O Santaballés está asinando un comezo de temporada moi positivo. Logo de 11 xornadas, o balance para os de Freire é de 20 puntos, con 6 victorias e 2 empates no seu haber. A segunda destas igualadas chegou a pasada fin de semana diante do CD Castro (0-0).
O punto que sacaron os chairegos diante do cadro dirixido por Dumi é máis meritorio, se cabe, pois os da Liga chegaron ao duelo sen gardamallas. Así, Daniel González Pena ‘Dani Sam’ puxo as luvas para defender a portería do seu equipo. Ao final dos 90′ regulamentarios, o centrocampista non encaixara ningún gol e conservara 1 punto de ouro para o seu conxunto.
Futbolinlugo: Que motivou a ausencia de porteiro o pasado domingo?
Dani Sam: Ivo estaba sancionado logo da súa expulsión en Xove. Os outros dous porteiros, Comor e Hervi, estaban mancados. Aínda que Comor procurou recuperarse, non foi capaz e tiven que xogar eu.


Fil: Entón asumir as luvas foi unha decisión meditada.
DS: Si, xa desde o luns sabía que era probable, e o mércores o adestrador xa me dixo cal era a situación e a ver se quería poñerme eu de porteiro. Eu aceptei sen problema, así que xa estaba decidido. É certo que ata o mesmo domingo estivemos agardando a ver como estaba Comor, pero non se recuperou e xoguei eu.
Fil: Houbo debate no vestiario para ver quen se poñía?

DS: Non, todos aceptaron. Cando hai bromas no vestiario sobre unha situación así sempre se fala de min, pero estaba bastante claro por parte do técnico tamén.

Fil: Como era o plan de partido diante dun rival que destaca pola súa proxección ofensiva?
DS: A preparación non variou moito con respecto a outros choques. Obviamente, queriamos ter as máximas precaucións, evitar disparos a portería… tiñamos que intentar estar sólidos, pero a idea de xogo non foi moi distinta a outros partidos.
Fil: Xogaras algunha vez baixo paus?
DS: Si, eu fun porteiro na base do Racing Villalbés ata infantís de primeiro ano. Freire xa o sabía, tamén. Xogo a Batalla de Porteiros de Vilalba e tamén pola miña personalidade me pediu que xogase nese posto.

Fil: Deuche moito traballo o bo xogo ofensivo do Castro?
DS: A defensa estivo moi sólida, de feito non tiven que intervir en ningún disparo claro contra a miña portería.
Fil: Non houbo intervencións de mérito?
DS: Tiven que participar nalgunha saída, algún centro lateral… debaixo dos paus nada. O equipo traballou moi ben a nivel defensivo e aforráronme a min ese traballo.
Fil: Logo teremos que agardar á vindeira xornada para velas?
DS: (ri) Non, agardemos que non haxa máis sustos e que volva á parte atacante do equipo.
«O Santaballés«
Fil: Semella que o Santaballés vai loitar ata o final polos postos de promoción.
DS: Si, este ano temos un grupo máis longo que outras temporadas. Agora chegamos con efectivos á fin de semana, estamos facendo convocatorias… empezou o ano ben e agora trataremos de loitar o máximo contra todos os rivais.
