A tempada dos lucenses na Terceira acaba co ascenso de Ross

Rematou unha Terceira División que tivo moitas partes neste curso. Fíxoo coa final polo acceso á Segunda RFEF. Enfrontou aos #LucensesNaTerceiraGalega Ross no Arousa e Aldán Naval no Somozas. O cadro de Vilagarcía levou a vitoria e o pase a nova categoría. No grupo de permanencia, os lucenses xa non se xogaban nada e o Barco conseguiu a praza de salvación que quedaba.

Ross, indiscutible na Lomba:

Martín López Ross foi un dos protagonistas da tempada no Arousa. Xogouno practicamente todo ao longo do curso. Tanto na primeira, na segunda fase e tamén agora no play off. Na final polo acceso á Segunda RFEF Ross foi titular no centro da defensa. Xogou todo o encontro. Os pupilos preparados por Rafa Saéz encauzaron o duelo xa na primeira metade.

Javi Fontán e Kilian marcaron os tantos dos locais. O Arousa contou co factor campo ao quedar mellor clasificado na competición. Pola súa banda, Aldán Naval non contou con minutos na final. O viveirense foi un revulsivos principalmente no primeiro tramo de liga no Somozas. Pero nos últimos meses contou con poucas oportunidades. El mesmo confirmaba hai unha semana as súas sensacións.

Os tres equipos que conseguiron o pase á Segunda RFEF contaban con representación lucense. Víctor Eimil no Arenteiro (confirmada xa a súa continuidade), Iago López no Bergantiños e Ross no Arousa.

Ross: “Devolvímoslle o soño a unha vila”

A final: “Era a última cita e non se podía fallar. Xa se estendera a liga máis do normal e era o noso momento. Viñamos dun partido en semifinais moi intenso no que houbera que sufrir moitísimo. Fixemos unha primeira parte de dez. Puxémonos por diante cedo e collimos vantaxe. Púxosenos de cara. Na segunda metade tentamos conceder o menos posible. Devolvimos o soño a toda unha vila que levaba moito tempo sen poder celebrar algo así. É un encontro moi emotivo”.

Celebración: “Moita diversión e festa, pero sendo consecuente co que poda pasar polo tema da covid. Aínda que algo así non se vive todos os anos. Moitos equipos pelexan por esa situación, pero este ano tocounos a nós. A sensación é indescriptible“.

A nivel persoal: “Supón moito. Moito esforzo e dedicación. Foron moitos anos de estar pelexando por seguir avanzando. Este ano tiven a sorte de coincidir nun vestiario espectacular. Conseguimos o ascenso contra todas as adversidades. Cando logras algo así, só podes estar contento e máis cando deixas a túa pegada nun club que te vai lembrar sempre“.

Grupo permanencia:

O Arzúa rematou liderando o grupo da salvación. Empatou ante o Barco ao que lle chegaba con puntuar para selar matematicamente a súa permanencia. No último encontro da campaña no Viso, Brais Prieto e Pedro Delgado foron titulares. O de Valadouro xogou todo o encontro.

Empatado a puntos co Arzúa (50) rematou a liga o Viveiro. Igualou a un gol co Pontellas en Cantarrana. A tempada despediuse no feudo viveirense con once xogadores da provincia tendo minutos sobre a herba. A portería estivo defendida por segunda semana seguida por Tomás Fidalgo ‘Tomy’. O gardamallas reviviu nesta recta final de competición unha reestrea na Terceira División.

O Ourense CF rematou a liga con derrota en Paiosaco. Julio Delgado xogou o último tramo do encontro. Pola súa parte, o As Pontes empatou no Poboado ante a UD Ourense que tamén descende de categoría. Brais Vázquez volveu defender a portería pontesa. Remata a campaña con once titularidades na Terceira.

Imagen por defecto
Redacción Futbolinlugo
Artículos: 273

Deja un comentario