O CD Lugo suma tres importantes puntos

Empate nun gran partido do PM Friol

Despois da mala imaxe da xornada pasada, o PM Friol amosou ante o Villa de Simancas unha cara ben distinta. As friolesas saíron ao campo moi enchufadas, competindo moi ben e facendo un gran partido. Porén, adiantouse o Villa de Simancas nunha xogada a balón parado.

Antes de chegar ao descanso, o PM Friol anotaría un gol que finalmente foi anulado nunha decisión arbitral se cadra bastante discutible.

Porén, nada máis volver dos vestiarios sería Balo quen poría o 1-1 no luminoso que xa non se movería pese ás múltiples ocasións de gol que desfrutaron as friolesas para ter traído incluso os 3 puntos.

Ambos equipos remataron con 10 un partido moi estrano.



Os tres puntos en Asturias veñen para Lugo

As albivermellas saíron ao partido ante o Sporting de Gijón B cun gran despregue de xogo, controlando o partido en defensa e creando perigo en ataque dende o primeiro intre do partido.

En tan só 4 minutos de xogo, Iria abriu o marcador amosando o bo momento do equipo. A piques de chegar á media hora de partido, Mery aumentaba a renda a 2 goles de vantaxe para o CD Lugo. Con ese colchón, o Lugo xogaba con máis calma e dominando o partido. Mentres, as asturianas apenas creaban perigo á defensa albivermella agás algunha ocasión illada a balón parado.

A segunda parte foi perdendo ritmo co pas odo tempo e só ao final, con ambos equipos xa cansos, chegaron outros dous goles. De novo Iria, no 81′, aumentaría a 3 a vantaxe no marcador a favor das albivermellas mais, xa no desconto, sería Sofía Bocanument quen maquillaría o resultado para o 1-3 final.



O filial friolés golea ás pechacancelas

A priori era un partido doado para as friolesas, que visitaban o campo do Silva, último clasificado. Mais nese tipo de encontros o importante é non confiarse de xeito que se poidan levar sustos innecesarios.

O PM Friol B saiu con todo ao partido, nun encontro moi serio, con intensidade. Saray encargaríase de anotar dous goles antes do descanso para as friolesas. Andrea Vigo e Raluca aumentarían a renda noutros dous goles na segunda parte para o definitivo 0-4.

Merecida vitoria do CD Lugo B

O partido comezaba con claras intencións de facer desfrutar aos afeccionados do fútbol cun gol do CD Lugo (por medio de Ánxela) nada máis comezar o partido e con resposta inmediata da UD Cee, o que deixaba claro que ía ser un encontro moi desputado.

Tralo rápido empate as xogadoras albivermellas foron capaces de subir a intensidade do xogo e xa no minuto 11 da primeira parte sería de novo Ánxela quen anotaría o segundo gol para o CD Lugo.

As oportunidades de anotar non rematarían aí xa que María gozou dunha gran ocasión no minuto 30′ para rematar o partido, mais o balón rematou fóra.



Chegábase así ós vestiarios cun claro dominio do CD Lugo, polo que a UD Cee tivo que saír con todo na segunda parte, tendo dúas ocasións claras de empatar o encontro: unha a balón parado que acaba pegando no longueiro e un man a man que Iyore consegue sacar cos pés.

O CD Lugo B celebrou os 3 puntos despois do partido. Foto cedida

Aí rematarían as ocasións claras do equipo visitante e as súas opcións para empatar o partido que finalmente levou o Lugo amosando un partido moi serio, centrado, con grande intensidade e concentración no partido que lles permitiu sumar unha nova vitoria. Unha actitude que fixo que Iria, a adestradora lucense, saíra do partido «moi orgullosa do equipo xa non técnica e tácticamente, senón en canto a actitude», comentou.

A SD Antas salva o liderato nos minutos finais

Unha SD Antas moi superior durante todo o encontro salvou o partido nos intres finais do encontro despois de non ter materializado as numerosas ocasións na área rival das que gozaran na primeira parte, cun total asedio das seoanesas á portería do San Mateo.

As visitantes chegaban a Ponteareas coas ideas moi claras, pero de novo a falta de contundencia de cara ao gol fixeron sufrir a unha SD Antas que é capaz de xerar moito perigo en todos os encontros.

Un centro de Jenny aos 15′ de inicio, o árbitro sinalaba penalti. Nuria foi a encargada de anotar grazas a un golpeo inalcanzable para a portería rival. As ocasións e o perigo eran continuos mais a falta de acerto no ataque fixeron que a SD Antas non puidera aumentar a súa vantaxe.

Xa na segunda parte, un golpeo sen moito perigo e moi lonxano sorprende a Ángela e as locais empatan o partido. As celestes rataban de novo de xerar perigo pero caían en moitas imprecisións.

Once inicial da SD Antas. Foto cedida

Nos minutos finais, nun arreón á desesperada, o balón remata en saque de esquina e nun bo centro de Jenny sería de novo Nuria quen anotaría para dar os 3 puntos ao seu equipo e seguir liderando a clasificación.

Nova derrota da SD Chantada

O partido ante o Noia no Sangoñedo comezou sen un dono claro. O Noia tivo moita posesión de balón, pero o Chantada estivo cómodo, roubando en campo contrario para xerar perigo.

O primeiro gol do partido poríao o Noia a través dun córner pechado que remata unha xogadora no primeiro pau. Co 0-1 no luminoso o partido seguiu igual e o Chantada tivo varias ocasións para meterse nel. Así foi como Ángeles, cun golazo dende o medio campo, certificou o bo partido do Chantada ata o momento (1-1).

Pouco despois, o Noia volvíase a pór por diante grazas a un córner e unha xogada desafortunada.

Xa na segunda parte, o Noia saíu moito mellor ao campo e rematou por poñer o 1-4 no marcador. Malia que a SD Chantada seguiu xerando ocasións especialmente por medio de Ángeles, a porteira visitante estivo acertada para evitar o gol.

Trala expulsión de Noelia, o Noia fíxose aínda máis co control do balón e do partido, anotando outros dous goles máis. Xa chegando ao final, foi Laura Carnero quen anotou un golazo propio da xogadora, pola escuadra dende fóra da área tras un bo control orientado.

Quizabes o resultado (2-6) volveu a ser demasiado cruel cunha SD Chantada que competiu o partido.

Vitoria pola mínima para o Carballedo

Partido que comezou moi igualado, con varias ocasións para ambos conxuntos e grandes actuacións das dúas porteiras.

Á volta dos vestiarios as xogadoras de rosa cambiaron un chisco o sistema de xogo para tratar de dominar o encontro e centrando a súa presenza en campo rival. O Dubra apenas conseguía chegar á área do Carballedo.

Dominando o partido, o único gol chegaría nun saque dende o curruncho que Sara remataría ó fondo da rede no 67′. A partires de aí o Carballedo tivo moitas ocasións para aumentar a súa vantaxe no luminoso, pero o balón non quixo volver entrar.

Gran partido coral das guerreiras do Carballedo para facerse coa vitoria nun partido xogado o venres a petición das visitantes e polo que amosan o seu agradecemento ao Dubra, sempre disposto a colaborar e cun gran trato cara as rivais.

A Comercial cae duramente ante o Nicrariense

Partido que malia o resultado final (4-1 a favor do Nicrariense) estivo moi desputado, especialmente durante a primeira parte na que a Comercial se adiantaría por medio de Lara e tivo varias ocasións para aumentar a vantaxe, mais sen éxito.

Pola contra, sería Daniela, do Nicrariense, quen cun hat-trick levaría o marcador ao 3-1 antes de chegar ao descanso.

Once inicial da Comercial. Foto cedida

Á volta dos vestiarios, o cansanzo facíase notar e as numerosas baixas da Comercial fixeron mella. O partido remataría finalmente cun 4-1 quedando os tres puntos para as locais.

As xornadas do San Lázaro séguense contando por goleadas

Nova xornada de Liga, nova vitoria contundente do San Lázaro. Desta volta, foi o Trazo quen sucumbiu ao gran momento das xogadoras dirixidas por Rubén Candal.

Un partido máis doado do agardado para o San Lázaro grazas en parte a que o Trazo presentouse ao partido con numerosas baixas de xogadoras moi relevantes, o que simplificou o partido.

O San Lázaro saltou ó terreo de xogo moi metido no partido, conseguindo adiantarse no marcador xa no minuto 6′ cun gol de Iria López. Coa tranquilidade de ir por diante, as xogadoras estaban enchufadas, amosando o seu gran momento deportivo, movendo ben o balón e con gran acerto.

Xogadoras do San Lázaro. Foto cedida

O asubío final chegaría co 6-0 no marcador nun partido no que, ademais de Iria, tamén anotaron Ana, Anita (2), Dou e Kaou.

Gran vitoria a domicilio da Milagrosa

A pesares das baixas coas que a Milagrosa se presentaba no campo do Arzúa, as visitantes fixeron un gran partido no que un gol de Martina (9′) abría o marcador para a Milagrosa.

Xa no 37′, sería Lucía Martínez quen aumentaría a vantaxe para as visitantes. Trala volta dos vestiarios, Aurora (48′) puxo o 0-3, de xeito que o partido estaba moi de cara xa para as dirixidas por Felipe.

No 53′ Uxía Castelo recurtou distancias para o Arzúa (1-) e tan só 2′ despois Marta Cea anotaba de novo para as locais (2-3). Porén, as xogadoras da Milagrosa souberon controlar o partido e volver anotar no 73′ por medio de Lucía, poñendo a vantaxe de novo en 2 goles que o Arzúa non sería capaz de recurtar.

Un Monte Forte pragado de baixas non pode co Cruces

Con 11 xogadoras dispoñíbeis acudiu o Monte Forte ao partido ante o Cruces a domicilio. Foron as monfortinas as que dominaron o encontro en prácticamente todo momento, con numerosas ocasións que bateron no pau e levando o ritmo do partido grazas ó seu control da posesión.

O Monte Forte, malia as baixas, plantou cara durante todo o partido e, tal e como amosa o marcador, o encontro foi desputado.

As xogadoras de ambos equipos. Foto cedida

No 40′ adiantaríanse as locais grazas a un gol de Nazaret Machado. No 56′ Paulita empatou o encontro para as monfortinas. Volvía adiantarse no 62′ p Cruces cun gol de Nerea Gamallo e, de novo, o Monte Forte empataba o encontro con gol de Paulita no 89′. Cando semellaba que o partido remataría en táboas, nun corner no 93′ o Cruces quedaba coa vitoria grazas ao gol de Cruz Fernández.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *