#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

A terceira vitoria consecutiva outórgalle ao Matela o dereito a soñar

O Tres en Raia En Boas Mans da xornada 14 de Terceira Galicia ten ao Matela como un dos protagonistas. Non abandoa o último posto da táboa clasificatoria, pero comezou o ano como rematou o anterior, cun triunfo, desta volta fronte ao Cazás. Os pupilos de Cuchi atópanse a catro puntos da zona de promoción de ascenso. Na zona alta do grupo norte, o Celta Barreiros venceu nun encontro difícil no campo da Piringalla e o Casás fixo o propio en Trasvías co Celeiro.

No grupo sur, o Páramo gañou pola mínima ao Chantada Atlético B, mentres que Rubián e Páramo venceron sen dificultades ao Bóveda e Monterroso B, respectivamente.

grupo norte

O Celta Barreiros remonta fronte á Piringalla e mantén as diferencias no liderado (1-2). Non foi o mellor encontro dos mariñáns. Os de Rubén Acebedo comezaron cedéndolle o balón ao rival e nun dos primeiros achegamentos Cristóbal superou a René. Co paso dos minutos, o Celta Barreiros gañoulle terreo á Piringalla e en dous minutos, antes do tempo de lecer, Javi Andina e Nico, con dous goles moi semellantes, déronlle a volta ao marcador. O segundo tempo caracterizouse polas moitas imprecisións e poucas ocasións de gol.

Un tanto no minuto 92 dalle tres puntos ao Casás no campo do Celeiro (0-1). Encontro moi parello que puido caer para calquer lado. No primeiro tempo o balón foi do Casás, pero as ocasións do Celeiro, que gozou de dúas moi claras para poñerse por diante no marcador, que resolveu ben o gardameta Raúl. No segundo tempo, o Casás mellorou e xerou perigo sobre todo a balón parado. A boa actuación de David Louzao impediu o gol visitante. O Casás quedou cun menos nos últimos minutos e esta situación fíxolle medrar no partido. No tempo de desconto Grilo rematou ao fondo da portería un córner botado por Fonseca.



O Goiriz paga a falta de acerto e non pasa do empate coa Comercial B (0-0). Encontro sen goles, pero con ocasións, sobre todo dun Goiriz que volveu a ter a pólvora mollada. Os pupilos de Cora contaron con varias ocasións claras, varias desbaratadas polo gardameta local. Nos últimos intres do primeiro tempo a Comercial B estirouse e chegou con certo perigo á meta rival. A segunda parte resultou de completo dominio visitante, pero sen acerto.

O Catro Roldas vence no derbi a un Rioaveso que suma tres derrotas consecutivas (1-2). O cadro local non atravesa un bo momento de resultados, pero si de xogo. En liñas xerais foi superior a un Catro Roldas que anotou primeiro cun tanto de Samu. O Rioaveso foi quen de igualar nun claro penalti que transformou Álex Anido. O Catro Roldas protestou a xogada ao considerar antiregulamentaria a posición do atancante. A segunda metade resultou máis parella, aínda que o Rioaveso foi quen tivo as mellores ocasións. A falta de catro minutos para o final, unha boa xogada entres Samu e Karim rematou cun centro de Moha que se colou pola escadra.

O Friol B tira de eficacia e golea ao Castroverde (5-2). O conxunto visitante tivo que xogar cun futbolista de campo como porteiro e este feito resultou decisivo. O Castroverde comezou tendo a posesión, pero nunha falta moi protestada o Friol B adiantouse cun tanto de Rober. Borja empatou tamén de falta e como non hai dúas sen tres, Rober puxo por diante ao cadro local cun novo tanto de falta. Noutra acción a balón parado igualou o Castroverde. No segundo tempo, o Friol B non tardou en volver a poñerse por diante. Os de Fran Veiga realizaron un bo fútbol e gozaron de ocasións, pero sen acerto. Preto do final o Friol B marcou dous novos tantos.



O Matela logra a terceira vitoria consecutiva diante do Cazás (2-0). A chegada de Cuchi ao banquiño deulle outro aire a un Matela que xa está en disposición de aspirar a todo. No primeiro tempo Simao foi o gran protagonista ao acadar os dous tantos, moi semellantes entre eles e aproveitando un desacerto da zaga visitante. No segundo tempo o Cazás mellorou e monopolizou o balón, aínda que sen xerar demasiadas ocasións de gol. A máis clara desbaratouna sobre a liña o gardameta Pedro.

grupo sur

O Páramo vence ao Chantada Atlético e mantén a primeira praza (2-1). Encontro de superioridade local no que o resultado final non reflexa o visto sobre o terreo de xogo. Os de Jony Lombardía contaron con boas ocasións ata que Juan abriu o marcador a pase de Jose. O filial chantadino apenas inquedou a portería local no primeiro tempo. Tras o paso por vestiarios o encontro seguiu a mesma tónica e chegou o segundo tanto local, desta volta cos papeis invertidos. Serviu Juan e anotou Jose. O Páramo protestou unha acción na que entendeu que a colexiada debería expulsar ao gardameta viisitante. Sucedéronse as ocasións desaproveitadas e preto do final o Chantada Atlético B recurtou diferencias cun bo tanto de falta, obra de Miguel.

O Rubián vence a un Bóveda que soubo defenderse ata o tramo final (3-0). Encontro no que o Rubián monopolizou a posesión do balón e o Bóveda, ben prantado en defensa, buscou saír á contra con perigo. Aínda que non houbo grandes ocasións, estas foron do cadro local, que non foi quen de abrir a lata ata o minuto 70, cun tanto de Brian. Nos últimos cinco minutos, dous tantos deixaron o encontro visto para sentencia.

O Sober mantén a pelexa polo ascenso directo tras golear ao Monterroso B (4-0). Encontro máis parello do que amosou o marcador final. A primeira metade resultou igualada en sen goles. O Sober tivo máis o balón, aínda que sen contar con grandes ocasións para marcar. O Monterroso B soubo competir ben e reclamou un penalti ao seu favor. No segundo tempo os de Javitxu comezaron cunha boa ocasión ao seu favor. Nun saque rápido do gardameta soberino, Martín sorprendeu á defensa para facer o primeiro. O filial monterrosino lanzouse a polo empate e o Sober aproveitou os espazos e finiquitou o encontro con dous tantos de Sergio. A falta de quince minutos para o final, Fernando fixo o cuarto. Os visitantes contaron con ocasións para maquillar o marcador.

O Río Sil segue coa súa boa dinámica e gaña no campo do Taboada B (2-3). Primeiro tempo de claro dominio visitante que se transformou en goles. Chomi e Imad puxeron ao Río Sil en clara vantaxe. O Taboada B mellorou antes do descanso e tamén nun segundo tempo no que logrou recurtar diferencias e xerar un bo número de ocasións diante do gardameta rival. Nun mal despexe local, o Río Sil fixo o terceiro e un tanto en propia porta meteu de novo no partido ao filial, que xogou os últimos intres en superioridade numérica.



Triunfo importante do Santa Comba sobre o Relámpago Taboada na pelexa polo play off (2-0). Adiantouse moi rápido o cadro local cun tanto de Brian. Ese gol deulle tranquilidade aos de Richard que foron superiores no primeiro tempo. O Relámpago mellorou notablemente no segundo tempo e gozou de boas ocasións para empatar, pero o gol de Jorge deixou o encontro visto para sentencia.

O Corgo aséntase en postos de promoción tras vencer á Sarriana B (0-3). Encontro parello no que o Corgo amosou a súa solidez defensiva e o seu perigo á contra. Os de Abel Rochela xeraron un bo número de ocasións desta maneira e adiantáronse á media hora de partido. O filial sarriao, malia ter o balón non foi quen de xerar ocasións claras de gol. No segundo tempo o Corgo sentenciou con dous tantos de penalti, moi protestados pola Sarriana B.

Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.

A terceira vitoria consecutiva outórgalle ao Matela o dereito a soñar

Arona Sané: «O obxectivo da Sarriana é

A terceira vitoria consecutiva outórgalle ao Matela o dereito a soñar

Dani Galán, SDC Residencia: «O que máis

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *