As notas da Segunda e da Terceira na primeira rolda da Copa

Volveu o fútbol á Segunda e a Terceira e volven tamén as notas. Neste caso, da Copa Deputación que xa trouxo as primeiras sorpresas en formas de eliminación e tamén en forma de clasificación para a segunda ronda que se desputará esta próxima fin de semana. Repasamos os aspectos máis destacados:

O ás: Jesús Pérez do Guntín

Tras unha mala temporada na Terceira grupo sur o Guntín volveu sorrir na Copa onde derrotou por 3-1 ao Oural no Ladairo. En parte, grazas a gran actuación de Jesús Pérez que anotou os tres goles do seu equipo. O primeiro inmediatamente despois de que no minuto 12 se adiantara o conxunto visitante, o segundo para remontar ao comezo da segunda metade e o terceiro para poñela tranquilidade nos instantes finais. Agora o cadro de Guntín terá como rival ao Portomarín na seguinte rolda.

A figura: Óscar López do Portomarín

Foi un habitual ao longo da temporada nas nosas notas. O pichichi da Terceira grupo sur volveu aparecer no primeiro enfrontamento da Copa. Óscar López anotou tres dos cinco goles cos que o seu equipo derrotou ao Laxosa no Chao da Poza. No minuto 4 de partido o resultado xa era de 2-0 con dous goles de Óscar. Ao longo do choque completouse a goleada.

 

Nin pé con bóla: FC Becerreá

A sorte non estivo de lado nesta temporada para o FC Becerreá. Finalizou na última posición na Terceira Grupo sur con tan só dúas vitorias e dous empates ao longo da campaña. Na Copa saíu goleado do Municipal por 0-9 ante un conxunto de superior categoría como o Palas que estivo pelexando ata a última xornada polo ascenso á Primeira.

 

A anécdota: Javier Morán do Muimenta e Pelayo do Iberia

Nesta xornada déronse dúas situacións curiosas nos partidos de Copa. No Xermade 3-0 Muimenta Javier Morán, dianteiro do conxunto celeste tivo que xogar de porteiro. Aguantou ata o minuto 50 sen recibir un gol, pero a partir de aí o Xermade mostrou a cara ca que conseguiu o ascenso á Primeira. Pola súa banda, no Iberia 4-2 Folgueiro ocorreu o contrario. As numerosas baixas do equipo de San Miguel de Reinante fixeron que o porteiro Pelayo xogase de dianteiro e mesmo anotou un dos goles do seu equipo.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 467

Deja un comentario