A Residencia está a vivir unha temporada complicada. Logo de asinar o mellor curso da súa historia na 22/23, os da Cheda ocupan este ano posicións de descenso á Primeira Galicia, algo que tratarán de remediar na segunda volta de competición.
Dani Galán (Lugo, 1983) é o adestrador dun cadro que, logo dunha temporada na que todo saía ben, está vivindo a outra cara da moeda. Porén, o preparador confía en reverter a situación da man dun grupo de xogadores moi comprometidos, que senten o club como propio.
Futbolinlugo: Que lle está a pasar á Residencia?
Dani Galán: Estamos tendo moi mala sorte coas lesións. Xa os dous pasados anos tivemos moitas, pero este curso é o que máis fichas temos feitas, 23, e sumamos ata 7 baixas esta semana, con varios deles ata fin de temporada ou ata moi preto do final. Non me preocupa, entre aspas, a clasificación, o que me preocupa é a cantidade de baixas porque condiciona tamén o traballo semanal.


Tes que andar con moito ollo nos adestramentos, sen abusar nas cargas, e por outro lado iso provoca que cheguemos xustos ao final dos partidos. Nos últimos cinco partidos perdemos sete puntos no 90′, porque nos falta ese gas nas rectas finais. Con eses sete puntos estariamos fóra do descenso a día de hoxe, así que o que máis me preocupa é a cuestión das lesións.
Fil: Hai marxe de reacción?
DG: Si, porque estaremos preto da salvación con tan só unha victoria. A situación era urxente hai dous anos, cando necesitabamos gañar os cinco últimos partidos seguidos. Agora xa che digo que me preocupa a semana de adestramentos.


Fil: O que sí tedes demostrado é que sodes un grupo moi unido.
DG: Esa é a nosa arma secreta. É certo que houbo cambios con respecto ao ano pasado, pero subiu xente da casa ao primeiro equipo e a filosofía do club pasa pola unión, un equipo humilde e familiar xa desde que estaban Meilán ou Couso. A base do noso traballo e do noso éxito é a nosa identidade de club, e para a Residencia é un éxito estar en Preferente.
Fil: Seguramente xa na pretemporada non contabades con repetir un fito como o do ano pasado.
DG: Creo que o do ano pasado nos fixo dano este curso, aínda que fose de xeito inconsciente, tanto ao corpo técnico como aos xogadores. Sempre te relaxas e pensas que este ano vas volver ganar partidos como o ano pasado, na recta final dos partidos… Chega o Eume na segunda xornada e perdes dous puntos nun partido que tiñas que ter gañado na primeira parte, por exemplo. Pero o obxectivo sempre foi a permanencia e, se podes desfrutar dun mes tranquilo en abril como pasou na 22/23, ideal. Queremos seguir formando a rapaces que saen de xuvenís na Preferente e esa é a idea.
Fil: Por onde pasa esa melloría, sobre todo no plano dos resultados?

DG: Por gañar un partido, cambiar a dinámica. Foi o que lles dixen na volta do Nadal, antes do primeiro partido diante do Sigüeiro. O outro día contra o Ribadeo non puiden estar, pero o día de Sigüeiro o equipo marchou moi fastidiado porque -aínda que non merecemos gañar- estaba moi preto no minuto 90′.
Creo que somos capaces de competir contra todos os equipos, por exemplo co Boiro que nos vén a semana próxima xa fixemos un partidazo o ano pasado, pero temos que estar ao máximo. Chega este domingo un partido moi difícil diante do Eume, polas dimensións do campo e por como chegamos a el, pero temos que sumar de 3 para descartar ao Eume e voltar á dinámica vencedora.
«Para A Residencia é un éxito estar na Preferente»
Fil: Haberá fichaxes no mercado invernal?
DG: Estamos mirando opcións, pero xa sabemos todos como vai o fútbol afeccionado. Xa nos custa asinar xogadores no mercado de verán porque competimos contra clubes que invirten moito no seu cadro de xogadores, tanto de Preferente como tamén de Primeira: Pol, Riotorto que levou a Borja… aquí ofrecemos un grupo moi unido, con pinchos os venres, sen ter que desprazarse na estrada… pero é complicado. Estamos mirando e ver se podemos incorporar a algún xogador de Primeira-Segunda que nos poda botar unha man.
Fil: Como ves ao resto dos equipos lucenses da Preferente?
DG: O Castro é un claro exemplo das dinámicas: cando perdeu con nós parecía pasar por un momento moi malo, comezou a gañar e agora está nunha posición cómoda para a permanencia. O Ribadeo ten un super-equipo pero está sufrindo moito fóra da casa aínda que descoñezo os motivos; o Lemos está nunha dinámica mala tamén, empata moitos partidos, pero é un equipo moi competitivo e ten un cadro para saír, ao igual que o Ribadeo para loitar polo ascenso ata o final. En canto colles unha boa dinámica, estás preparado para pelexar por todo.
Fil: Tamén dirixes ao Xuvenil ‘A’ do CD Lugo. O cadro tampouco está a pasar o seu mellor momento.
DG: Si, o ano pasado foi de moito traballo pero bon en canto a resultados, pero este ano está sendo peor no plano clasificatorio. Na 22/23 conseguimos tranquilidade coa Resi na recta final e fixemos unha gran primeira volta co Lugo. Este ano toca o contrario, toca sufrir. O traballo é semellante ao do ano pasado, pero no caso do Lugo tamén cambiaron moito os xogadores, e temos que basearnos nese traballo para acadar os obxectivos.
Fil: Como se ve Dani Galán no futuro? Na Cheda ou en categorías máis altas?
DG: (ri) Aspiro a rematar este ano do mellor xeito posible. Levo 16 anos na Cheda, entre a base e o fútbol sénior. A día de hoxe podo traballar no que me gusta, máis alá de que adestre a un equipo sénior como «hobby». Deus dirá, o ano que ven poden pasar moitas cousas e hai que desfrutar do momento actual.
