Isto é un non parar. O mercado non deixa de moverse cando aínda non rematou a temporada 22/23 Porén, moitos conxuntos preparan xa a 23/24 na procura de novas metas! É o caso da Residencia, que renova a Artai, López, Jorgito, Xabi e Dani Renda para asegurar potencial ofensivo un ano máis na Preferente Norte.
Tamén renova Jesús Gayol á fronte do Foz. O experimentado técnico tratará de devolver aos mariñáns á Preferente Norte co seu bo facer. Aínda así, son as baixas as que protagonizan as novidades de hoxe. Sen ir máis lonxe, Chumi deixa a portería dun Portomarín no que se prevén cambios.

Na Segunda, dous xogadores «bandeira» deixan o Brollón: Maikel, con pasado na base do Calasancio e incluso nas categorías inferiores do Osasuna, pon fin a trinta anos de fútbol nos que pasou pola Terceira División no Lemos. Retírase así no conxunto do seu concello, ao igual que o gardamallas David, que pasou por todas as categorías do fútbol amateur ata a Preferente, en clubes como Calasancio (base), Sober, Rubián ou o propio Brollón.
Na metade norte, o Cabreiros xa está preparando o seu novo proxecto na Segunda. Os do pontés Paco López veñen de anunciar as renovacións do seu central Totti e do porteiro Nesi para afrontar o oitavo curso consecutivo na categoría.

