O fútbol feminino continúa medrando na provincia, despois de que a SD Chantada fixese oficial o regreso aos terreos de xogo do seu equipo de fútbol. Once anos despois, o Chantada feminino volve estar federado e xa conta con Andrea, Belén, Iria, Marian, Mirian, Natalia, Noela e Rocío. O conxunto chantadino comparte protagonismo nesta pretemporada co Carballedo CF que tamén constituíu equipo e comunicou a incorporación de Alba Lobelle como a décima fichaxe neste verán.
No tocante ao fútbol masculino destacamos a marcha dun dos valores da canteira lucense fóra de Galicia. O lateral dereito Iago Carracedo, con pasado na base do CD Lugo, marcha cara o Peralada da Segunda B despois de rematar a súa fase xuvenil no Deportivo. O cadro catalán actúa nestes momentos como filial do Girona na Primeira División.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2018/06/IMG_8725-1024x1004.jpg)
No Racing Vilalbés chegou a segunda tanda de renovacións, logo das primeiras cinco fichaxes. Na defensa continúan o central focense Xusto Pardeiro e o lateral esquerdo David Buyo. No centro do campo mantense Alberto Lamas «Make» e na dianteira Arón. Na Preferente salientamos a renovación do viveirense Juan Manuel Pena «Bossa» que continuará sendo un dos referentes do As Pontes. Ademais a Sarriana ficha o mediocentro Diego Núñez que a última temporada vestiu a camisola do Castro.
Por último, o Cospeito xa ten a súa primeira incorporación. Trátase de Cristian Cancio que procede dos xuvenís do Racing Vilalbés que a temporada pasada xogou na División de Honra. O xogador adáptase a varias posicións dentro do terreo de xogo e será unha das poucas novidades do cadro cospeitense de cara a vindeira temporada. Ademais no grupo sur da Terceira chega unha nova fichaxe para o Río Sil; Manolo do Taxi «Malulo» que por diferentes motivos tivo que deixar o equipo volve ao cadro soberino para reforzar a defensa.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)