Máis de 20 anos abandeirando o fútbol feminino da provincia en categoría sénior, facéndose un oco nun mundo descoñecido para a gran maioría. Agora que semella que a sociedade comeza a cambiar, o PM Friol quere dicir ben alto quen é, pero tamén quen foi. E este domingo vai ter unha boa oportunidade para facelo, xa dicía Fanny Varela que sería bonito xogar algunha vez aí. Xoga por primeira vez un partido de liga no Anxo Carro como local ante o Racing de Santander. Un duelo chave na loita polo terceiro posto do grupo I da Segunda División Nacional. Un dos grandes responsables é o presidente e, agora, axudante técnico, Ángel Alfonso Villar Hermida “Geluco” (10-05-1964, Friol). Case que unha vida detrás do que, hoxe por hoxe, é o segundo equipo de fútbol da provincia tendo en conta a categoría na que está. Para afrontar o reto da profesionalización do fútbol feminino e chegar á 1ªB (categoría que se creará na vindeira temporada) aliáronse co CD Lugo. Unha alianza que veremos canto dura, pero que polo momento dá os seus froitos. Geluco amósase preocupado polo tempo que vai facer este domingo no Anxo Carro (non quere que chova), pero ilusionado por unha temporada histórica.

Futbolinlugo: Como ves ao equipo neste momento da temporada?

Geluco: A nivel de resultados non chega mal, pero hai xogadoras dun bo nivel tecnicamente que ao mellor están un pouco máis baixas fisicamente. Enfrontámonos a un rival moi rápido. Teñen unha dianteira e unha extremo moi veloces. Estamos preocupados nese sentido para poder pechar eses espazos.

Fil: Beneficia ou prexudica xogar no Anxo Carro (domingo 12:00h)?

G: Vai haber unha parte positiva, que é o ánimo das futbolistas ao poder xogar nun gran estadio. E pode haber a parte negativa ao ser un campo moi grande e que nos xeren eses espazos as xogadoras que son tan rápidas. En todo caso, os adestradores estamos para corrixir esas cousas e poder contrarrestalas. A nivel social é bo para promocionar o fútbol feminino en toda a provincia e en Galicia. É certo que xa xogamos máis partidos no Anxo Carro, como puido ser a final da Copa Deputación. A nivel publicitario Friol xa é moi coñecido e respectado pola zona norte de España na que nos movemos.

«Nos enfrontamentos directos vai estar a chave»

Fin de semana de fútbol no Anxo Carro

Fil: A nivel máis xeral, como valoras a temporada?

G: Pódesenos dar un aprobado. Co cadro de xogadoras que hai deberiamos estar tranquilamente nun terceiro ou cuarto posto sen pasar ningún tipo de apuro. Creo que temos o terceiro mellor equipo da categoría. Déronsenos resultados malos por circunstancias e ímolos arrastrando agora. Tamén hai clubs como o Sporting, o Racing e o Matamá que teñen bos cadros de futbolistas. E sabiamos dende o principio de temporada que iamos estar catro equipos para dous postos. Nos enfrontamentos directos vai estar a chave.

Fil: Contabas con que o equipo puidera estar máis preto do Oviedo e do Dépor ou xa pensabas ao principio que serían inalcanzables?

G: Sinceramente contaba estar un pouco máis preto deles. Pero ese par de resultados negativos supuxeron cinco puntos menos e son os que nos están separando un pouco do segundo. Está claro que o Dépor e o Oviedo teñen mellor cadro de xogadoras e estrutura ca nós. Pero tamén é verdade que non hai tanta diferenza polo que se viu nos partidos que xogamos contra eles.

Fil: Houbo moitos cambios coa chegada do Lugo?

G: Fixemos o convenio para mellorar. Estou agradecido ao Lugo e a Tino Saqués, quen se puxo en contacto comigo para facelo. O Lugo si que está cumprindo con nós e nós estamos intentando cumprir co Lugo. Melloramos a nivel corpo técnico, fisioterapeutas que non tiñamos (non os temos nos partidos pero podemos ir alí), e tamén nesa axuda económica que nos deu marxe para poder fichar algunha xogadora. Esperamos corresponder meténdonos na 1ªB.

«Pensamos que era o momento de medrar ao lado do Lugo»

Imaxe do partido da primeira volta en Santander. Fanny Varela exerceu de capitá e o Friol venceu 1-2

Fil: Foi o Lugo quen buscou o Friol ou foi o Friol quen buscou o Lugo?

G: Foi sempre o Lugo quen buscou ao Friol. En conversacións previas, Tino sempre me comentaba algo ata que nun momento puxemos día para xuntarnos. Foi todo moi fácil. Pensamos que era o momento de medrar ao lado do Lugo. Estou contento de facelo.

Fil: A duración do convenio é dun ano por normativa, pero ves posibilidades de renovalo?

G: Nós estamos contentos; se o Lugo tamén o está con nós, supoño que non haberá problema en seguir. Non obstante, hai que esperar a acabar a liga e logo sentarse a falar. Porque o proxecto cambia totalmente se nos metemos na 1ªB.

Fil: Que importancia lle das a que o Friol estea na 1ª B?

G: En primeiro lugar a nivel económico. Aínda que se chame “1ª B” por decisión de Tebas, vai ser a segunda categoría española. As subvencións importantes que temos da Deputación e da Fundación Deporte Galego van encamiñadas a equipos de alta competición. A Segunda na que estamos agora vai quedar co mesmo nome, pero para ese concepto de subvencións será unha terceira categoría. A non ser que as propias institucións cambien o regulamento. Ademais a Segunda vai seguir sendo igual de cara porque se van manter os mesmos grupos que están.

Fil: Entón non é que se vaia gañar máis na 1ªB, pero non se perde…

G: Non se perdería…; pódese gañar a nivel patrocinio. Tebas di que é mellor venderlle a un patrocinador unha primeira, aínda que leve o nome de “1ªB”, que venderlle unha segunda. Esa é a dúbida. Se a nivel patrocinio imos gañar máis. Penso que o que imos gañar é repercusión a nivel publicitario porque posiblemente os medios presten máis atención nunha 1ªB ao haber menos equipos en cada comunidade. Como aspecto negativo pode ser o tema de buscar xogadoras.

«Levamos moitos anos loitando por estar aí contra clubs de grandes cidades»

Fil: Ese ascenso sería o máis importante da historia do Friol?

G: Podería ser. Pero creo que houbo outros momentos importantes. No primeiro ano de creación xa se conseguiu ascender a esta categoría na que estamos (daquela coñecida como 1ª Nacional). Houbo moitísimos momentos importantes. É un pobo moi pequeno e levamos moitos anos loitando por estar aí contra clubs de grandes cidades que teñen outras cousas que nós non podemos ter. A parte do económico, sempre tivemos que afrontar a remuda do equipo porque moitas xogadoras marchan por estudos ou porque as levan outros clubs.

Fil: Ti comezas no fútbol sala con aquel potente Concello de Friol FS, por que das o salto ao fútbol?

G: Levabamos moitísimos anos no fútbol sala. Eramos un equipo que adoitabamos quedar naquela Liga Autonómica entre o primeiro e o cuarto e estabamos a un moi bo nivel. E con moi boas xogadores, xa de toda a provincia. Sen embargo, empecei a detectar que o fútbol sala ía decaer ao non poder chegar a Prata ou á Primeira. Non había moitos equipos de fútbol, pero eu tiña esa visión que o futuro ía estar no fútbol. Pensaba que a xente ía estar máis decantada e que ía ter moita máis repercusión. A algunhas xogadoras pareceulles unha boa idea, pero outras non se querían adaptar ao fútbol campo. Mantivemos as dúas seccións, pero despois xa foi incompatible. Recórdome do primeiro ascenso contra o Erizana en Boiro (campo neutral), na prórroga. Foi algo histórico. Ese momento si que é inesquecible.

Fil: Outros equipos si que se consolidaron no fútbol sala, o tempo deuche a razón ou arrepínteste do cambio?

G: Non me arrepinto. Creo que tamén son un privilexiado porque tiven sorte nas decisións que tomei. Sempre estiven rodeado de boas xogadoras. A chave foi acertar.

«A chave foi mestuar as axudas económicas e o acerto que tivemos»

Páxina do Friol na Guía en papel que Futbolinlugo sacou, xunto con El Progreso, no mes de setembro de 2018

Fil: Á marxe deses acertos, cales son as chaves desta traxectoria que levou ao equipo, xa noutras tempadas, a pelexar polos postos altos desta Segunda?

G: Sempre estivemos a un nivel alto e o máis difícil sempre foi manter as xogadoras. Non hai que esquecer a parte económica. O Concello de Friol leva toda a vida axudándonos; tamén outros patrocinadores privados como Panadería Ousá e Luis Iglesias ou a subvención importante da Deputación por ser equipo de alta competición. Sen todo iso é imposible acadar os obxectivos aos que chegamos. A chave foi mesturar as axudas económicas e o acerto que tivemos.

Fil: E Peluquería Mixta tamén, non?

G: Ese é un caso curioso. Vén dende os inicios do club. Un grupo de amigos xuntámonos para ir aos maratóns de fútbol sala e alguén tiña que poñer as camisolas. Eu como tiña a Peluquería dixen que me encargaba de poñelas e apareceu aí o nome. Logo empezou a medrar o club, facer estatutos,…e foi quedando. Hoxe en día o nome está tan arraigado que non é facil cambiar. Quedou por ese comezo. Para min sempre prevalece que vaia o nome de Friol por diante.

Fil: Neste camiño estás acompañado por moita xente, pero que importancia teñen Josito (actual primeiro adestrador) e Covi (xogadora, capitá e adestradora do equipo B) neste proxecto?

G: Josito e máis eu somos amigos dende que el era pequeno. A nosa relación chega ao ámbito familiar. Veu nun momento dado hai catro anos que lle pedín que me botase unha man. Despois, o ano pasado non saíu ben por outros motivos a fichaxe doutro adestrador e axudoume a rematar a temporada. Este ano xa lle ofrecín levar este proxecto. Covi é unha persoa que está para todo o que necesita o club sempre; sabe moito de fútbol, adestra o B, ten o nivel 3…, é unha adestradora de moito futuro, pero que ten o hándicap de ser muller.

«A creación do filial é do que máis contento estou»

Fil: Precisamente esta tamén foi unha tempada importante pola creación do filial, que importancia lle das?

G: Era unha das cousas que tiña moitísimas gañas de ter. Covi veno traballando dende que intentou buscar nenas para xogar a Copa Gallaecia. Aquilo foi un éxito total. Ver nenas benxamíns, alevíns e infantís disfrutar. Estamos agrecidos aos clubs que lles pedimos colaboración para dispoñer das xogadoras. Foi a parte que máis nos vinculou a facer o equipo B. É do que máis contento estou. Formuleillo a Tino Saqués e dixo que si. Foi complicado arrincar porque na provincia creáronse varios equipos. Pero ao final tiven que descartar xogadoras e agora temos 20. O seu compromiso é moi grande, non baixamos ningún adestramento de dezaseis. Están moi ilusionadas tamén porque van primeiras, aínda que ese non é o obxectivo do club. O propósito e que as que comezaron en setembro sexan mellor en maio e poidan formar parte nun prazo do primeiro equipo.

Fil: Despois de todo o traballado, quédalle a Geluco algún soño por cumprir no mundo do fútbol?

G: O soño máis próximo é meternos na 1ªB para garantir a estabilidade do club. Se eu cando comecei alguén me di que no futuro ía estar aquí, digo que non. Non me cría que iamos estar tantos anos onde estamos. O soño xa o teño cumprido. Estou moi satisfeito de todo o que levo conseguido.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*