Diario dun mercado. Episodio 216

Vertixe. Esa é a palabra que mellor define o mercado no fútbol lucense. Fichaxes, baixas e renovacións a esgalla ao longo e ancho da provincia que vos traemos nesta nova edición do noso Diario dun Mercado.

O Viveiro protagoniza o mercado na Terceira. E faino con dúas fichaxes de categoría. A Cantarrana chega Marcos, logo de toda unha vida nas categorías inferiores do C.D. Lugo e de capitanear o seu filial as últimas temporadas. Tamén xogará no conxunto viveirense Luki. O de Friol da un chimpo logo de xogar os últimos anos nas filas do Ribadeo, co que xa debutou en categoría nacional.

A Preferente é a categoría onde temos o maior número de novidades. A Residencia renovou á maior parte do seu cadro de xogadores. Róber, Chiqui, Diego Bravos, Adri, Tebi, Iván Barrio, Javi Raposo, Adrián Rasilla, Dani Renda, Sergio, Yerai, Kevin, Lucas, Edrosa e Arturo seguirán unha temporada máis na cadro lucense. Máis ao sur, Manu Rodríguez retorna ao Chantada logo de xogar a última temporada nas filas do Lemos, que cubre a súa baixa coa chegada de Alami. O veterán central afronta unha nova etapa no conxunto monfortino logo do seu paso tamén pola Sarriana e o Escairón. Precisamente o conxunto do Saviñao tería a súa portería cuberta con Macía, Luis Rilo e Juancho.

Tamén o Ribadeo segue a perfilar a súa plantilla con Dani Moirón á fronte. O capitán Cube e Criss continuarán unha temporada máis, e Diego Núñez reforzará o centro do campo do conxunto mariñán. Será a segunda etapa do lucense no Pepe Barrera, logo de acadar un ascenso a Preferente na primeira ás ordes de Manolo Vilachá. No C.D. Foz seguirá Canario, capitán dos do Martínez Otero, e tamén Cristian, Rivera e Dani Chao.

Anxo Valcárcel retorna ao fútbol lucense e farao como adestrador do Chantada Atlético. O Burela anunciou a renovación de Xoel González “Macly“, que afrontará a segunda temporada no conxunto verde, malia que na primeira non puido debutar. Ademáis, os burelaos refórzanse con Juan Pablo Monzón “Chile“. O extremo ten experiencia no Ribadeo, Valadouro e Xove Lago, conxunto do que procede.

Santi Carballedo, un dos goleadores do Friol B nas últimas temporadas xogará a vindeira temporada nas filas do Matela.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 406

Deja un comentario