#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Diego Rey deixa a 2ª e adestrará no Pol

A saída de Diego Rey do San Lázaro marca a actualidade da Segunda Rexional. O míster sobe á Primeira para dirixir ao Pol. No conxunto polense non continúa Cholas logo de tres xorndas.

Diego pon fin a unha etapa de case catro temporadas no San Lázaro. Baixo as súas ordes o equipo gañou unha Copa Deputación e conseguiu un ascenso á Primeira cun ritmo espectacular de vitorias. O curso pasado descendeu e esta campaña mantívose sempre na metade da táboa no grupo sur da Segunda.

O adestrador xa estivera con anterioridade en Pol dirixindo ao conxunto xuvenil. Pode non ser o único integrante do San Lázaro que abandone o equipo lucense para fichar polo cadro do Manuel Luna. En principio, Corton pode acompañalo no cadro técnico e o futbolista Cadenas no cadro de xogadores.

En principio Cadenas acompañará a Diego Rey no Pol

O que si podemos adiantar tamén é a fichaxe polo Pol de Iván Parapar. O gardamallas tiña ficha dende hai uns días co Xermade, equipo no que xa estivera con anterioridade e co que estaba adestrando nos últimos tempos.



Finde decisiva?

Todas estas circunstancias inciden directamente nas seis xornadas que faltan por xogarse na 2ª. Quedan 18 puntos en xogo. O Meira ten unha cita clave este domingo de San Xosé. Visita As Valgas para xogar co Iberia. Se é capaz de gañar dará un golpe en riba da mesa que pode ser practicamente definitivo. Ademais saberá o que fixo o Folgueiro que xoga o sábado no campo do Pichón co Muimenta

Pola súa banda, o Guntín tamén se cita cun dos rivais da parte alta da clasificación. Recibe o domingo no Ladairo á Milagrosa. Se logra gañar tamén dará un paso de xigante porque agora mesmo conta cunha vantaxe de oito puntos co Friol e de nove co Ferreira. Ambos rivais polo liderado xogan o sábado os seus respectivos encontros.

Todo despois de que a 24ª xornada dera moito de si. Incluso houbo un porteiro goleador. Contámolo en #ONoso11AChaira



Oito encontros sen perder do Meira

Na zona norte, o líder volveu ao camiño da vitoria logo do empate da anterior xornada. Derrotou na Lomba ao Castro B. Suma 56 puntos e oito encontros seguidos sen perder. Mantén a diferenza de seis con respecto ao Folgueiro. 

O Meira adiantouse moi cedo cun gol de Farra. O filial vermello deu a cara ante o mellor equipo da liga no que vai de campionato. Logrou empatar xa avanzado o segundo tempo. 

Non obstante, os locais volveron marcar moi rápido e acabaron sentenciando. Con todo no Castro B non acabaron nada contentos coas decisións tomadas polo colexiado, que segundo apuntan foron parciais. 

O Folgueiro tamén retomou o de sumar tres puntos tras igualar na anterior finde. Neste caso superou ao Alfoz en Boa Vista. Como locais, o conxunto adestrado por Manuel Vicente só cedeu unha derrota (Cospeito) e dous empates (Iberia e Guitiriz) no que vai de tempada. 

O cadro do Vicedo adiantouse case do xeito máis inverosímil posible. Foi o porteiro Javi quen marcou. Puxo o balón en xogo dende o seu campo e o gardamallas rival mediu mal. Viuse prexudicado pola presión do atacante e o bote do balón que lle pasa por riba. 



Antes do tempo de lecer os locais conseguiron outro tanto por medio dun penalti. Xa no segundo tempo sentenciaron e o gol da honra visitante chegou nos últimos intres. 

O Folgueiro queda a seis puntos da cabeza e tres por riba do Iberia. O sábado visita a un Muimenta que apura as súas últimas opcións de volver engancharse á loita pola fase de ascenso. 

O Iberia mantense invicto

Na terceira posición mantense o Iberia. Segue sendo o único equipo do grupo que non perdeu na segunda volta. Na Segunda lucense só o Iberia e o Guntín non coñecen a derrota en 2023. O cadro de Reinante continúa a tres puntos do 2º e a nove do líder; sete con respecto á sexta praza.

O cadro preparado por José Manuel venceu ao Goiriz no Ventiño. Os visitantes faltoulles marcar o terceiro gol no primeiro tempo para sentenciar xa o partido antes do descanso. Non obstante, si chegou ao pouco de comezalo segundo e o Iberia levou mellor a circunstancia de quedar cun xogador menos coa expulsión do central Arón

Aínda así, marcaron o cuarto tanto da súa conta. Tamén nos últimos intres o Goiriz fixo o gol da honra. Sempre que pode pode amosa a súa capacidade goleadora. Nas últimas tres derrotas fixo gol.

En Goiriz volveuse producir a imaxe de cada temporada. A foto dos capitáns Manel e Marcos é un símbolo do noso fútbol. 100 anos de balompé xuntan entre os dous. Isto sumado a que nesta semana Marcos fixo 53 anos. Parabéns e que se sigan levando así de ben.  

O Cospeito e o Guitiriz marcan o play off

O Cospeito e o Guitiriz continúan empatados na clasificación con 44 puntos porque igualaron no seu enfrontamento directo. Seguen sendo a referencia para os equipos que aspiran a entrar dentro dos cinco primeiros.

Non houbo moitas ocasións na Fonte. O Cospeito tivo moita posesión de balón pero faltoulle profundidade. Aínda así foi quen se adiantou no marcador. Co gol de Adrián Paredes marchou gañando ao descanso. 

O Guitiriz presentouse mermado polas baixas. Volveu a contar con minutos o xuvenil Paulo, que xa participara en Barreiros hai un par de semanas. O segundo tempo seguiu unha tónica similar, pero os visitantes lograron empatar. Nunha acción a balón parado que termina rematando a gol Yani.   

Teñen catro puntos de marxe con respecto á Candelaria que se beneficiou nesta xornada. Recurtou dous puntos con respecto aos seus antecesores. Venceu na súa visita ao Celta Barreiros.

Precisamente o grupo dirixido por Jaime Matouse recibe o sábado na Granda ao Cospeito. Partido crucial para ambos. Na primeira volta o Cospeito gañara pola mínima na casa (1-0).

O Muimenta perdeu a oportunidade de recurtar distancias coa zona de privilexio. Queda a oito puntos do cuarto e do quinto posto logo de perder en Roupar. Por outra parte foi un triunfo importantísimo para os locais. Puxéronlle fin a xeira de sete derrotas consecutivas nun partido tolo.

O equipo celeste presentouse en cadro no Novo. Con baixas e con xogadores sen estar ao 100% dentro da convocatoria. Ao pouco de comezar o Roupar abriu o marcador e non tardou en chegar o segundo.

Con ese resultado chegouse ao descanso. A maiores no tempo de lecer oos visitantes perderon a Sunday que fora titular pero non estaba dispoñible para o segundo acto. Con todo, o Muimenta conseguiu empatar.

Xa na recta final, o Roupar sobrepúxose e marcou tres goles en moi poucos minutos. A pesar de todo, os pupilos preparados por Basi tampouco se viñeron abaixo e marcaron dous goles máis no tempo extra. O medo a perdelos puntos sobrevoou a parroquia pero finalmente quedaron na casa. Cuarta posición pola cola e enganchados a pelexa para salvarse dos arrastres.

Quinto partido sen perder do Xermade

O Xermade desfixo a fenda da clasificación e segue sumando puntos co obxectivo de non pasar apuros. Queda a 9 do play off, a un do 7º (Muimenta) e oito por riba da 12ª praza.

O equipo xermadino venceu no duelo directo á Comercial. Foi moi efectivo e deixou sen opcións aos locais. O conxunto dos irmáns Pena estivo serio atrás, sumou o seu cuarto partido seguido sen encaixar e amosouse moi efectivo na área rival.

O domingo volve xogar outro enfrontamento directo. Desta volta trátase dun derbi co Cabreiros. Cinco puntos de diferenza entre ambos e co precedente da primeira volta de 3-3.

O Alfoz queda na 9ª posición con 31 puntos. Este domingo tamén se enfrontará a un rival directo, a Comercial. O conxunto alfocense perde por sanción a Flavio, a Valea e a Dani Chin.

Séguelle cun punto menos o Cabreiros que venceu noutro duelo directo ao Fonsagrada. Hai entre eles seis puntos de distancia agora. O equipo preparado por Nico é antepenúltimo e segue metido na pelexa por evitar os arrastres.

Todo a pesar de que foi o Fonsagrada quen abriu o marcador e chegaron ao descanso gañando. Aí foron superiores os locais, pero logo tomaron as rendas do partido os visitantes. No segundo tempo o Cabreiros deulle a volta ao resultado con goles de Saúl e Cazás.

O Guntín amplia diferenzas

No grupo sur, o Guntín beneficiouse moito da xornada coa súa vitoria ante o Corgo. A derrota do Friol e o empate do Ferreira fai que teña agora unha distancia de oito e nove puntos, respectivamente.

A derrota mantén ao Corgo no último posto da clasificación. Ten catro puntos de distancia co Río Sil e cinco co Carballedo.

No segundo posto mantense o Friol a pesar de perder. Un punto de marxe sobre o Ferreira. Caeu na casa dun Sporting Lucense que non quere pasar apuros e abriu unha pequena fenda do 11º ao 12º posto. Sepárano seis puntos con respecto ao Chantada B.

O equipo preparado por Lolo gozou de máxima efectividade no seu feudo. Estivo moi acertado en ataque e salvou as ocasións do Friol cun gran Pablo baixo paus.

O Ferreira empatou co Paradela no duelo directo da zona alta da xornada. Enfrontáronse terceiro contra cuarto. Quedan cinco puntos entre eles. O equipo de Pantón acumula catro xornadas sen perder; mentres que o Paradela leva sete partidos sen derrotas.

Os pupilos adestrados por Rubén Bergantiños puxéronse por diante. Gran xogada de Alejo que asistiu a Romy. Os locais lograron empatar antes do descanso nuns bos minutos.

No segundo tempo, de novo foi o Paradela quen volveu tomar vantaxe. Os mesmos protagonistas foron autores dunha xogada parecida. Alejo volveu desbordar pola banda esquerda e deulle outro pase a Romy. Pouco despois, Iván empatou para os locais cun gran disparo dende lonxe que sorprendeu a Eros.

O Becerreá regresa ao play off

Á quinta posición volveu o Becerreá ao superar noutro dos partidazos da finde á Milagrosa. O equipo do tándem Antón Méndez e Javi Gómez empata a puntos con respecto aos de Frigsa. A maiores ten aínda un partido pendente de xogar co Lemos B.

No primeiro tempo dominou o Becerreá e marchou 0-2 ao descanso. No segundo acto, a Milagrosa cambiou de cara e foi superior. Nano marcou de volea logo dun centro de Anxo. Buscaron a igualada pero a pesar das ocasións non chegou.

O Oural volveu sumar de tres despois de tres derrotas seguidas. Derrotou ao San Lázaro e volve estar preto da zona de privilexio. Queda a dous puntos da quinta posición.

A actitude do cadro de Sarria cambiou con respecto aos últimos encontros. Amosáronse moi serios e tiveron algunha ocasión máis para marcar a maiores dos dous goles que anotaron.

Nun gran momento de forma está o Brollón. Superou pola mínima ao Río Sil. Non foi un encontro con grandes oportunidades de gol. O Brollón marcou o único tanto por medio de Maza nos últimos minutos do primeiro tempo onde inquedou algo máis a portería rival.

Saíron mellor os locais na segunda parte. Practicando un fútbol directo polo estado do campo tentaron apertar ao rival. Os visitantes lograron defenderse e termaron ben do resultado.

Tamén gañou o San Roque que ten seis puntos de diferenza co 12º. Derrotou a un rival directo como o Lemos B. Os locais dominaron na maior parte do partido en Montirón aínda que o filial si tivo algunha ocasión.

O San Roque xerou ocasións pero volveu ser a través do balón parado como chegaron os goles. Dous deles de penalti.

Quen non renuncia a salvación é o Carballedo. Saíu reforzado do derbi co Chantada B en plena fin de semana da Feira do Viño. É antepenúltimo, a cinco puntos do seus antecesor Lemos B.

Diego Rey deixa a 2ª e adestrará no Pol

A Porra de Futbolinlugo, 26

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *