Cholas, Outeiro “Nos primeiros momentos lévaste un apuro, pero sen máis”

Terceira xornada da Preferente. Partido na Porta Santa. O Paiosaco, un dos protagonistas da zona alta na última temporada, recibía ao Outeiro de Rei, un recén ascendido con moitas gañas. Os locais adiantáronse ben cedo no marcador, pero os pupilos de Peón non se asustaron, só o fixeron arredor do minuto 20 cando o seu compañeiro Marcos Núñez Rey “Cholas” caeu ao chan despois dunha disputa por un balón cun contrario. Aínda que se use a fórmula con frecuencia nisto do fútbol, os verdadeiros sustos non veñen cando encaixas un gol. Por sorte todo quedou nun susto e, a pesar de que a ambulancia veu recoller a Cholas ao campo, o xogador xa está recuperado. A comezos de semana estívose tratando do pescozo, pero o xoves xa volveu adestrar co grupo e está a disposición do técnico para xogar este domingo ás 17:00h co Viveiro. 

Futbolinlugo: Como foi a xogada na que caíches ao chan?

Cholas: Unha primeira disputa dun balón dividido entre o lateral esquerdo do Paiosaco e eu na que el vai máis forte ao balón, protéxese ben e eu vou un pouco máis brando. Nesa disputa caio ao chan e dou un golpe coa cabeza para atrás.

FIL: E que pasou despois?

C: En ningún momento quedei inconsciente. Costábame poñerme de pé e quedei un pouco conmocionado. Cando me conseuiron levantar, senteime no banco e esperamos a que chegase a ambulancia. Na viaxe de Paiosaco á Coruña xa ía ben, por protocolo fixéronme unha serie de probas para decartar calquera complicación.

FIL: Foi máis ca nada un susto?

C: Sobre todo nos primeiros momentos que estás “medio tonto” e lévaste ese apuro, pero sen máis historias.

O Outeiro volveu este ano a Preferente e non conseguiu sumar ningún punto nos primeiros tres partidos

“Os resultados son desfavorables pola falta de acerto cara o gol”

FIL: Unha vez recuperado e repasando o inicio da competición, que valoración fas ata o momento?

C: Estamos competindo en todos os encontros. Os resultados son desfavorables pola falta de acerto cara o gol que estamos tendo. En todos os duelos damos a cara, agás o primeiro partido en Dubra onde pecamos un pouco a novatada. Polo xeral, xeramos moitas ocasións. Aínda así, agora estanos pesando non sumar, cada partido que pase supoño que irá aumentando esa presión.

FIL: E sen tempo para lamentarse, chega unha nova cita, desta volta un duelo provincial, como ves o partido?

C: Co aliciente de que todos nos coñecemos. O Viveiro ten esa presión de gañar para estar nos postos altos da táboa e non quedarse descolgado como lle pasou o ano pasado. E nós tamén temos esa presión de sumar os primeiros puntos, sobre todo na casa que é onde nos temos que facer máis fortes.

“Non nos queremos volver tolos nestas primeiras semanas”

FIL: Estades preocupados no vestiario pola falta de puntos?

C: Os puntos son os que che dan a vida. Pero esta semana, vindo de tres derrotas, ves a xente e adestra moi ben. Nese sentido, máis que preocupados, estamos ansiosos de conseguir eses puntos, pero sen quitar castañas ao lume e sen querer volverse tolos nestas primeiras semanas.

 

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario