Dous técnicos de renome máis para o All Star

Un par de incorporacións de luxo para os banquiños da gran festa do fútbol lucense

Entramos na recta final da preparación do All Star Futbolinlugo Burela 2019. A primeira gran festa do fútbol lucense, que recordamos; se celebrará na tarde do 29 de xuño na Marosa.

Alí estará convidado todo o fútbol da provincia. Aínda que só unha parte sobre o propio céspede. Será o recoñecemento á gran temporada feita e ao feito de aparecer durante moitas semanas do curso entre os Destacados das diferentes categorías.

Xa vos anunciamos en anteriores datas as primeiras incorporacións para o noso amplo staff técnico. Ao que temos que sumarlle dúas novas incorporacións. Pili Neira, primeira seleccionadora galega, respostou positivamente á nosa chamada. E súmase á gran festa do fútbol feminino. Pola súa banda, Roberto vivirá dende os banquiños o partido masculino entre os Sobranceiros da Preferente e Terceira Galicia vs Primeira e Segunda Galicia. O actual preparador de porteiros do CD Lugo reencontrarase na Marosa co seu amigo Pablo Álvarez. A Marosa presenciará o duelo de pizarras entre dous antigos compañeiros dun dos mellores Sporting de Gijón das últimas décadas.

Ademais, queremos comunicarvos o sistema definitivo de elección de xogadores para o partido masculino. Cada equipo contará con dezaoito xogadores, dos cales dous serán porteiros. Dezaseis deses integrantes serán escollidos por orde de puntuación entre os máis destacados de cada categoría, quedando dúas vacantes para invitados (responderán a motivos especiais coma a colaboración desinteresada con nós durante toda a temporada).

Chegados a este punto facemos tres aclaracións finais. Todas as categorías contarán co mesmo número de destacados (oito cada unha). En caso de empate a puntos entre dous xogadores, situarase sempre por diante a aquel que recibira menos tarxetas durante a temporada. Por último, cada conxunto do noso fútbol aportará un máximo de dous xogadores ao evento co obxectivo de extender o máximo posible a festa do fútbol lucense a todos os que forman parte del.

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 755

Deja un comentario