Voltamos fortes nesta mañá de martes. O Diario dun mercado de hoxe non vos vai deixar indiferentes. Iniciamos o repaso ao fútbol provincial pola Terceira RFEF. O gardamallas Ayoub renova no Viveiro. O club celeste comezou esta semana os adestramentos.
Na Primeira Galicia, o Chantada Atlético segue a presentar a súa clara candidatura ao ascenso. Os de Edu Rodríguez veñen de asinar a Rubén Portomeñe ‘Porto’, procedente do Pol. Un deses xogadores que aporta a calidade e a solidez necesaria para pelexar por grandes cotas. Ademais, selaron a renovación dos dous artilleiros do equipo. O pichichi Adrián Salgado ‘Tino’ vestirá de novo a branquivermella ao igual que o experimentado César.
O Santaballés ficha a Isaac Rouco, procedente do Riotorto. É o segundo futbolista vilalbés que chega este verán ao Santaballés procedente do Riotorto. Tamén fichou Manu Roca. No equipo da Liga continúa o pontés Jandro pero non segue Seo. Pola súa parte; Garra, Bugui, Castañeda, Paulo, Jorge e Noé mantéñense un curso máis no Lourenzá.

Na Segunda, os capitáns Tito e Diego renovan no Cospeito. E os veciños de Muimenta anuncian fichaxes. O cadro do Pichón incorpora ao atacante Jesús, procedente do Meira; e ao prometedor Óscar. No Brollón comunicaron a continuidade de Iván Chivi. No Palas fixeron o propio co capitán Marcos así como Julián, Tenerife, o desequilibrante Álvaro e o porteiro Yoni. Ademais, o Quiroga renova ao gardamallas Marquiños. Por último, Xavi e o arqueiro Jony causan baixa no Folgueiro.


Na Terceira Rexional o Bóveda ten novo adestrador. Trátase de Fernando Elcoso, que a anterior campaña dirixiu na segunda parte da competición ao Lemos B. No conxunto do Hermanos Somoza en principio seguirán catorce futbolistas da tempada pasada. A maiores incorporan a Álvaro Elcoso do Lemos B, a Héctor que sae dunha lesión e o seu último equipo foi o CF Monforte, Tamén a Alejandro e a Paulo que vivirán a súa primeira experiencia sénior así como a Denis, que levaba unhas campañas sen xogar.
O Páramo ficha ao atacante Héctor Platas, procedente do San Lázaro. No Goiriz non vai continuar o atacante Eladio. No cadro do Ventiño si renovan Fidel e Juan. Por último, o Celeiro incorpora ao porteiro David. O gardamallas vén de non estar xogando e militou no fútbol base na SD Viveiro.
Antes de despedirnos, un apunte de fútbol feminino. Na Segunda Rexional o Chantada anunciou a continuidade de Eva, Laura Caseiro, Andrea e Rocío Cudeiro. Bos mimbres para un proxecto de garantías no Sangoñedo.
