A ida das dúas eliminatorias de ascenso a Segunda Autonómica finalizaron en empate. O Nuevo Nausti igualou no último suspiro no Municipal fronte ao Abadín e o Incio empatou un encontro que se lle puxo moi costa arriba fronte ao Páramo.
Analizamos tamén os encontros do Torneo Delegación.
eliminatorias polo ascenso
Dous tantos nos intres finais deixan igualada a eliminatoria entre Abadín e Nuevo Nausti (1-1). Encontro moi bonito para o espectador o disputado no Municipal. O Abadín contou coas mellores ocasións no primeiro tempo. O colexiado anulou un gol por man do atacante local a centro de Chufy. Seco estrelou un balón no longueiro e pouco despois o propio xogador rematou a bocaxarro un saque desde o curruncho. Moi preto do intermedio Manu Jr sacou providencial un remate de Carra.
No segundo tempo o Nuevo Nausti estirouse e tamén contou con opcións para marcar. Pedro obrigou a lucirse a Manu Jr e os locales reclamaron un penalti sobre Seco que o colexiado non sinalou. A falta de tres minutos para o final, Ángel adiantou ao Abadín cun bo lanzamento de falta. E cando o encontro xa parecía visto para sentencia, Cristian nunha boa xogada individual estableceu o empate.


O Incio sae moi vivo das Rapadas (2-2). A primeira media hora de xogo presaxiaba unha eliminatoria prácida para o Páramo. O Incio acusou as baixas e o cadro local saiu moito mellor ao campo e no minuto 33 xa tiña dous goles de vantaxe, obra de Dieguito e Antón. A diferencia no marcador puido ser máis abultada de non ser polo desacerto no remate do Páramo. Co paso dos minutos o Incio foi mellorando no seu xogo e antes do descanso Urdi recurtou diferencias cun gol olímpico.
Na segunda metade o Incio gañou en solidez defensiva e non permitiu chegadas tan claras do Páramo, pero os de Julio Corral quedaron con dez por dobre amonestación a Raúl. Malia todo o Incio logrou a igualada cun tanto en propia porta de Miguel.

torneo delegación
Grupo I. Cazás 0 – Celeiro 2. O conxunto mariñán camiña con paso firme no Torneo Delegación e lidera o seu grupo. Diante do Cazás os de Martín Rodríguez foron superiores malia quedar con dez no minuto 55 por expulsión de Dani Liz. Cora marcou os dous tantos dos mariñáns, ao final de cada tempo.

Grupo II. Mondoñedo 3 – Catro Roldas 2. O encontro comezou de cara para o Catro Roldas cun bo gol de Karim en xogada combinativa. Os visitantes tiveron o balón e o Mondoñedo, cun fútbol máis directo, buscaba xerar perigo. Chachi, nun saque de córner, igualou o partido. No segundo tempo, o Catro Roldas comezou como no primeiro. Samu volveu poñer por diante aos de David Lorenzo tras un bo pase de Moha. O encontro convertiuse nun ida e volta que beneficiou ao Mondoñedo. Javi logrou igualar e Vázquez deulle a volta ao marcador xa no desconto.
Grupo III. Bóveda 0 – Palas 4. Encontro sen historia no Hermanos Somoza. O cadro local apenas puxo oposición e non inquedou en ningún momento a portería do Palas. Tene foi o protagonista do encontro ao acadar un hat-trick.
Grupo IV. Quiroga 3 – Taboada B 0. Encontro de claro dominio local que sentenciou o encontro no primeiro tempo. Jose, en dúas ocasións e Sergio Pollo lograron os goles do triunfo dun Quiroga que baixou o ritmo no segundo tempo.
Grupo IV. Relámpago Taboada 1 – Monterroso B 11. A desgracia cebouse cun Relámpago que chegaba xusto de efectivos e sufriu unha lesión nada máis comezar o encontro. O Monterroso B, tamén xusto de efectivos, aproveitou os erros do conxunto local. No primeiro tempo un ha-trick de Isma, Omar e Burgo xa deixaron o encontro sentenciado para os monterrosinos. Moure anotou para os locais. No segundo tempo chegaron seis tantos máis para completar a goleada dos de Javichu.
