Andrea Mirón: “Sei que algún día volverei ao Friol”

Comezan a chegar as primeiras novidades no PM Friol. Andrea Mirón e Natalia Loa non continúan no proxecto friolés. A  pontevedresa afíxose ben ao interior; aínda que ela é moito máis de praia. No 2019 conseguiu a medalla de ouro coa selección española de fútbol praia nos Primeiros Xogos Mundiais de Area. Nese momento, Andrea Mirón Castro xa era unha das xefas do entramado defensivo do PM Friol. O municipio lucense foi o seu primeiro destino futbolístico máis aló da súa contorna natal de Pontevedra. Chegou para medrar e regresou para consolidarse. A súa segunda etapa estivo marcada polo pase a Reto Iberdrola e unha permanencia histórica nesta temporada que rematou sen acabar. Andrea Mirón pon fin a súa segunda etapa no conxunto friolés. Crítica co nivel desta campaña, pero esperanzada en que volverá a Reigosa.

Futbolinlugo: Cal é a razón de deixar o Friol?

Andrea Mirón: Despois deste ano caótico polos resultados, o cambio de adestrador,… chegou un momento que pensei na saída do club. Vendo os anos que me poden quedar, busco algo máis profesional e máis serio. Onde me poda implicar máis e esixirme máis a min mesma. Que non é que aquí non o faga, pero faltábame algo para atopar o máximo e dinme conta de que en Friol non ía ser posible. É o mellor equipo no que estiven. E sei que volverei algún día.

Fil: Intentaron convencerte do contrario?

AM: Geluco sabe como son. Sabía que desta vez me tiña que ir. Despois de poñer fin a primeira etapa intentouno, mais agora sabía que era necesario marchar.

Fil: Hai posibilidades de fichar na Liga Iberdrola?

AM: O meu futuro está no aire. Non pechei con ninguén. De momento só estou falando. Necesito ese tempo de pausa para valorar o que é bo para min. Estou pensando. Sexa en España ou onde sexa, gustariame chegar a máxima categoría. Sabes que aí vanche esixir o triple. Vas vivir por e para o fútbol. Non economicamente, pero si profesionalmente. É o que busco. Agora mesmo é a miña prioridade.

Fil: Supoño que fastidia porlle fin a esta etapa sen fútbol por mor da Covid. Que opinión che merece a resolución da competición?

AM: Levaba dous meses de baixón. Sabía que non ía seguir. Era difícil botarme para atrás. O último patido de liga que xogou o Friol na Reigosa contra o Eibar eu cumprín sanción. Así que o meu último encontro foi en Barcelona. Quedoume pena de non despedirme. Díxenlles as compañeiras que mereciamos unha despedida despois deste curso cando se permita. Cada unha apostou porque todo saíse adiante. Fastidia rematar así. O fútbol masculino continúa. A nós seguen sen considerarnos profesionais. Será unha decisión meditada polo ben do mundo. Haberá que entendela.

“Cometéronse erros a todos os niveis”

O PM Friol consegui a pasada temporada o pase a Reto Iberdrola, unha segunda categoría do futbol español máis selecta ca a división na que estaba. 

Fil: Como valoras de xeito xeral a tempada?

AM: Foi un ano de aprendizaxe. Cometéronse erros a todos os niveis. Tanto nós como a xestión do corpo técnico. Creo que o refrán de “máis vale o malo coñecido, ca o bo por coñecer” poderíase aplicar. Foi un paso atrás o feito de non ter un corpo técnico claro estes meses. Xogamos contra equipos de alto nivel. Tiñas que estar ao 100% . Nesta categoría un despiste dun segundo significa un gol en contra. Foi triste porque non tiñamos os resultados que queríamos. Pero hai que quedarse coa aprendizaxe porque vai quedar para o ano que vén. Vouno seguir a morte e vaise ver. Hai xogadorazas neste equipo. Que se fagan valer.

Fil: Cres que a posición na clasificación podería ser outra?

AM: Por equipo podiamos estar máis arriba. O traballo non era o axeitado para afrontar os partidos. A Reto Iberdrla non era a Segunda Nacional de antes. Todos os equipos están traballados. É basico traballar a táctica dun grupo. Se todas as xogadoras xogamos ao mesmo, é difícil facernos dano. Pero xogabamos un pouco alocadas, desorgniazadas,… Non mereciamos moito máis.

Fil: O Friol pode por estrutura e por equipo estar na Reto Iberdrola?

AM: Si, claro que dá. Eu víao polos adestramentos . Hai xogadoras top neste equipo. Pero hai que adestrar, darlles unha motivación,… cando os resultados son pésimos, lévante a un mundo no que se ve todo negro. Hai que facer crer as xogadoras; con traballo todo se consegue. Traballo e ao mellor dúas ou tres fichaxes máis. Necesitas 22 futbolistas que compitan toda a semana e que o domingo xoguen as once mellores. Estou segura que o Friol pode estar aí e non loitando polo descenso; senon na metade da táboa.

Laura Gallego, Andrea Mirón e Jessi fixeron historia para o fútbol praia español sendo xogadores de fútbol campo no PM Friol

Fil: Con cal das túas dúas etapas no Friol te quedas?

AM: A primeira etapa era unha nena e agora son unha muller. Da primeira quédome coa aprendizaxe que tiven e co grupo. Quedamos segundas na clasificación; ás portas do play off nun dos anos. Xogabamos un bo fútbol. Destes dous anos foi incrible conseguir ese paso a Reto Iberdrola. As dúas foron etapas de aprendizaxe. Medrei como persoa e como muller.

Fil: Nun proxecto como o do Friol, que importancia ten unha persoa coma Geluco Villar?

AM: Geluco xa sabe o que lle quero. Cando me fichou por primeira vez eu viña dunha etapa mala. Foi a primeira persoa que apostou por min. Din un paso xigantesco como xogadora. Foi grazas a el que me deu moita confianza dende o primeiro minuto. É un piar fundamental. Sen el o Friol non sería nada. Cando deixei o Friol sempre me chamaba. “Algun dia volverei” lle dicía. Aí volveu estar el. Os primeiros anos era a tímida, esta segunda etapa xa viña rodada. Foi máis man a man tirando do equipo e axudándonos mutuamente. Xa lle dixen que ía ter un amigo para sempre.

“O do CD Lugo foi unha decepción”

A temporada 2018/19 o PM Friol vestiu a camisola do CD Lugo debido a un convenio entre os clubs. 

Fil: Como viches a aparición da marca do CD Lugo durante o curso pasado?

AM: Foi ilusión, pero o sentimento é o de Friol. É o que che transmite e dá valores. Estaba aí para darte a coñecer, tamén foi importante á hora de fichar,… Pero tampouco lle din moita importancia. Danche publicidade, están pendentes de ti e de repente desapaece todo iso. De todo a nada. Foi unha decepción. Estivemos ata o últtmo minuto apoiando para que non descendera o equipo de Segunda División. Cando finalmente saíu que non seguían apoiando quixemos seguir a morte con Geluco. Tamén era un extra de motivación para demostrarlles o que se perderan.

Fil: Temos ese caso efémero dese convenio, pero ti tamén estiveches noutros proxectos que, por uns motivos ou por outros, non continuaron. Un exemplo é o caso do Olivo que chegara a xogar na Primeira División. É tan difícil consolidar un equipo?

AM: Antes funcionaban porque as xogadoras xogabamos sen esixir. Non pedíamos nada. Tampouco o daban. Desfrutabamos xogando e xa nos valía. Cando fomos expresando e pedindo máis, aí é onde empezaron os problemas. Se ías de gratis non pasaba nada. Non se deron conta de que isto estaba medrando. Non se dan conta de que xa queremos algo máis que somos profesionais. Teñen que apostar para que isto medre. Foi o problema que houbo no Olivo. Eu funme porque chegara a oferta de Braga. Estabamos todas descontentas porque houbo promesas que non se cumpriron. E o final chega outro equipo que te valora e confía en ti.

Fil: Dis que volverás ao Friol, como te ves nun futuro?

AM: Desde pequena non planifico unha vida sen fútbol. Estou sacando os niveis de adestradora. Teño a Covi diante que me leva vantaxe (risas). Non lle vou dicir adeus ao Friol porque é a miña casa. E se é volver como adestradora, mellor.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario