Na nova entrega do mercado comezamos pola novidades da Primeira Autonómica, na que se producen algunha baixa importante. Chumi deixa a SD Monterroso despois de 2 temporadas. Ademais, por mor da súa última lesión, darase un respiro baixo paus e continuará no noso fútbol pero como xogador de campo. O seu destino aínda non está confirmado. Tamén na Primeira o Lemos consegue a renovación dunha das súas pezas chaves. Diego Arias continuará no conxunto monfortino despois da gran temporada realizada. Pola contra, Diego Quiroga deixa o equipo e tamén en principio a práctica do fútbol. Na mesma categoría mantense Julio Corral que, despois de ascender esta campaña á Sarriana, tentará de novo repetir éxito no recén descendido Atlético Escairón. De primeiras xa o acompañan tamén no novo proxecto como xogadores Marcos Macía, tamén procedente da Sarriana, e Rubén Cidre do Ferreira.

Na Segunda Rexional destaca a primeira fichaxe do Mondoñedo FC que reforza a portería con Manu Pardo. O gardamallas mindoniense formado nas categorías do veciño Escolas Deportivas Lourenzá vestirá a vindeira temporada a camisola do equipo do seu pobo.
Na Terceira o Celta Barreiros realizou a segunda fichaxe da temporada. Jorge López, procedente do Foz, reforza o centro do campo do cadro céltico. Despois de que non vestise outra camisola que a do Foz, aos 19 anos busca novas experiencias no equipo de Barreiros. No anterior diario comentamos tamén a incorporación de Antón Moreda; non obstante non se trata de algo oficial e de momento o que é seguro é que fará a pretemporada co equipo.

