Chegan as II Xornadas Futbolinlugo Burela Bonita

O próximo 1 de novembro contaremos de novo cun elenco de luxo

Prometemos que despois disto imos estar un tempo quieteciños. Pero quedaba unha traca máis para este 2021. Volven as II Xornadas Futbolinlugo Burela Bonita. Esta casa, en colaboración co Concello de Burela, regresa cunha serie de relatorios de adestrador@s galeg@s. Un congreso que se celebrará, de novo, no Salón de Conferencias pertencente ao Concello de Burela; edificio coñecido como ‘Correos Vello’. A cita obrigada xa ten data: o próximo 1 de novembro, día festivo.

O acto contará cunha maior presenza de público, con respecto á edición anterior. É o que ten isto de ir desescalando na pandemia. E, por suposto, de xeito completamente gratuito. É máis, todos os asistentes terán un ‘welcome pack’ de benvida e opción a comer na propia vila mariñana por un módico prezo. Podes xa anotarte para acudir presencialmente enviando un correo a futbolinlugo@gmail.com co teu nome e apelidos, DNI e teléfono de contacto (protocolo COVID).

Rubén Arce, na súa etapa en Villarreal. LUGO XORNAL
Fiso Ronda

O formato é o mesmo que na primeira edición de Futbolinlugo Burela Bonita. Seis relatores de luxo con media hora de exposición para cada un. E dez minutos de desconto para someterse ás preguntas que os asistentes estimen oportunas. Concluiremos o día de festa cunha pequena mesa redonda cos distintos adestradores participantes nos relatorios.

O encargado de abrir as xornadas será adestrador de porteiros do CD Lugo, Rubén Arce. Un home con interesantes e notables experiencias tanto na base do Alavés como dunha das canteiras máis sonadas do fútbol estatal, a do Villarreal.. Na quenda de mañá tamén contará co seu espazo a adestradora do Lugo feminino Iria Rey e o segundo adestrador do Compostela, antigo analista, Fiz Rodríguez. O da Pastoriza reencontrarase en Burela co seu anterior ‘xefe’ Yago Iglesias, que repite con todos nós despois do éxito rotundo que colleitou na estrea destas Xornadas Futbolinlugo Burela Bonita.

Fran Justo

Deixamos dous pratos fortes para despois de xantar. Un dos técnicos de moda e máis prometedores do panorama galego estará na Mariña. Fran Justo, preparador do Arenteiro, completará un cartel no que tamén teremos a Óscar Gilsanz, campión de España co RC Deportivo xuvenil. O antigo preparador do Racing Villalbés, agora no Fabril, regresa á provincia para agasallarnos cos seus coñecementos.

Dende Futbolinlugo agradecemos a aposta que fai, de novo, o Concello de Burela polo noso fútbol. Tal e como xa acontecera coa primeira organización do All Star Futbolinlugo e nas propias I Xornadas deste Congreso. Ademais, tamén lle damos as grazas aos distintos patrocinadores que nos amosaron o seu apoio, especialmente a Gadis, Deportes Élide e El Progreso.

PROGRAMA

10:00 horas. Rubén Arce: «Unha aproximación ao micromundo do adestrador de porteiros».

10:45 horas. Iria Rey: «A profesionalización do fútbol feminino dende a base».

11:30-12:00 horas. Descanso.

12:00 horas. Fiz Rodríguez: «Departamento de anáise dun equipo semiprofesional. Exemplo dun microciclo».

12:45 horas. Yago Iglesias: «Plan de partido. Estratexia operativa en función do rival».

Parada para xantar.

16:30 horas. Óscar Gilsanz: «Formar e competir».

17:15 horas. Fran Justo: «Adaptarme ao contexto mantendo a miña esencia».

18:00 horas. MESA REDONDA.

18:45 horas. Clausura.

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 779

Deja un comentario