O campo de fútbol da Reigosa, en Friol, agocha unha das maiores fazañas futbolísiticas da historia da provincia. Unha vila que ten como orgulloso representante en categoría nacional ao PM Friol, un clube referencia do fútbol feminino provincial e autonómico. Unha vila de 4.071 habitantes (datos do INE) cuxo conxunto local chegou até a segunda división española, coñecida como Reto Iberdrola, a base de traballo e ilusión.

Porén, conseguilo non foi fácil. Unha vez consolidadas na Primeira Nacional (categoría inmediatamente inferior ao Reto Iberdrola), as futbolistas pelexaban ano tras ano por acadar un ascenso que se vía frustrado nas últimas xornadas. Non foi até a campaña 2018/2019 que as friolenses remataron terceiras, praza que lles daba acceso á Primeira División «B» ou Reto Iberdrola, categoría de nova fundación e que botou a andar nesta 19/20.

Tras non renovar o acordo de colaboración co CD Lugo e nunha división superior, o PM Friol tivo que facer fronte a unha cantidade moito maior de gastos: desprazamentos máis caros, xogadoras novas, corpo técnico, etc. En agosto, a permanencia víase posible, pero difícil: SD Éibar, CA Osasuna, Deportivo Alavés ou os filiais de FC Barcelona, Athletic Club ou Atlético de Madrid serían algúns dos conxuntos que visitarían o fortín friolense ao longo do ano.

Porén, as rapazas -comandadas, entre outras, pola internacional lucense «LP»- deron gala durante toda a campaña das súas habilidades futbolísiticas e, antes do parón das competicións, atopábanse en postos de salvación. Agora, coa proposta da RFEF de dar por concluida esta 19/20 no tocante ao fútbol feminino, o PM Friol reafírmase como equipo do Reto Iberdrola.

Desde Futbolinlugo quixemos saber como foi toda esta nova aventura desde dentro e falamos co polivalente presidente  Ángel Villar, quen leva ao pé do cañón desde o momento da fundación do clube, e este ano adestrou durante parte da campaña ao seu equipo.

Futbolinlugo: Poderías facer un breve resumo do que foi este ano deportivo, antes do parón?

Ángel Villar: Era unha categoría nova que non se conocía, conocimos equipos e estruturas, viaxes máis longos… presentábase un ano moi complicado. Demostrouse que había un gran nivel e que é moi complicado estar aquí. Poderiamos telo feito mellor, pero non estamos descontentos. A próxima temporada igual o facemos peor, pero xa comezará a campaña doutro xeito, coñecendo o que teremos diante. Eu estou satisfeito, posiblemente acadariamos a salvación xogando todos os partidos, pero aínda nos tiñan que visitar os equipos que estaban por debaixo de nós (Pozuelo e Sporting), polo que nunca se sabe.  O ano que vén preséntase máis complicado aínda por todos os equipos que competirán.

FIL: Houbo cese do adestrador na metade da campaña… e tomaches as rendas do equipo.

AV: Ao mellor nalgunha cousa si, noutras non tanto. Cando tivemos que destituir a Dani, xa sabiamos que a culpa non era toda del. A culpa non é nunca só do técnico, senón de todos. Foi a primeira vez na miña vida que tiven que destituir a alguén, e me costou moito tomar esta decisión, xa que eramos amigos. O día que falei con el se nos notou aos dous que «estabamos jodidos». Seguimos sendo amigos pese a iso. Nos primeiros partidos si que se notou o que eu quería (de feito o primeiro partido, que gañamos en Friol, para min foi o mellor do ano) e melloramos defensivamente. Perdimos 1-0 en Vitoria e Santander, 2-1 en Madrid con moitas baixas, e en Oviedo arriesguei para intentar empatar e finalmente perdimos 3-0. En Barcelona tamén arriesgamos de máis

O PM Friol na súa visita a Pozuelo de Alarcón.

FIL: Quizais o equipo atopábase en postos de salvación polas actuacións na casa.

AV: Si, fóra da casa é moi difícil puntuar. Cando collín eu ao equipo perdimos varios partidos pola mínima, defendíamos moito mellor que antes pero nos costaba atacar. A maioría dos puntos si que foron na Reigosa.

FIL: Actuacións individuais como as de LP, con 10 goles, tamén contribuiron. 

AV: Certo é que os seus goles foron en partidos concretos (2-3 goles), pese a que sempre firmo boas actuacións. É unha xogadora referente para nós.

Para ser profesional necesitas como mínimo un presuposto dun millón de euros e nós andaremos (o ano que vén) por 200-230 mil euros.

FIL: Son as xogadoras do PM Friol profesionais?

AV: Non, a maioría dos clubes de Reto non temos presuposto para tal. Polo asinado na RFEF, hai catro ou cinco conxuntos profesionais, pero o resto non. Para ser profesional necesitas como mínimo un presuposto dun millón de euros e nós andaremos (o ano que vén) por 200-230 mil euros. Estamos xustos para viaxar e máis se o ano que vén hai máis equipos no grupo polo que se agarda.

FIL: Que supuxo -económica e deportivamente- o cambio de categoría?

AV: Pasamos de 75.000€ a 250.000€. Foi un cambio abismal. É certo que, sen sábelo, eres incapaz de saber canto vale un voo a Barcelona, un hotel en Zaragoza, un bus a Madrid… para o ano xa sabemos máis ou menos os cartos que necesitaremos. Este ano tivemos sorte porque a Barcelona e Badalona fomos en voos directos desde A Coruña, polo que non tivemos que facer noite e foi moi cómodo. Quedaban Zaragoza e Lleida, a onde tiñamos que ir en bus porque non hai avións directos. Son viaxes nas que falamos de 5-6 mil euros, polo que é un gasto importante.

A xente de Friol é cómoda, pero sempre colabora.

FIL: Como responde a vila de Friol?

O PM na Ciutat Esportiva Joan Gamper.

AV: Ben, a xente colabora, se pides colaboracións de socios e demáis todos axudan na medida das súas posibilidades, pero o día de partido é distinto. Aínda que xuntamos 200-300 persoas nalgúns partidos, sempre hai unha maioría de xente de fóra de Friol, aos que lles gusta ver este fútbol. Nese aspecto, a xente de Friol é cómoda (non malintencionada): hai quen prefire ver un Atlético-Sevilla no bar antes que subir á Reigosa. Ademáis, é loxico que como moitas das xogadoras son de lonxe, as súas familias non veñen.

FIL: Que sinte un presidente que ve ao seu equipo visitando a cidade deportiva de Athletic, Barça…?

AV: Si, somos o único equipo dunha vila pequena, ademáis de ser un equipo humilde. Como lucense, como friolense, éncheme de orgullo. Quen me diría a min fai 20 anos, cando empecei isto, que ía chegar aquí. A satisfacción máis grande é atoparte en Barcelona con 6-7 persoas que eran de Friol ou tiñan relación con Friol, ou en Vitoria atoparte no banquiño con un que el e a súa muller eran de Friol… é bonito que a xente recoñeza que un sitio pequeno pode chegar a competir con cidades grandes a base de traballo.

FIL: Contabas con que a RFEF dea por concluida a campaña?

AV: O día 11 de marzo decidimos que cada unha nas súas casas, pero aos catro días de confinamento eu falei con elas para que se fosen para as súas casas e non quedasen despois «atrapadas». A maioría fixeron caso e marcharon, pero algunas decidiron quedar. Ao final, a última marcha hoxe para Madrid e dúas marcharon a semana pasada para Murcia. Eu dixen desde o primeiro día que non se ía retomar a competición e incluso desde a Federación me dicían: «Geluco, eres moi pesimista», e agora danme a razón. Non fun pesimista, era realista.

FIL: Que destacarías, por tanto, deste curso que semella rematado?

AV: Simplemente que é un orgullo estarmos aquí, e manter a categoría. Aprendes das grandes infraestruturas que teñen os clubes, ademáis de que o trato entre entidades sempre foi maravilloso e recíproco, e incluso con clubes como o Seagull de Badalona forxamos unha amistade, atópaste con xente moi amable.

FIL: Por último, as xogadoras do «B» xa tiveron protagonismo no primeiro equipo e firmaron tamén unha excelente campaña.

AV: Non só contento, senón orgulloso. Fixeron un ano increíble, no que se nota moito o traballo de Covi. Estou sorprendido do rendemento de rapazas tan novas e con pouca experiencia. Subimos xogadoras ao «A» para partidos nos que necesitábamos postos concretos, pero había moitas máis que podían xogar tamén con nós pero cuxos postos estaban cubertos. Si hai moitas xogadoras que poden competir en Reto. Empezaron a liga perdendo, pero en canto o equipo botou a andar non perderon máis que cinco puntos (derrota ante o líder na Coruña e empate en Mos) até o parón das competicións. Deron unha imaxe espectacular e hai xogadoras que van dar moito que falar, e van ser referentes neste clube ou noutro.

Despois dun ano histórico para a entidade, agradecemos a Ángel Villar a súa colaboración e boa disposición!

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*