Xa consumindo os primeiros días de agosto, pouco a pouco, os equipos da provincia iranse incorporando ás habituais sesións de adestramento do verán. Días de que volva rodar o balón e de coñecer aos novos compañeiros. Pero as presentacións non rematarán aquí porque aínda queda #DiarioDunMercado.
Desta volta, comezamos polo PM Friol que continúa anunciando as fichaxes para a nova temporada na que competirá no terceiro chanzo do fut fem estatal. A última en facerse oficial foi a cántabra Carlota Díaz. A lateral ou centrocampista ten experiencia na liga Reto Iberdrola en equipos como o Racing ou o Castellón.
Detémonos no Viveiro na Terceira RFEF que a semana pasada comezaba os seus adestramentos. De varios xogadores que ten a proba, o cadro celeste descartou ao andaluz Bereket e confirmou a fichaxe do lateral Nico Rodas, internacional sub-23 con Guatemala.

Na Primeira Rexional, comezando pola SD Burela temos a renovación de Kiko Mariño. O porteiro segue formando parte desa selección de xogadores aos que Futbolinlugo homenaxeu pola súa retirada, pero repensou a decisión. Cumprirá a súa segunda tempada seguida no equipo. O cadro verde tamén comunicou que o delegado Manu seguirá acompañando a Luchi e a Marrube no corpo técnico.


Baixando cara o sur, o Chantada Atlético, que comezou este luns a súa pretempada, anunciou a incorporación de Javier Mirás. O futbolista chantadino é zurdo e pasou pola SD Chantada. Veremos se xa conta con minutos no primeiro amigable, este venres ante o Rodeiro xa en terras do Deza.
Pola súa banda, o Escairón de Montoto continúa conformando o seu equipo. A última fichaxe é a de Iker Díaz. Procede do Calasancio xuvenil, aínda que xogou varios partidos co Lemos.

Na Segunda Rexional, o Brollón comunicou a chegada de dúas fichaxes. A zurda de Jorge chega procedente do Calasancio para vivir o seu primeiro ano como sénior; mentres que outra zurda, a de César, chega dende o Bóveda.

Na mesma categoría, o Chantada B suma dúas novas caras. Únense Brath e Raúl, procedentes do Relámpago Taboada. Tamén suma efectivos o Río Sil, Javi Castro ficha procedente do Bóveda.
Con respecto ao fútbol base, salientamos que Raúl Fernández será o adestrador da Sarriana xuvenil e tamén responsable do fútbol base do equipo da Ribela. No norte, Diego Fdez. ‘Carra’ e Samuel Pernas ‘Chumi’ serán os encargados de dirixir ao Viveiro xuvenil que compite na Liga Galega. Pola súa parte, Erik Rey e Raúl Reigosa prepararán ao equipo cadete da SD Burela.