A once días de que se inicien as primeiras competicións oficias con protagonismo lucense, continuamos cun novo episodio actualizando os movementos de mercado na provincia.
O Racing Villalbés xa coñece o horario da súa estrea en 2ª RFEF. Xogará o domingo 3 (Domingo da Feira do San Ramón) ás 12:30h en El Requexón ante o filial do Real Oviedo, coñecido como Oviedo Vetusta. O resto do calendario do Racing pódese consultar aquí.
A segunda fin de semana de setembro comezarán a 3ª RFEF e a Preferente. Ademais rodará o balón na 3ª RFEF feminina que este curso contará co PM Friol e co CD Lugo como representantes.
Nesta última categoría, o PM Friol anunciou a renovación da futbolista camerunesa Muriel Lynda Mendoua. A atacante chegou á Reigosa no pasado mercado de inverno procedente do Getafe. Mendoua únese a máis xogadoras que xa contan con ficha no cadro friolés.


Na 3ª RFEF, a Sarriana suma ao seu cadro ao central canario de 19 anos Ale Velasco. A pasada campaña xogou no xuvenil da UD Las Palmas que competiu na División de Honra.
Na Preferente, o Ribadeo incorpora ao lateral zurdo senegalés Mounir que chega procedente do Luarca da 3ª RFEF asturiana. Dende Asturias apuntan tamén a súa capacidade ofensiva que lle pode facer xogar nun posto máis avanzado. Anteriormente xogou en equipos como o Llanera tamén asturiano. Ten 21 anos.
O conxunto preparado por Dani Moirtón tamén ficha ao central senegalés Ibrahima Ciss procedente do CD Mosconia da Primeira Rexional Asturiana (alí non hai Preferente). Ten 24 anos.

O episodio 391 trae novidades tamén no fútbol máis afeccionado:
Na Primeira Rexional, Ismael Varela ‘Isma’ continúa no Monterroso. O xogador criado na canteira de Cerdeiriños comezara a temporada pasada xogando no Antas. Con todo, xa no curso anterior regresou ao cadro ‘red’ para xogar tanto no filial como no primeiro equipo.
Na Segunda Rexional, o Roupar ficha a Adri Tembrás. O futbolista pontés non estivo xogando ao balompé nas últimas tempadas. O cadro verde competirá en Segunda despois de que o Castro B e o Fonsagrada renunciara a súa praza.
Na zona sur, o Antas mantén o bloque que xogou o curso anterior en Primeira e que anteriormente conseguira o ascenso. O porteiro Kevin Almuíña, Alejandro Varela ‘VV’, Jose Carlos Mosquera ‘Cumbraos’, Pablo García ‘Besteiro’, Félix Novo e Carlos manteñen o seu compromiso co equipo da Ulloa.
Na Terceira Galicia, o dianteiro de Espasande Ángel renova no Castroverde. Ademais o Relámpago Taboada ficha a tres xogadores: Ezzahir, Coto e Óscar. Anunciou tamén que seguirán no club Gamallo, Cheej e un dos xogadores máis mediáticos da provincia, Víctor Valiño ‘Valigol’.
