A Segunda Sur, entre as dúbidas e o non

Incerteza e negativas marcan esta categoría

O Grupo Sur da Segunda Galicia mantense na liña xeral do fútbol lucense. A do rexeitamento e as dúbidas ante a reactivación da competición esta mesma temporada. Antes de rematar este horrible 2020, analizamos club por club a postura ao respecto de todos os integrantes da categoría.

Ferreira: Aseguran con rotundidade que non van xogar.

Río Sil: Non son partidarios de xogar. O feito de marchar mollados e enlamados para a casa, faino inviable. Moitos xogadores tardan un bo anaco en chegar ás súas casas.

Becerreá: O club non tomou unha decisión oficial ao respecto.

Brollón: O club xa comunicou de maneira oficial a súa renuncia a participar esta temporada.

Chantada B: A postura é a mesma que no primeiro equipo. A decisión do club é para todos os seus conxuntos. En principio, apuntarían a iniciar a competición.

Corgo: Decidirán se participar ou non cando exista unha decisión en firme sobre a disputa da competicion. Analizando tamén a situación sanitaria nese momento.

Quiroga: Reuniranse cos xogadores para decidir o que facer. Queren analizar ben os protocolos e entenden que o parecer dos futbolistas é fundamental para inclinarse cara un lado ou o outro.

O Incio: Se agora mesmo tivesen que decidir non sairían á competición. Aínda que consideran que teñen algo de marxe polos tempos.

Páramo: Pensan que a situación actual non está como para iniciar un debate sobre xogar ou non. Teñen ganas de tocar balón pero avogan por manter a postura máis razonable e sensata. Por iso, valorarán a situación chegado o momento.

Paradela: Non teñen unha postura pechada pero obsérvano con preocupación ao mesmo tempo que agardan acontecementos.

Milagrosa: Manteñen a mesma postura que tres meses atrás, cando firmaron o escrito con outros clubs de Segunda e Terceira Galicia. Pensan que seguen sen darse as condicións sanitarias para que a competición se reanude.

Sporting Lucense: Non o teñen claro e pensan que isto non é prioritario neste momento. Falarán sobre o tema esta semana para tomar unha decisión en firme.

Antas: Atópanse valorando a situación e agardando a resposta dos xogadores. Non teñen présa xa que consideran que febreiro queda moi lonxe con esta situación actual tan cambiante.

Palas: A día de hoxe o Palas non sairia a competir. Non o plantexan a curto prazo pero de ser máis adiante, valoraríano.

Oural: A postura actual é a de non inscribirse. Pensan que a temporada esta perdida. Son afeccionados, a xente traballa e non hai presa algunha. Entenden tamén que haxa xente que queira xogar pero consideran que non é o momento axeitado para facelo.

Bóveda: Sóbranlles ganas por competir. Pero o sentido común obrígalles a dicir que non.

Santa Comba: Non sairán competir nesta situación. Entenden que a responsabilidade sobre a saúde das persoas é inasumible para eles. Están abertos a un posible cambio de idea cando a situación sanitaria mellore.

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 755

Deja un comentario