A Primeira Rexional comezará cun Taboada – Chantada na Medela

A Primeira Rexional xa ten a folla de ruta para que volva a competición dezanove meses despois. A fin de semana do 17 de outubro dará comezo unha liga dividida en dous grupos de dez na 1ª fase. A primeira xornada xa deixa un dos grandes derbis do campionato no Subgrupo A, o Taboada e o Chantada xogarán na Medela.

1ª xornada subgrupo B:

  • Burela – Castro
  • Pastoricense – Lourenzá
  • Pol – Pontenova
  • Alfoz – Xove Lago
  • Folgueiro – Riotorto

1ª xornada Subgrupo A:

  • Chantada Atlético – Portomarín
  • San Lázaro – Guntín
  • Monterroso – Outeiro de Rei
  • Friol – San Roque
  • Taboada – SD Chantada

Serán 18 xornadas con moito en xogo, xa que os equipos que non queden entre os catro primeiros terán que pelexar pola salvación. De aí que o inicio vaia ser clave, precisamente na finde na que tamén estará na rúa a III Guía de Futbolinlugo.

A liga comezará na zona norte con tres encontros na Mariña. O Burela recibirá ao Castro preparado por Juan Peón, o Folgueiro medirá o estado do Riotorto e o recén ascendido Alfoz xogará o primeiro derbi do curso ante o Xove Lago. Por outra banda, o Pol estreará en competición oficial as novas instalacións recibindo ao Pontenova de Andrés Bouza e o Pastoricense xogará co Lourenzá.

Calendario completo zona norte

Na zona sur, a estrea ligueira revivirá un dos grandes duelos da categoría nos últimos anos. Os encontros entre o Monterroso e o Outeiro de Rei son máis especiais despois daquela final polo ascenso en competición regular en 2017. Ademais do derbi da Medela, o Chantada Atlético recibirá a un Portomarín que volve á 1ª, o San Lázaro estrearase como local pero xa non na Ponte co Guntín e o Friol debuta ante o San Roque.

Calendario completo zona sur

O Monterroso e o Outeiro xogáronse o ascenso a Preferente ao final da liga 16/17

Dende que a liga comece, haberá parón da competición na primeira finde de decembro, coincidindo coa Ponte da Constitución. A 1ª volta da 1ª fase rematará o 19 de decembro, xusto antes das vacacións de Nadal. Para daquela xa se xogarían duelos de proximidade como o San Lázaro – San Roque (31 de outubro), Xove Lago – Burela (7 de novembro) Chantada Atlético – SD Chantada (14 de novembro), Pol – Castro (12 de decembro) ou Chantada Atlético – Taboada (19 de decembro).

A 2ª volta iniciarase o 9 de xaneiro e haberá parón polo Entroido (última finde de febreiro). A mediados de marzo finalizará a 1ª fase. Os catro primeiros equipos de cadanseu grupo xogarán unha liga á parte para pelexar por unha praza de ascenso. Entre os doce equipos restantes organizaranse dous grupos cruzados dos que sairán tres descensos: baixa o último clasificado de cada un deles e o peor penúltimo.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario