É difícil actuar cando afrontas unha circunstacia na que nunca te viches, pero é moito máis fácil se o fas con aqueles que te levaron ata alí. O Racing Vilalbés encara por primeira vez na súa historia a segunda eliminatoria dunha fase de ascenso á Segunda B. Este domingo (16:30h) chega á Madalena o Levante B despois de perder a súa eliminatoria de campións diante do Calahorra. Un dos que levaron ao cadro chairego ata aquí é Xusto Pardeiro (30-05-1987, Foz) que non estivo acertado no seu lanzamento na tanda de penaltis en Pulpí, pero unha vez máis, o equipo foi superior as individualidades. O tópico di que para marcalo hai que lanzalo; pero quen quita de que o seu fallo puxese nervioso o seguinte lanzador rival. En todo caso, #VilalbaÉDePlayOff.

Futbolinlugo: Que sensacións ten esta semana o vestiario ante unha nova cita histórica?

Xusto Pardeiro: Moi ilusionados. É a primeira vez que pasamos unha primeira rolda dunha fase de ascenso na historia do Rácing. Afrontamos a seguinte eliminatoria con moita ilusión e con moitas gañas de competir como sempre.

FIL: Que sabedes do Levante B?

XP: Vimos vídeos e Óscar xa nos comentou cousas. É un filial dun equipo de primeira polo que se lle presupón moita calidade. Están nun bo momento de forma, aínda que na fase de campións levaron un bo pau ao quedar sen ascenso nos penaltis. Terán gañas de resarcirse; aínda así, creo que ata nos pode vir vén polo seu xogo.

FIL: Como te sentiches nesa tanda de penaltis?

XP: Moi contento por ser a primeira vez que poñemos ao Rácing nesa situación. É certo que despois da parada de Pita sentínme moi liberado e máis aínda cando Villares marcou.

«Dixome Sergio: para que vas correndo?»

FIL: Din que só fallan penaltis quen os tira…

XP: Nos adestramentos teño tirado penaltis, pero non é o mesmo pola tensión e a presión que hai neses momentos. Tiven que ir buscar o balón ao córner e ese traxecto igual me pasou factura. Díxome Sergio: «para que vas correndo? foras andando». Ten razón, pero naqueles momentos non o pensas.

FIL: Como foi a organización dos lanzadores?

XP: Os cinco que tiramos estabamos preparados para tiralos. A orde púxoa Gilsanz segundo lle iamos dicindo quen se atopaba con máis confianza.

«Levo aquí catro anos e estou contentísimo»

Xusto foi titular en 32 partidos na liga e nos dous da fase de ascenso. Foto: Carlos Castro

FIL: É o momento máis importante para ti como futbolista?

XP: Vivín cousas moi importantes, pero quizias esta sexa a que máis por tratrase dunha fase de ascenso á Segunda B e, aínda por riba, co Racing. Levo aquí catro anos e estou contentísimo, xa é como unha segunda familia.

FIL: Levades unha serie de tempadas moi boas, cambiou algo nesta para chegar a promoción de ascenso?

XP: Máis ou menos seguiuse coa mesma rutina. Somos un equipo moi traballador e competitivo. Non cambiou nada, por exemplo, con respecto ao ano pasado que estivemos a un punto do cuarto. O vestiario está moi unido, e iso si que inflúe, pero os anos anteriores ocorría o mesmo. Creo que é máis unha prolongación a ese traballo.

FIL: Á marxe do Racing, estás pendente do fútbol lucense? O equipo do teu pobo volveu á Preferente

XP: No Foz xogan a maoría dos meus amigos de toda a vida. Moi contento porque conseguiran ese ascenso á Preferente. Estou pendente de todas as categorías do fútbol lucense.

«O Viveiro debería estar en Terceira»

FIL: A situación é máis complicada no Viveiro, outro dos teu ex-equipo, só o salva un ascenso voso ou do Compos…

XP: É unha pena que chegue a ese punto. Estiven moi agusto alí e traballábase moi ben. Non sei agora, pero para min é un equipo de superior de categoría. O Viveiro debería estar en Terceira.

FIL: Para rematar, que resultado queres para o domingo?

XP: Importante non encaixar sobre todo. Xa lle creas unha intertidume ao rival. Intentar gañar coa porta a cero, e un cero a cero tampouco é mal resultado para nós.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*