As notas da Segunda e Terceira nos cuartos da Copa

Xa só quedan catro equipos na competición. Esta próxima fin de semana xogaranse por así dicilo as finais territoriais, a do norte e a do sur, ou o que veñen sendo as semifinais para decidir quen optará polo título no último partido. Sporting Pontenova – Lourenzá será a semifinal do norte, mentras que Brollón – Friol a do sur.

O ás: Rubén do Pontenova

O porteiro Rubén Acebedo foi decisivo no campo da Mina para decantar o partido a favor do Pontenova fronte o Guitiriz. Os 90 minutos regulamentarios de encontro remataron cun empate a cero goles, polo que a eliminatoria tívose que decidir nos penalti. Foi aí cando apareceu a figura de Rubén, quen parou dúas penas máximas, unha delas, a primeira coa que se inaugurou a tanda. Agora, o campión da Segunda Galicia Norte afrontará o reto de redondeala temporada e estar na final.

A figura: Diego Blanco do Brollón

Cando xa todo pintaba a que os penaltis serían os xuíces no campo dos Medos para decidila eliminatoria de cuartos entre o Brollón e o San Lázaro, apareceu o cabezazo de Diego Blanco no minuto 89 para desequilibrala balanza e anotalo gol que lle daría o pase ás semifinais ao conxunto da Pobra. Despois de loitar case ata o final de temporada polo ascenso, o Brollón ten agora unha oportunidade para resarcirse e buscar a final da Copa.

Nin pé con bóla: A eliminación do Xermade

Despois dunha gran temporada do conxunto chairego que culminou co ascenso á Primeira Galicia, non puido pasar ás semifinais da Copa e caeu eliminado na súa casa ante o Lourenzá por 1-4. Aínda que os locais conseguiron empatar o golazo inicial de Recalde, víronse superados nos últimos vinte minutos do enfrontamento, onde os laurentinos fixeron tres goles.

 

A anécdota: Ningún equipo de Terceira

Tan só chegou aos cuartos de final o Castroverde como representante dos equipos que este curso militaron na Terceira Galicia, pero o conxunto verdiblanco quedou eliminado ao perder por 1-3 ante o Friol. Polo tanto as semifinais xogarana catro equipos da zona alta da Segunda Galicia.

 

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario