Máis de 60 futbolistas daránse cita no campo dos Catro Ventos de Carballedo o vindeiro sábado. Todos eles e todas elas foron sobranceiros e sobranceiras nos seus equipos ao longo da temporada 21/22, pero hoxe escollimos a dous deles para charlar con nós antes da segunda edición da gran festa do fútbol lucense.

Noe Pirés xa estivo con nós no I All Star na Marosa. A actual xogadora da SD Antas será unha das referencias da Selección Sur, dirixida por Ibán Crespo. Aportará veteranía e bo facer a un conxunto cheo de estrelas:
Futbolinlugo: Que agarda Noe Pirés deste II All Star?
Noe Pirés: Desfrutar moito dunha xornada repleta de fútbol que leva dous anos sen poder celebrarse. Un evento onde se lle da o protagonismo que merece ao fútbol da provincia lucense, tanto masculino como feminino.


FIL: Coñeces xa ás túas compañeiras?
NP: Coñezo a algunha, de xogar contra elas en liga ou en copa. Ou a Nuria Louzao, coa que levo compartiendo o fútbol desde que eramos cativas, e sempre é un placer coincidir con ela. Por outro lado, o bo de non coñecer ao resto é que vou poder facelo neste All Star.
FIL: Volviches este ano ao fútbol campo logo de pasar polo Futsal. Botabas de menos o verde?

NP: Sempre fun máis de sala, pero é un placer volver ao campo, e máis neste caso, que xoguei nun equipo que é como da familia (a SD Antas).

FIL: Teremos Noe Pirés para rato??
NP: Xogarei ata que deixe de desfrutar, que creo que é o fundamental. E bueno, ata que o corpo aguante.
Marcos Rodríguez Seijo (Abadín, 1990), pola súa banda, tamén estivo con nós en Burela. Daquela defendía as cores do Abadín. Agora, chega ao II All Star como xogador do Cabreiros. Cambiou de club, pero o que non cambiou foi a súa presencia entre os máis destacados. É o único xogador masculino que repite participación.
Futbolinlugo: Cal é o teu segredo para repetir participación?

Marcos Seijo: (Risas) Segredo non hai ningún…
FIL: É o Marcos Seijo de 2022 unha versión mellorada do que asistiu ao I All Star?
MS: Si, sempre tratas de mellorar. A ver que podemos facer, o Seijo é o mesmo pero sempre queres ir a máis.
FIL: Que esperas do II All Star Futbolinlugo?
MS: Sobre todo pasalo ben, convivir con todos os xogadores alí e desfrutar do gran traballo que facedes durante todo o ano e que vades facer tamén este sábado.

FIL: Coñeces aos teus compañeiros de este sábado?
MS: Do meu equipo conozo a Jacobo, o porteiro, e a Jose, o dianteiro do Cospeito. Contra Jairo do Burela xoguei fai anos, pero polo resto non moito. É unha xornada bonita porque tamén serve para coñecer novas caras e aos mellores xogadores da provincia. Os nomes sonan pero mola conocer xogadores doutras partes.
FIL: Co teu bo rendemento, é posible que deas un salto de categoría?
MS: Algunha oferta hai por aí, pero aínda non teño nada decidido. A ver que pasa.
FIL: Seguirá Seijo, por tanto, xogando ao fútbol moitos anos máis?
MS: Si, son 32 anos de momento, así que algún ano máis hai que botar.