Borja (San Lázaro)

Diario dun mercado. Episodio 240

A Primeira Rexional ansía con que a competición se volva poñer en marcha logo de dezasete meses acumulados de parón. As datas marcadas pola Federación sitúan o inicio da competición na segunda ou na terceira semana de outubro. Os clubs están a piques de iniciar as súas pretemporadas e continúan confeccionando os seus cadros de xogadores.

As novidades no Diario dun mercado lévannos a Pol. O equipo preparado por Mourelos incorpora a Santiago Sommariva. O futbolista que xogou en Arxentina procede do Lemos. Ademais chegarán o dianteiro Álvaro Herrero e o central Álex Vázquez. Ambos fan a pretemporada co filial do CD Lugo e xogarán no Pol nunha especie de cesión. Os dous xogadores adestrarán dous días a semana co conxunto albivermello. O conxunto polense confirma as renovacións do gardamallas Luis Fernández, Iván González e Pablo Ruiz.

Na capital, o San Lázaro anunciou a renovación de Borja Figueiras ‘Pipita’. O que fóra o MVP do I All Star Futbolinlugo fará a súa sexta temporada no conxunto celeste. Pola súa banda, o Páramo fixo oficial as baixas do porteiro Fer, de Mateo, Corbelle (anunciado como xogador do Santaballés) e David. Tampouco seguirá Cumbraos por motivos laborais.

O Chantada Atlético suma ao mediocentro Caio Fabio para o seu proxecto. Chega procedente do Arzúa. No cadro chantadino continuará Cristian. Na zona norte, salienta a fichaxe de Óscar Sánchez Trasancos como porteiro para o Xove Lago.

No fútbol feminino, o PM Friol continúa cos seus anuncios de fichaxes. Nazaret Ravelo foi unha das últimas en ser comunicada. A xogadora canaria procede do CD Juan Grande. Tamén incorpora a defensora arxentina Keren Ailen Spiazzi.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 467

Deja un comentario