Continúa a elaboración de #DiarioDunMercado como se non houbese mañá, pero a cuestión é que mañá volverá a haber outro. Algunhas das grandes empresas da provincia deberían apoiar este proxecto por solidariedade cos que, coma eles, producimos en serie.
Damos unha volta pola Terceira RFEF para contar a renovación do ribadense Aitor polo Arteixo. O extremo que xa xogou na categoría no Racing Villalbés, consólidase como xogador na Ponte dos Brozos onde conseguiu o ascenso este curso.
Na Preferente, Edrosa volverá ao fútbol e por fin debutará coa Residencia dous anos despois da súa fichaxe. As lesións lastraron ao futbolista da Pastoriza.
A Sarriana continúa anunciando as novas do seu novo plan para tentar o ascenso de categoría. Un plan asentado na base do ano pasado e tamén con caras novas, varias delas chegadas dende o Viveiro da 3ª. O club fixo oficial a renovación de Adri Díaz, como xa contaramos nesta casa, e comunicou a incorporación do lateral esquerdo Pablo Rey procedente do conxunto de Cantarrana. Aínda que introduce novidades de fóra de Galicia. Ficha ao dianteiro cordobés Adrián Fernández Rojas, procedente do CD Miajadas da 3ª de Extremadura.


Na mesma categoría, o ascendido Portomarín ficha a Carlos Casagrande. Un xogador de 36 anos que pode xogar como central ou mediocentro que procede do fútbol madrileño.
Na Segunda Rexional, non segue no Cospeito o lateral dereito Jose Teijeiro que reforzar o Catro Roldas na 3ª. Precisamente o Cospeito está tentanto volver formar equipo de xuvenís. A última vez que o tivo foi na tempada 18/19.
Seguindo na Terra Chá, o Goiriz comunicou a renovación de Borja ‘Messi’ que a tempada pasada volveu ao equipo logo dun tempo parado. Ademais o xoven Javi Lozano será o segundo adestrador do equipo. Con pasado como xogador, pero lastrado polas lesións, Javi ten experiencia adestrando na base do Racing Villalbés.


O cadro dirixido por Cora vai sufrir importantes cambios esta tempada coa marcha de pesos pesados no equipo como son Luisiño, Álex Muñiz, Alfonso ou Josiño.
Baixando cara o sur, Álex García é novo porteiro do San Lázaro. Procede do xuvenil da Residencia que competiu en Liga Galega. Pola súa banda (nunca mellor dito), o lateral Brais Barreira renova co Guntín. E máis ao sur o Brollón continúa comunicando novas referentes ao seu cadro de xogadores. Bertín e o porteiro Dani continúan nos Medos.
Na Terceira Rexional, o Páramo renova ao capitán Borjita e aos irmáns Hugo e Carlos Fontal.