#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

David Páez porá a proba ao filial do CD Lugo na 1ª xornada

Foto de portada: vía Futgal

O Viveiro, o Polvorín – Lugo B e a Sarriana xa teñen as datas dos partidos da temporada 23/24 na Terceira RFEF. O novo curso comezará a segunda fin de semana de setembro. Polvorín – Estradense (adestrado por Páez), Viveiro – Bergantiños e Gran Peña – Sarriana serán os primeiros encontros.

Con respecto á organización da competición, cómpre lembrar que rematou o experimento dos 16 equipos. A categoría, a partir de agora, terá 18 conxuntos. Ademais dos tres da provincia, estarán o Somozas, o Betanzos, o Silva, o Arteixo, o Paiosaco, o Bergantiños e o Arzúa na provincia da Coruña.

Os representantes de Pontevedra serán o Estradense, o Arousa, o Pontevedra B, o Alondras, o Gran Peña e o Rápido de Bouzas. A UD Ourense e o Barbadás son os dous equipos da provincia de Ourense.



O filial do CD Lugo inaugurará a campaña na casa recibindo ao Estradense. Logo do descenso dende a 2ª RFEF (e tamén ao non continuar o primeiro equipo no fútbol profesional), está sendo un verán de cambios na estrutura albivermella. Roberto Fernández traballa xa como novo adestrador do equipo.

O Estradense chegará a Lugo nesa primeira xornada de liga cun técnico lucense no banco. David Paéz chegou este verán ao club logo de facer unha gran recta final de campaña co Alondras. Dáse a casualidade, que Paéz ocupa o lugar que deixou no Estradense outro lugués, Nacho Fernández Pacios.

Pola súa parte, o Viveiro estréase na temporada contra o Bergantiños en Cantarrana. Alberto López segue aos mandos por segundo ano pero, con novos cambios no cadro de xogadores.



A primeira cita será ante un rival que apunta alto. O cadro de Carballo vén de descender, pero conformou un proxecto candidato de novo a subir de división (entre outros, co regreso do monfortino Iago López).

A Sarriana vén de conseguir un histórico ascenso. Tocaralle viaxar na primeira xornada. Visitará Vigo para enfrontarse ao Gran Peña (equipo que exerce como segundo filial do Celta).

Precisamente atoparase co seu pasado o novo preparador do equipo de Sarria. Jorge Cuesta chegou este ano á provincia tras unha experiencia en China. Antes estivo case unha década na base do RC Celta. Nesa primeira visita, seguro que se reencontrará con varios xogadores adestrados por el.

Haberá tres primeiros adestradores lucenses na categoría: Roberto Fernández, Alberto López e David Páez.
  • Datas da temporada:

Esta campaña non se producirán as consecuencias da anterior. A liga non rematará tan cedo e os xogadores non terán a marxe de manobra para xogar noutras categorías como aconteceu hai uns meses. As 34 xornadas das que consta a competición estenderanse ata a segunda fin de semana de maio.

Non están programados partidos intersemanais na primeira volta nin para a Ponte de Decembro. De feito, esa semana (finde incluído) hai parón da liga. É dicir, en decembro xogarase a primeira finde (2-3) e a terceira (16-17). Logo detense tamén polo Nadal.



A liga retómase xusto por Reis (que coincidirá en sábado). A segunda volta iniciarase a última fin de semana de xaneiro. Haberá competición a finde do Entroido (sábado 10 e domingo 11 de febreiro) e tamén en Semana Santa que coincide xusto a última semana de marzo.

Nesas datas que son especiais por Viveiro, o cadro celeste xogará na casa a finde do Domingo de Ramos ante o Gran Peña. Na propia Semana Santa viaxará a Arzúa.

A única xornada intersemanal prevista é na antepenúltima cadrando co día 1 de maio (día do traballo) que coincide en mércores. Na segunda quincena de maio comezaríase a xogar a promoción de ascenso.

Mauro Busi e Samu Quintela xogarán na Terceira co Viveiro logo de ser fichados procedentes do Club Lemos. Ambos xogaron o III All Star Futbolinlugo en Mondoñedo.
  • Duelos provinciais:

Ao longo da temporada produciranse seis encontros entre os equipos da provincia. O primeiro está previsto para a cuarta xornada. A primeira finde de outubro, ás portas do San Froilán, xogarán na Ribela a Sarriana e o Polvorín.

Trátase dun enfrontamento moi destacado xa que varios dos xogadores que conforman o cadro da Sarriana formáronse na estrutura do CD Lugo. Mesmo varios deles foron protagonistas dende que o CD Lugo asinara o convenio co Polvorín, pasara a ser o seu filial e fora ascendendo divisións dende a Primeira Rexional.

A volta en Lugo, previsiblemente na Cheda, desputarase na terceira semana de febreiro; a seguinte despois do Entroido.

O Viveiro – Polvorín xógase na última fin de semana de novembro; correspóndese a xornada 11. O encontro en Lugo está fixado para a segunda semana de abril.

Na penúltima xornada da primeira volta será cando se xogue o Viveiro – Sarriana. Tamén será día de reencontros para o míster Alberto López (que adestrou o conxunto da Ribela) ou para o viveirense Aldán Nadal que vén de fichar este verán pola Sarriana.

Ademais xogadores como Arona Sané ou Edgar Redondo veñen de xogar o curso anterior con ambos clubs. Primeiro no Viveiro e despois (ao rematar a tempada da 3ª RFEF tan cedo) na Sarriana no último mes de competición. Ambos futbolistas continúan no equipo sarriao.

A primeira fin de semana de maio xogarase o encontro na Ribela. Será nun momento decisivo da temporada, despois só faltará un partido para finalizar a fase regular.

  • Os primeiros cinco do Viveiro:

Viveiro – Bergantiños

Pontevedra B – Viveiro

Viveiro – UD Ourense

Alondras – Viveiro

Viveiro – Somozas

  • Os primeiros cinco do Polvorín:

Polvorín – Estradense

Silva – Polvorín

Polvorín – Betanzos

Sarriana – Polvorín

Polvorín – Arousa

  • Os primeiros cinco da Sarriana:

Gran Peña – Sarriana

Sarriana – Arzúa

Barbadás – Sarriana

Sarriana – Polvorín

Estradense – Sarriana

A Real Federación Galega de Fútbol realizou este sábado o sorteo do calendario fóra das súas propias instalacións. O evento desenvolveuse no Pazo da Paínza, en Viladavil, no Concello de Arzúa. Contou con representación dos clubs que participarán na división. Pódese consultar o calendario completo aquí: Calendario 3ª RFEF 23/24

*Na foto de portada Diego Cabo, coordinador da base do CD Lugo, posa cunha nova camiseta do club xunto ao representante do Estradense.

David Páez porá a proba ao filial do CD Lugo na 1ª xornada

Diario dun mercado. Episodio 377

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *