A inminente chegada das competicións autonómicas e provinciais está a provocar unha explosión no mercado de fichaxes: fútbol afeccionado, fútbol feminino, fútbol base… todos eles son protagonistas no repaso de hoxe.
Comezamos o noso diario co fútbol feminino: Yanire, ex do PM Friol e das categorías de base do San Roque, será nova xogadora do CD Lugo. A de Becerreá aportará así experiencia e solidad defensiva ao seu equipo. Tamén hai novidades no Castro Seoane. Logo de completar a mellor campaña da súa historia, a SD Antas renova ao groso das xogadoras que conseguiron tal fazaña: Nuria, Yaiza, María, Mel, Elisa, Lindsey, Maite, Lucía, Paula Méndez; e incorporan a Noe Pires (Castro FS) e a Laura Vilela.
Xa na Primeira Galicia, a UD Xove Lago faise cos servizos de Unai Martínez, polivalente xogador que procede da UD Cebarca. Ademáis, o xuvenil Héctor Piñera formará parte do cadro de futbolistas do primeiro equipo. Ao mesmo tempo, Luis Varela renova no clube mariñán. Máis ao sur, o CD Castro incorpora a Marco, natural de Xustás e que vén de facer a pretemporada co Racing Villalbés de Simón Lamas.
Na Segunda, o CD Palas recupera a un histórico da vila: Koeman, que volve ao clube despois de varios anos. Por último, no fútbol base, Diego Pérez será o adestrador da Sarriana infantil.

