
Calquera non pode dicir que con pouco máis de 20 anos pasara xa polo Real Madrid, aínda que fora pola súa canteira. Pero aínda hai moitos menos que poidan dicir que teñen a humildade e a fortaleza para sobrepoñerse aos problemas e pasar de xogar no Real Madrid C a facelo no Atlético Escairón. Pode dicilo Sergio Cabanelas (Monforte, 25-01-1996) a quen o fútbol lle permitiu estar na canteira dun dos mellores equipos do mundo, pero que tamén lle impediu vivir del a curto prazo. Unha lesión no ombreiro obstaculizoulle o camiño para acabala temporada no Real Madrid C. O ano seguinte presentouse a oportunidade de volver a Galicia, a un histórico como o Racing de Ferrol. Cando se deron as circunstancias para ser titular, de novo unha recaída impediulle debutar. Agora xa está recuperado e quere volver a sentirse futbolista nun dos equipos da súa zona, o Escairón, un recén ascendido a Preferente Norte. Ademais faino ca honra de vestir a camiseta do equipo do que seu avó foi socio dende a súa fundación. Unha homenaxe polo seu pasamento a finais do ano pasado. E nada mellor para volver a comezar, ca facelo ó lado da casa.
Futbolinlugo: Levas unhas semanas adestrando xa co Escairón, que tal o ambiente no equipo?
Sergio Cabanelas: Moi ben. A moitos xogadores xa os coñecía de Monforte e de xogar no Calasancio. Hai moi bo ambiente.
F: Agora vas compartir portería con Javi López, haberá competencia?


SC: Máis ca competencia, eu vou a sumar. A estas alturas de competición, competir con outro porteiro sen nin sequera facer unha pretemporada nin adestramentos longos, non é doado. Vou a sumar e a recuperarme ben da miña lesión para volver a sentirme futbolista.
F: O equipo está oitavo na clasificación, co obxectivo da salvación case cumprido, cal cres que é a meta agora?
SC: O obxectivo principal que se marcaron ao inicio de temporada era o de permanecer na categoría. Ese creo que máis ou menos está feito. Agora estamos coma quen di en terra de ninguén, pero gañando estes partidos que veñen con rivais directos creo que podemos engancharnos a algo máis. De momento, a meta agora é facer os 50 puntos e conseguila permanencia canto antes.

F: Que che parece a Preferente como categoría?
SC: É unha competición máis, aínda que é fútbol afeccionado hai xente con experiencia que xogou en Segunda B e Terceira. É outro estilo de fútbol, pero con campos difíciles onde hai que pelexar.
«No Real Madrid aínda que había bo ambiente a xente buscaba o seu»

F: Cales cres que son as diferenzas entre un equipo afeccionado como o Escairón e a canteira do Real Madrid?
SC: Nos equipos afeccionados hai moito mellor ambiente. No Real Madrid, por exemplo, cada un buscaba o seu obxectivo que era tirar para arriba, aínda que había bo ambiente a xente buscaba o seu. Aquí a xente busca o equipo; xoga por divertirse e pola ilusión de competir.

F: Hai presión nunha canteira como a do Real Madrid?
SC: Non. Cando cheguei si que dixen, teño que facer un bo ano porque teño que tirar para arriba que aquí hai xente mirándome. Pero no momento que estás alí, buscas facer un bo ano e traballar. Logo está a sorte que xa non depende de ti.
F: Como foron estes últimos tempos de lesión?
SC: Os dous últimos anos foron moi duros. Lesioneime co Real Madrid C e volvín recaer en Ferrol. Agora as cousas fíxenas con máis calma, non me precipitei e agardemos que agora vaia a definitiva.
F: Tiveches a oportunidade de xogar na selección sub-17, que significou para ti?
SC: É o maior que che pode suceder, sobre todo para un cativo. Chegas desde Monforte, o primeiro ano en Madrid fas unha boa campaña e ó seguinte chámate a selección cando hai un ano estaba xogando co Calasancio, no equipo do meu pobo. Foi unha experiencia sorprendente e ilusionante.
F: Contas na actualidade cun representante, cres que son necesarios no mundo do fútbol?
SC: Máis ca nada é un amigo. Nestas categorías non che fai falta moito representante, pero de cara o futuro para buscar outras metes si que o vexo necesario. Aínda que ti fagas moi ben o traballo, hai xente que se relaciona cos clubes, que sabe moverse…Chegan a sitios que ti ó mellor non podes chegar ca palabra.