A Primeira Galicia volve reformada

Que ganas tiñamos de dar esta noticia! A Futgal publicou no día de onte o plan competicional da Primeira Autonómica para a 21/22. Unha categoría que, despois de ano e medio de parón, volverá a encher os campos da nosa provincia cun formato diferente ao que nos tiña afeitos.

Esta “nova” Primeira é bastante similar á Preferente da que falabamos fai dez días. A principal novidade é que os 20 clubes que participarán nela serán divididos en dous grupos atendendo a criterios xeográficos.

Así, o Subgrupo A estará integrado polos clubes da capital (SDC San Lázaro, SDC San Roque) e do sur da provincia (CD Guntín, SD Monterroso, CF Portomarín, Taboada CF, SD Chantada, Chantada Atlético), ademáis da SD Outeiro de Rei e o Friol CF. O Subgrupo B, pola súa banda, estará integrado por conxuntos da Terra Chá e A Mariña (UD Folgueiro, UD Xove Lago, Burela SD, CD Alfoz, ED Lourenzá, CF Riotorto, Sporting Pontenova, UD Pastoricense, CD Castro e SD Pol).

Os equipos de ambos grupos disputarán de forma independente unha primeira fase de 18 xornadas (ida e volta) que determinará os integrantes dos grupos de ascenso e de descenso. Os catro primeiros de cada grupo xogarán polo salto de categoría, mentres que os seis últimos loitarán por fuxir do pozo.

A segunda fase será máis breve que a primeira. Os participantes na fase de promoción xogarán partidos a ida e volta tan só contra os catro rivais do outro subgrupo, completando así un total de 8 xornadas. Somentes haberá un ascenso. Na fase de permanencia crearánse dous subgrupos máis, e en cada un deles descenderá o último clasificado. Tamén baixará o peor penúltimo. O formato será igual que no ascenso, os clubes só se medirán aos rivais aos que non se enfrontaron na primeira fase (10 xornadas).

A competición comezará o mesmo día para ambos subgrupos: o 17 de outubro. Se non hai novidades, a fase regular rematará o 13 de marzo e unha semana despois terá lugar o inicio da segunda fase, que se estenderá ata o 15 de maio no caso do Subgrupo de ascenso e ata o 29 de maio no caso dos grupos de descenso.

Así que xa sabedes, xa podedes poñer a conta atrás nos vosos teléfonos para un ano que promete emocións fortes. Se queredes ver o plan competicional do resto de grupos da Primeira Galicia, premede aquí! Agardamos coñecer nas próximas datas o futuro da Segunda e a Terceira Autonómica.

Imagen por defecto
Santi Real
De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.
Artículos: 459

Deja un comentario