As notas da Segunda e da Terceira na última xornada

Rematou a competición regular na Segunda Galicia e remtaron tamén os play-offs na Terceira, polo que estas notas son as últimas en canto a liga se refire. Non obstante, o fútbol afeccionado das categorías máis inferiores non remata aquí. En 10 días arrinca a Copa Deputación da que xa se coñecen os calendarios e da que estaremos moi pendentes nas nosas notas.

O ás: Rus do Cospeito

Daniel Pardo Rus do Cospeito foi un dos mellores xogadores sobre o terreo de xogo na final pola salvación na Segunda Galicia norte entre o Catro Roldas e Cospeito. A pesar de que non tivo acerto de cara o gol nas varias opcións que tivo, o dianteiro deu a asistencia do primeiro gol do seu equipo tras unha acción de pundonor na que recuperou o balón ao seu favor. Ademais na segunda metade forzou o penalti co que o seu conxunto acabaría levándose a vitoria e salvando a categoría.

A figura: Adrián do Rubián

O Rubián tiña un partido a vida ou morte na casa do Garabolos. O que perdera o encontro quedaba a expensas de como se vaian dando as cousas nas categorías superiores para ver se hai arrastres. No tramo inicial do choque apareceu o porteiro Adrián García con dúas boas paradas para evitar que os locais se adiantasen no marcador. A partir de aí, o Rubián estivo acertado en ataque e acabou lévandose os tres puntos cun resultado de 0-3 que os deixa na Segunda Galicia. O Garabolos estaría descendido nestes momentos pero podería salvarse se non hai arrastres.

Nin pé con bóla: Meira

O conxunto meirego tamén está pendente dos arrastres que poidan caer de Primeira para saber se pode continuar na Segunda Galicia despois de quedar terceiro por abaixo. O Meira realizou unha moi mala segunda volta que o colocou na zona baixa da táboa. Non conseguiu ningunha vitoria nos últimos doce partidos. A pesar diso chegaron con vida ao derradeiro choque da competición regular, pero perderon no derbi ante o campión da liga, o Pontenova por 5-0.

 

Demasiado intenso: Couso do Catro Roldas

No partido entre equipos chairegos entre o Catro Roldas e o Cospeito reinou por maioría a deportividade. Apenas nos últimos instantes de partido, David Couso foi expulsado cando xa tiña un cartón por pegarlle unha patada ao balón cando a pelota se atopaba na banda para realizar un saque dende ese mesmo lado.

 

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario