#Fútbol afeccionado

A Sarriana recupera a súa mellor versión

A boa nova da xornada é que tódolos conxuntos lucenses de Terceira e Preferente puideron disputar os seus encontros. En canto aos resultados, na Terceira tan só o Racing Vilalbés foi quen de puntuar, no sempre difícil campo de Calabagueiros. Polvorín e Viveiro regresaron de vacío do campo do Fabril e Sofán respectivamente. Na Preferente, a Sarriana volveu gañar e fíxoo convincentemente no campo do San Tirso. O Lemos arrancou un valioso empate do feudo do Montañeros e o derbi entre a Residencia e o Ribadeo rematou sen goles. Santaballés, Foz e Escairón non puideron sumar como locales.

Segunda derrota consecutiva do Polvorín que sucumbiu na segunda metade diante do Fabril (4-1).

O filial albivermello baixou á terceira praza da clasificación logo de perder no campo do Fabril, nun intenso choque de filiais, na que foi a segunda derrota consecutiva para os de Álex Ortiz.

O encontro non presaxiaba un final cun marcador tan abultado. O Polvorín comezou mandando no xogo e tamén no electrónico. Aos cinco minutos Leandro adiantou ao conxunto lucense cun bo tiro cruzado e os albivermellos manexaron o partido ata o descanso sen pasar apuros e cun bo ritmo de xogo. A segunda metade seguiu o mesmo guión ata os sete minutos, nun desaxuste defensivo, Davo prantouse só diante de Brais e definiu no un contra un. A partir de aí o Fabril foi o dono do encontro e nun centro lateral de novo Davo, cun testarazo puxo por diante aos de Óscar Gilsanz. Tan só dous minutos máis tarde Davo completou a súa tarde cun hat trick. Xa co tempo cumprido Nájera pechou o marcador co mellor gol da tarde.



O Racing Vilalbés acada un valioso punto no campo do Barco (0-0).

Bo partido dos chairegos diante dun Barco chamado a estar na pelexa polo ascenso a Segunda RFEF. Un punto que deixa bo sabor de boca nas filas vilalbesas, pero tamén conscientes de que resultou algo escaso vistos os merecementos de ámbolos dous conxuntos.

A primeira metade resultou igualada. O Racing Vilalbés amosouse moi firme en defensa e só concedeu dúas ocasións para o cadro local nas botas de Duque e nun tiro lonxano de David Álvarez que detivo ben Ángel Fraga. Os de Simón Lamas xeraron bastante perigo co seu xogo por ambas bandas. Otero gozou dunha clara ocasión que fixo intervir providencialmente a Aitor Arias.



Na segunda metade o Barco quixo ser máis protagonista con balón, pero o Racing aproveitou ese feito para saír á contra con perigo e contou con ocasións de Javi Rey, Javi Varela e Cuadrado, cun bo lanzamento preto da escadra. Os trocos déronlle frescura ao conxunto vilalbés cun Pedrosa protagonista na maioría das accións de ataque. Os de Valdeorras ao non poder xerar perigo co seu plan inicial optaron por tentalo con centros laterais aos que a zaga e o gardameta chairegos respostaron con éxito. Nos últimos minutos, coa expulsión de Vérez, o Barco buscou o tanto do triunfo pero apenas contou con opcións. Incluso o Racing tivo a mellor ocasión para facerse cos tres puntos cun lanzamento de falta que se estrelou no pao e o rexeite enviouno Ángel por enriba da portería.

Derrota pola mínima do Viveiro no campo dun Sofán que resucita na pelexa pola permanencia (1-0).

Non puido sacar nada positivo o Viveiro do sempre difícil campo do Carral. Os mariñáns víronse sorprendidos pola gran posta en escea do Sofán, que abasallou nos primeiros intres nos que gozou de varias ocasións claras, nas que Manu Cedrón se amosou decisivo. Co paso dos minutos, o Viveiro fíxose co control do partido e puido marchar ao descanso por diante no marcador. Só o impediu o traveseiro, onde Álex Meitín e Julián Nieto estrelaron dous balóns.

Logo do paso por vestiarios, o cadro local tomou de novo a iniciativa e Alexandre logrou o único tanto do encontro cun disparo desde a frontal ante o que o gardameta viveirense non estivo atinado. Os de David Páez non foron quen de xerar ocasións claras ata os últimos intres, nos que Arturo e Marcos tiveron dúas ocasións claras para acadar o empate.

Un primeiro tempo para enmarcar dalle tres puntos de ouro á Sarriana (0-2).



A Sarriana fixo os mellores corenta e cinco minutos da temporada diante dun San Tirso que non coñecía a derrota desde o mes de outubro. Os de Edu Rodríguez souberon soprepoñerse ao bo momento do rival e ás estreiteces do campo e retornaron á senda da vitoria logo de dúas xornadas se sumar os tres puntos.

Os sarriaos deixaron o encontro visto para sentencia na primeira metade. O primeiro tanto foi obra de Gerardo desde os once metros logo dun penalti cometido sobre Álex Pérez. O segundo anotouno Diego Torres logo dun bo centro de Diego Rey. Omar en dúas ocasións e Gerardo gozaron de ocasión claras para o que o resultado fora máis abultado. O cadro verde só tivo un achegamento á portería de Javi Liz nun erro na saída de balón dos de Edu Rodríguez.

Na segunda metade o San Tirso estivo mellor e a base de colgar balón á área da Sarriana xerou moito perigo e contaron con tres situacións claras de gol que non foron quen de convertir.

O Lemos mereceu máis no campo do Montañeros (1-1).

O conxunto monfortino sumou un valioso punto no campo do segundo clasificado, pero fixo merecementos para lograr o triunfo. A primeira metade resultou igualada. O Lemos puido adiantarse nunha contra que levou Armesto e rematou Rubén Díaz, pero quen estivo acertado foi o Montañeros que no seu único achegamento claro logrou o tanto, obra de Kevin nun saque de falta lateral.

A segunda metade foi dominada polo Lemos que contou con ocasións claras de gol nas botas de Sidibé, Armesto e Rubén Díaz. O tanto non chegou ata o minuto 75 e anotouno Sidibé desde o punto de penalti. Nos últimos intres os de Alberto López buscaron o tanto da vitoria, pero a falta de acerto na finalización privoulles de levar o botín completo.

Residencia e Ribadeo igualaron sen goles e sen ocasións no derbi provincial (0-0).

Encontro igualado e pouco atractivo para o espectador. Os dous conxuntos tiveron alternativas no dominio dun encontro que apenas contou con ocasións de gol. Na primeira metade, o Ribadeo estivo mellor e levou o peso do partido. Santi, Samuel e Diego Núñez tiveron ocasións de gol. O cadro local rozou o tanto nuha ocasión de Yeray pero Dos Santos rexeitou o seu disparo e tamén detivo o lanzamento de Esteban na segunda tentativa.

Na segunda metade a Residencia foi superior e fíxose co dominio do encontro. Nos últimos intres Rois puido conseguir os tres puntos para a Residencia pero a súa volea desde fóra da área foi detida polo gardameta ribadense.

O encontro serviu como despedida para Castrín, que xogará o que resta de temporada no Polvorín.

Cruel derrota do Santaballes diante dun Victoria que certificou o triunfo nos últimos intres (0-2).

Primeira metade con moita igualdad, pero o maior perigo levouno o cadro chairego. A ocasión máis clara tívoa Dani San, pero non estivo acertado. Logo do descanso, o Santaballés foi moi superior e Vérez, cun lanzamento ao longueiro, e Dani San tiveron nas súas botas o tanto local. Os de Juan Rodríguez reclamaron un penalti a falta dun cuarto de hora para o final. A polémica non rematou aí. No minuto 86 Dani San viu o segundo cartón amarelo cando o Santaballés máis empurraba na procura do gol. A acción foi moi protestada polo conxunto local que viu como nos últimos intres o Victoria logrou os dous goles do triunfo.

O Foz non puido cun Betanzos que amosou no Martínez Otero a súa capacidade goleadora (0-4).

A diferencia clasificatoria fíxose evidente. Co marcador inicial o conxunto mariñán amosou unha boa imaxe, facendo das transicións a súa mellor arma e gozaron de ocasións para poder facer o primeiro nas botas de Dani Chao e David Ben. O Betanzos tardou vinteseis minutos en xerar perigo diante da portería de Rubén. E nesa ocasión chegou o gol obra de David Carneiro nun testarazo á saída dun córner. O Foz non soubo reaccionar ao tanto e os visitantes puideron marchar ao descanso cunha renta máis ampla.

Nada máis comezar o segundo tempo Juan de Dora ampliou diferencias cun bo remate. Os de Gayol apenas tiveron ocasións para maquillar o marcador que rematou pechando Miño e Anthony xa nos compases finais.

Debutou na zaga focense Iván, que comezou a temporada nas filas do San Ciprián, debutando xa na Preferente a pasada campaña co Ribadeo.

Un mellorado Escairón volveu caer, desta volta diante do Mugardos (2-3).

O conxunto adestrado por Juan Torrado foi moi superior ao seu rival, un Mugardos chamado a pelexar polo ascenso a Terceira. Pero a efectividade marca diferencias, e os de ferrolterra marcharon ao descanso co marcador a favor logo dun tanto de Yago na única ocasión dos primeiros corenta e cinco minutos. Toto desperdiciou a mellor ocasión para o Escairón ao errar un lanzamento de penalti. Precisamente desde os once metros ampliou diferencias o cadro visitante por medio do ex viveirense Nes. A acción foi moi protestada polos do Saviñao.

No terceiro penalti do encontro, o Escairón recurtou diferencias. Desta volta o lanzador foi Carrasco, que non errou. A falta de vinte minutos para o final Quiroguita estableceu o empate e as ocasións para obrar a remontada sucedéronse, pero o balón non quixo entrar na portería de Iñaki. No minuto 83, nunha xogada aillada o Mugardos marcou o terceiro, obra de Álex Permuy.

A Sarriana recupera a súa mellor versión

Máxicos Luca’s Grill. Xornada 13

A Sarriana recupera a súa mellor versión

María Valcárcel cumpriu o seu desexo co

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *