). Adiantouse cedo por medio de Yoni. Tratou de facer dano o Ferreira por medio do fútbol directo e os locais xeraban perigo á contra. Antes do descanso, Burgo marcou o segundo. 

A volta dos vestiarios, a tónica seguiu similar. Martín marcou de falta mediada a segunda metade para sentenciar a eliminatoria. 

O Brollón repetirá en terreo taboadense

O equipo preparado por Chura volverá a Taboada para continuar o seu camiño da Copa. A súa primeira rolda non tivo cor. O Brollón amosou a súa superioridade e non lle deu opcións o Relámpago (0-12).

Agora visitará a un Taboada B que foi capaz de eliminar ao Rubián (3-1). O filial do Taboada comezou o encontro con fortuna. Pita petoulle ao balón dende o medio do campo, a pelota pega no longeiro, logo no porteiro e entra a gol. Pouco a pouco, os visitantes foron medrando e empataron o resultado cun tiro dende fóra da área. 

Con todo, os locais buscaron a maneira de xerar perigo. Por medio do balón parado marcharon gañando o descanso. Pita pateou un corner que Braian rematou a gol. 

Tentouno o Rubián no segundo acto, pero non deu co gol. Antes da recta final, Pita quedou só ante o porteiro, tras un gran pase de Sergio, e sentenciou o cruce. O Taboda B termou da vantaxe a nivel defensivo ata o final. 

O Páramo xogará de visitante en Chantada

Encontro igualado no que O Páramo estuvo máis acertado de cara o gol ante o Río Sil (2-3). Ademais, a cita estivo condicionada, unha vez máis, pola meteoroloxía adversa. Os cinco goles marcáronse no primeiro tempo. 

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *