Destacados Primeira. Xornada 20

Cambio na zona de ascenso, derbis de norte a sur e un hat trick nun duelo clave pola permanencia

*Friol-Santaballés: Os de Dani Moirón suman e seguen nunha praza moi complicada. O resultado foi un tanto enganoso. A primeira metade convertiuse nunha batalla a cara de can, cunha intensidade tremenda. Empate técnico. Na reanudación, o efectivo exercicio de contragolpe do Santaballés explica o resultado. Vérez asinou un dobrete.

*Lemos-Burela: A historia de case sempre na Pinguela. Ritmo alto e superioridade do líder. Simón evitou a goleada do conxunto monfortino nun partido de claro color local. Aínda así, o Burela deixou mostras do seu traballo semanal.

*Chantada Atlético-Monterroso: O conxunto de Fran García sobrepúxose a unha primeira media hora de control visitante. O Monterroso adiantouse porén os chantadinos igualaron antes do descanso. Os de Cerdeiriños cometeron erros na saída de balón na segunda metade e así chegou un novo tanto local. O Chantada Atlético rematou goleando á contra e Roberto Rielo presentou a súa dimisión coma técnico dos da Ulloa.

*San Ciprián-Pol: O cadro mariñán perdonou na primeira metade e só puido conseguir un tanto de Borja Mella preto do descanso. Na reanudación, o Pol cambiou a súa cara. Avisou un par de veces e firmou a igualada. No tramo final, un erro defensivo do San Ciprián propiciou a victoria do conxunto de Abad.

*Residencia-Riotorto: Triunfo pola mínima da Residencia ante un Riotorto que pelexou ata o pitido final. Os de Álvaro Meilán abriron a lata nunha primeira metade na que tiveron ocasións para asinar algún gol máis. Os de Labrada melloraron e tiveron máis control tralo descanso. Iso sí, as oportunidades resultaron escasas para ámbolos dous conxuntos e o marcador non se moveu máis.

*Xove Lago-Sporting Pontenova: Un solitario gol de Samuel decidiu o derbi mariñán. O Xove Lago tivo oportunidades suficientes para golear ante un Sporting Pontenova que morreu en área contraria. Dende o cadro do Municipal fixéronnos saber o seu malestar coa actuación arbitral a pesares do triunfo.

*Outeiro de Rei-Atlético Escairón: Un irrecoñecible Outeiro de Rei perdeu a segunda praza ante un gran Atlético Escairón. Ao minuto, os do Saviñao xa mandaban no electrónico. Os de Cholas despertaron e Trigo e Redondo puideron empatar. O propio Trigo resarciuse e igualou na reanudación cun testarazo. No tramo final, Julito quedou só dentro da área e levou os tres puntos para o sur da provincia. Coma anécdota, os dous primeiros tantos do encontro foron en propia porta.

*Pastoricense-Páramo: Duelo moito máis nivelado do que semella polo resultado final. Primeira metade igualada e sen goles. Na segunda, o Pastoricense empezou mellor e puxo terra de por medio cun dobrete de Dani. O Páramo dispuxo de oportunidades suficientes para empatar e só Dieguito viu porta. De tódolos xeitos, un erro de Lisboa deixoulle o triunfo en bandexa a un cadro local no que Dani asinou un hat trick.

*Taboada-Chantada: Derbi disputado nun Castro Seoane de Antas ao que se tiveron que acostumar ambos equipos. Taboada e Chantada apostaron por un fútbol máis directo. Os do Sangoñedo marcaron nada máis comezar e administraron ben a súa vantaxe, durante case todo o choque, ante un rival que apretou en busca do empate. Os de Martín Murado atoparon o seu premio nun barullo a escasos minutos do remate.

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 752

Deja un comentario