Diario dun mercado. Episodio 106

O mercado continúa movéndose. E antes de que a noite do sábado pase factura en forma de facer oficiais algúns movementos, repasamos as últimas altas e baixas no fútbol da provincia. Renovacións e incorporacións, pero sobre todo moito cambio nos bancos. Varios equipos do noso fútbol iniciarán na tempada que vén novos proxectos con troco de míster.

Na Terceira División, o Racing Vilalbés segue dando continuidade ao cadro de xogadores. Álex Pérez é a sexta renovación. O dianteiro coruñés atópase en pleno proceso de recuperación. Na recta final da campaña tivo que operarse ao romper a tibia e o peroné. Este curso foi o máximo goleador do cadro chairego con 9 tantos. Pola súa banda, na Preferente chegou unha nova incorporación para o Lemos. Borja Lorenzo “Tazos” volve pasar pola Pinguela. Procede do Polígono e conta con experiencia tamén no Ourense, Arenteiro ou Verín. Vén para reforzar o lateral do cadro adestrado por Edu Rodríguez.

Na Primeira Rexional, destaca a aposta pola xente da canteira na SD Burela. Renovaron Ramiro, Pablo Vila e Álex Esquerdeiro. Ademais regresa o dianteiro David Ben, logo do seu paso polo Viveiro xuvenil. Ademais no conxunto burela tamén renovan Jony e Adam. E segundo adianta El Progreso A Mariña, Abel Eijo será o novo preparador do Xove Lago. Abel adestrou boa parte da pasada temporada na Candelaria. Baixando cara a terras chás, Dani Montes renova no Castro e Marcos Núñez “Cholas” dixo adeus a súa etapa como adestrador do Outeiro de Rei. Quen continúa é Kadete. Non podía ser doutra forma. O gran capitán suma e segue. 20 temporadas co equipo do seu pobo e corazón. Ademais ten novo compañeiro no vestiario. David Barrio converteuse na primeira fichaxe do cadro chantadino. O centrocampista procede do Monterroso e vivirá a súa terceira etapa no Sangoñedo. Sen marchar de Concello, o Chantada Atlético comezou co seu anuncio de renovacións. Ivi e David Delgado “Congui” continuarán tamén ás ordes de Emilio.

Kadete cumprirá a súa 20ª temporada vestindo a camisola da SD Chantada

Na Segunda Rexional, Aitorín ficha no Sanci. Despois de poñer fin a súa etapa no Viveiro en Preferente por motivos laborais pode ser unha das pezas chaves do conxunto mariñán. Volve ao club no que se formou. Nico deixa de ser o adestrador do Iberia. Pon fin a súa etapa de cinco campañas. O seu substituto é José Manuel que esta pasada tempada comezou adestrando o Cabreiros e rematou no Xove Lago en Primeira. Marchando cara a zona sur, o Incio anunciou as renovacións de Iván Carnero, Orlando e Samuel. Ademais chega o porteiro José L. Serrano “Lisboa” procedente do Páramo e Fede Vázquez que vén dende o Bóveda. O Río Sil comunicou a chegada de Jordi Oliveira procedente do Calasancio xuvenil. Ademais dous rapaces da zona, Juan de Mer e Álex, comezarán a adestrar co cadro soberino. Sen experiencia anterior.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario