Coa metade da competición xa gastada Racing Vilalbés B lidera o grupo norte e o Quiroga fai o propio no grupo sur.
O filial chairego é o único conxunto dos dous grupos que ata o momento non coñece a derrota. Os de Iván Lamas tan só cederon dous empates a domicilio e conta por vitorias os seus encontros no Roca. Os atacantes Diego Ferreiro e Gabri, con once tantos, lideran ademáis a tabla de goleadores.
Tamén en postos de ascenso se atopa o Catro Roldas, aínda que con seis puntos menos que o Racing Vilalbés B. Os de Román contan cunha dupla atacante con pouco que envexarlle aos do conxunto veciño. Moha e Samu suman quince dos vintecinco tantos do cadro adestrado por David Lorenzo.
Por detrás deles un entonado Abadín, que logo do seu arranque dubitativo, atravesa un gran momento de forma, e o Mondoñedo, que comezou a temporada como un dos grandes favoritos ao ascenso e que co paso das xornadas ratifica a súa condición.


Nuevo Nausti e Friol B ocupan tamén prazas de promoción de ascenso, seguidos moi de preto por un Rioaveso que só foi quen de sacar adiante un dos últimos seis encontros. Cazás e Celeiro, que atravesan rachas opostas, teñen a tiro de pedra tamén os postos de permanencia, con dous puntos máis que o debutante Comercial B. O Matela, aínda sen puntos, pecha a clasificación.
No grupo sur o Quiroga, que mellora co paso dos partidos, como o bo viño, lidera a clasificación e mantense invicto lonxe do seu campo. A igualdade é a tónica nos seus perseguidores. O Palas, tamén en postos de ascenso, a tres puntos do liderado suma un punto máis que o Incio. Os de Julio Corral, ao igual que o Rubián, cuarto clasificado, amosan unha gran solidez defensiva. Os mesmos puntos que os de Senén ten o Castroverde. O cadro adestrado por Fran Veiga amosou unha irregularidade á que non nos tiña acostumados e cedeu na súa pelexa polo liderado.
Pechando os postos de promoción atópase o Santa Comba. Os de Ángel Merino contan co pichichi do grupo e da categoría. Jorge, con trece tantos e dez partidos disputados é un seguro de gol para o conxunto lucense. Páramo e Monterroso B teñen a tiro de pedra unha promoción que pasa por ser o seu gran obxectivo. O filial monterrosino, que comezou a temporada sendo o rei do empate conta por vitorias os seus últimos tres encontros. Sober e Taboada B, aínda coas súas opcións intactas de alcanzar os postos de honra, atópanse máis distanciados. Bóveda, con catro puntos, e Relámpago Taboada, sen estrear o casilleiro, pechan a clasificación.
