#Fútbol afeccionado

Diario dun mercado. Episodio 106

O mercado continúa movéndose. E antes de que a noite do sábado pase factura en forma de facer oficiais algúns movementos, repasamos as últimas altas e baixas no fútbol da provincia. Renovacións e incorporacións, pero sobre todo moito cambio nos bancos. Varios equipos do noso fútbol iniciarán na tempada que vén novos proxectos con troco de míster.

Na Terceira División, o Racing Vilalbés segue dando continuidade ao cadro de xogadores. Álex Pérez é a sexta renovación. O dianteiro coruñés atópase en pleno proceso de recuperación. Na recta final da campaña tivo que operarse ao romper a tibia e o peroné. Este curso foi o máximo goleador do cadro chairego con 9 tantos. Pola súa banda, na Preferente chegou unha nova incorporación para o Lemos. Borja Lorenzo «Tazos» volve pasar pola Pinguela. Procede do Polígono e conta con experiencia tamén no Ourense, Arenteiro ou Verín. Vén para reforzar o lateral do cadro adestrado por Edu Rodríguez.

Na Primeira Rexional, destaca a aposta pola xente da canteira na SD Burela. Renovaron Ramiro, Pablo Vila e Álex Esquerdeiro. Ademais regresa o dianteiro David Ben, logo do seu paso polo Viveiro xuvenil. Ademais no conxunto burela tamén renovan Jony e Adam. E segundo adianta El Progreso A Mariña, Abel Eijo será o novo preparador do Xove Lago. Abel adestrou boa parte da pasada temporada na Candelaria. Baixando cara a terras chás, Dani Montes renova no Castro e Marcos Núñez «Cholas» dixo adeus a súa etapa como adestrador do Outeiro de Rei. Quen continúa é Kadete. Non podía ser doutra forma. O gran capitán suma e segue. 20 temporadas co equipo do seu pobo e corazón. Ademais ten novo compañeiro no vestiario. David Barrio converteuse na primeira fichaxe do cadro chantadino. O centrocampista procede do Monterroso e vivirá a súa terceira etapa no Sangoñedo. Sen marchar de Concello, o Chantada Atlético comezou co seu anuncio de renovacións. Ivi e David Delgado «Congui» continuarán tamén ás ordes de Emilio.

Kadete cumprirá a súa 20ª temporada vestindo a camisola da SD Chantada

Na Segunda Rexional, Aitorín ficha no Sanci. Despois de poñer fin a súa etapa no Viveiro en Preferente por motivos laborais pode ser unha das pezas chaves do conxunto mariñán. Volve ao club no que se formou. Nico deixa de ser o adestrador do Iberia. Pon fin a súa etapa de cinco campañas. O seu substituto é José Manuel que esta pasada tempada comezou adestrando o Cabreiros e rematou no Xove Lago en Primeira. Marchando cara a zona sur, o Incio anunciou as renovacións de Iván Carnero, Orlando e Samuel. Ademais chega o porteiro José L. Serrano «Lisboa» procedente do Páramo e Fede Vázquez que vén dende o Bóveda. O Río Sil comunicou a chegada de Jordi Oliveira procedente do Calasancio xuvenil. Ademais dous rapaces da zona, Juan de Mer e Álex, comezarán a adestrar co cadro soberino. Sen experiencia anterior.



Diario dun mercado. Episodio 106

O partido da xornada . . .

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *