Continúa o período intensivo de mercado como certifican os nosos 40 episodios. E que os movementos non paran. Na Terceira División, o guntino Marcos Valín ficha polo Somozas. O gardamallas, procedente do Cerceda e con pasado en Racing de Ferrol, Depor B e CD Lugo, coincidirá no conxunto verdiblanco co tamén lucense Álex. Na Preferente Norte, o Escairón segue tentando apuntalar a confección do seu cadro de futbolistas e fichou ao defensa Diego Ogando “Meji” e ao mediocentro Couñago. Meji procede do Ribeiro da Primeira Galicia ourensá, despois de comezar a temporada pasada no Verín de Preferente; conta con experiencia na provincia xa que foi xogador do Lemos.

Falta pouco máis dun mes para que comece a temporada de forma oficial. A última fin de semana de agosto comezará na Preferente, mentras que a Primeira empezará 0 4 de setembro.

No Lemos, a xa confirmada chegada de Adrián Castañer súmanselle as incorporacións de tres xogadores procedentes do Bóveda como Adrián Armesto, Marcos Blanco e Miguelín. Ademais tamén chegan ao cadro adestrado por Edu o porteiro Arturo dende o Calasancio e Anthony (volve o Lemos despois de xogar xa noutras dúas ocasións) procedente do Atlántico FC da República Dominicana. O conxunto monfortino conseguiu renovar a un dos futbolistas máis destacados na difícil campaña pasada, o brasileiro Lucas Costa. Por outra banda o equipo da Pinguela xa ten planificados algún dos amigables que desputarán durante o verán. O 9 de agosto enfrontarase ao Brollón, o 12 xogará un triangular en Lalín, o 15 coa Sarriana e o 19 co Ferreira. Tamén na Primeira, o Valadouro continúa reforzando o seu cado de futbolistas. Adrián Maseda procede do Burela, equipo co que disputou no último curso 29 encontros como titular e marcou 10 goles.

Na Segunda Galicia, o Alfoz segue incorporando xogadores. Carlos del Río “Raposo”, Manuel Casariego, Borja procedente do Xove e Paco do Burela estarán a vindeira campaña baixo as ordes de Martín López. Pola súa banda, na Terceira o Fonsagrada xa ten novo adestrador. Trátase de Carlos Fernández Nogueira que aos seus 39 anos repetirá experiencia na categoría despois de adestrar na temporada 2014/2015 a AD Ferroviaria coa que conseguiu o ascenso e a posterior permanencia deportiva en Segunda. O adestrador tamén seguirá dentro da base da Milagrosa onde vén colaborando os últimos anos.

No tocante ao fútbol base, o porteiro do primeiro equipo do Chantada, Ferreiro será o adestrador de gardamallas de todos os equipos de canteira do conxunto chantadino.

Por último, no apartado dos nosos ilustres emigrantes xa coñecemos o destino de Nilo Rodrigues. O ex-xogador do CD Lugo e do Racing Vilalbés, entre outros, deixa as terras de Aragón e ficha por un equipo suízo, o AS Timau Basel de Basilea, en Suíza onde estará durante un tempo por motivos laboráis.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario