O CD Lugo asinou un valioso empate no feudo do Real Sporting de Gijón B na Terceira RFEF. As asturianas dominaron o balón nunha primeira metade de poder a poder. As de Joaquín Blanco non dispuxeron de moita posesión. Porén si do control e de ataques rápidos e perigosos. Nun deles, naceu o 0-1 xusto antes do paso por vestiarios.
O Real Sporting B, mellor tralo descanso, pechou ao CD Lugo no seu campo; ata remontar cun rebote e unha contra. No entanto, as albivermellas aproveitaron un balón parado na prolongación. E sacaron un valioso e sufrido punto para seguir na pelexa pola permanencia.
O PM Friol viviu una tarde para o olvido na Reigosa. O partido comezou de maneira inmellorable para as de Ángel Buján e Geluco Villar, cun gol de Ángela na primeira xogada do encontro. Nun xiro de guión inesperado, a superioridade amarela transformouse en desvantaxe ao tempo de lecer (1-2). Un auténtico golazo do Mos e un erro de Salazar en saída de balón propiciaron os tantos pontevedreses.
No comezo da segunda parte, dous novos fallos da meta do PM Friol en inicios de xogada; puxeron un 1-4 insalvable no electrónico da Reigosa. Un día gris que tivo recompensa ao día seguinte para Salazar, coa súa actuación máis que destacada co PM Friol B.


Salazar resarciuse cun gol e un empate ao límite para o PM Friol B
Unha soberbia media hora final permitiulle ao PM Friol B rascar un empate de ouro na Primeira Galicia. As de Geluco Villar foron a remolque durante gran parte do encontro. O Victoria CF B dominou a primeira metade de principio a fin e conseguiu os seus dous goles. Evitando Salazar algún máis con boas intervencións.
As ‘cebras’ mantiveron a súa superioridade no comezo da reanudación. Ata que o escenario mudou por completo. A presión do filial friolés subiu en agresividade e o PM Friol B roubo moitos máis balóns e controlou a sala de máquinas. Yoleidis recurtou distancias a pouco da conclusión. E a porteira Salazar plantouse en área contraria na prolongación. Despois dun primeiro lanzamento desde o curruncho, que derivou noutro; Salazar fíxose cun rexeitamento que enviou con tremenda forza ao fondo das mallas. Punto de ouro, punto de porteira! E un punto é o que separa tamén ao PM Friol B da zona de permanencia na Primeira Galicia, que marca o Victoria FC B.
Triunfos moi diferentes de san roque e antas na segunda galicia
O San Roque e o Antas trouxeron as noticias positivas da semana na Segunda Galicia. O cadro de Quiroga sumou de tres no peor partido da tempada. As xogadoras verdibrancas non estiveron cómodas ante un Silva perigoso nas transicións e con moito potencial ofensivo. Durante o primeiro acto, os cambios de sistema convertéronse nunha constante. Quiroga non rematou de dar coa tecla pero Mery levou o 1-0 ao intermedio.

Na segunda metade, a emoción mantívose ata case a prolongación. O Silva igualou a vinte para o remate. Porén, o segundo tanto capitalino levou a tranquilidade á Polvoreira. Mery sentenciou co seu ‘dobrete’ para manter ao San Roque a só dous puntos dun Abellá, que agora mesmo marca o último posto de promoción de ascenso.
O Antas realizou un partido moi serio para recuperar as sensacións da primeira volta. As de Dani Abelairas buscaron o control do choque sede o seu inicio, cunha presión avanzada e unha liña defensiva contundente para cortar as contras rivais. Nuria marcou o único gol da primeira metade, nun córner.

Na segunda parte, o Sporting Meicende pagoulle ao Antas coa mesma moeda. As coruñesas empataron nun balón parado. Porén, a sensación de perigo das da Ulloa non se difuminou. A vitoria era unha cuestión de tempo. O que tardou Elisa en materializar un man a man; e Paula, en culminar unha boa acción individual cun disparo de longa distancia. O equipo de Dani Abelairas puxo fin así a unha xeira de tres encontros sen gañar.
No polo oposto atopamos á Milagrosa e ao Chantada. O Cee non deu opción algunha ás de Felipe Varela. As branquivermellas amosáronse inferiores en todo momento e xa perdían por 0-2 antes do cuarto de hora de xogo.
Pola súa parte, o Chantada aguantou co líder ata a hora de partido. Saíron ben tralo intermedio as de Jorge González, que se derrubaron con tres goles do EFM Concello de Boiro en dez minutos. Moita diferenza de nivel en Vista Alegre!

os lucenses da Terceira galicia golean, coa excepción da comercial
O Carballedo non quixo sorpresas co Taragoña e decidiu abrir a lata nada máis comezar o encontro. Jenny fixo o primeiro dos seus catro goles cun tremendo lategazo. Co marcador a favor, resultou todo máis doado. A superioridade das de Sementa foi manifesta e as do Catro Ventos seguen gañando todo en Liga neste 2024. Agora, tócalles non perder o ritmo xa que non volverán xogar ata o próximo 17 de marzo.

O CD Lugo B máis coral mantense unha semana máis a seis puntos do líder Bandeira. As de Pablo Bargados sobrepuxéronse a uns primeiros compases moi espesos para marcar o ritmo ante un Órdenes inferior. As albivermellas alcanzaron a espectacular cifra de dez goles antes do minuto 80. Marián asinou un póquer; e Ainara Silvosa e Xiana, sendos ‘dobretes’.
O Monte Forte pagou a peaxe do seu frío inicio. Foise ao tempo de lecer cunha mínima desvantaxe ante un EF Silleda que puido ter unha renda maior. O equipo cambiou de cara no segundo acto. Controlou o partido e remontou con catro tantos en media hora, dous deles obra de Paulita.
O San Lázaro deixou os deberes para a segunda parte. Despois dunha mala primeira metade, con escasas oportunidades, o conxunto de Luchi reaccionou a tempo. Os axustes fixeron o seu efecto as capitalinas xeraron o suficiente como para marcar tres goles (todos obra e Anita) e incluso lograr algún máis. Iso si, non chegaron a estar ben; pero si mellor que nos corenta e cinco minutos iniciais.

A única derrota lucense na Terceira galega foi a da Comercial. Nun deses días nos que todo sae cruz, as de Vicky sentiron como o marcador non reflectiu o xogo realizado pola escadra vermella. O vento e a auga da primeira metade, sumáronse ás ausencias, para deixar en balde a loita comercialista en Vila de Cruces (3-0 ao descanso). Na reanudación, as capitalinas tiraron de coraxe en medio da saraiba. Melloraron e conseguiron os seus dous goles ante un Cruces que tamén viu porta noutras dúas accións.
Resultados da xornada
PM Friol 1-4 Mos
Real Sporting de Gijón B 2-2 CD Lugo

EFB Amistade 2-2 PM Friol B
EFM Concello de Boiro 7-0 Chantada
San Roque 3-1 Silva
Antas 3-1 Sporting Meicende
Milagrosa 0-4 Cee
San Lázaro 3-0 Curtis
Carballedo 5-1 Taragoña
CD Lugo B 10-0 Órdenes
Monte Forte 4-1 EF Silleda
Cruces 5-2 Comercial

a ‘pichichi’ jenny, #XogadoraTorredeNúñez de febreiro

A máxima goleadora do Grupo III da Terceira Galicia repite galardón #XogadoraTorredeNúñez. Ao igual que xa fixera en outubro, Jenny convértese na mellor futbolista do mes de febreiro. A dianteira do Carballedo sobresaíu nas tres datas ligueiras do cadro de Sementa. Impoñéndose a duras competidoras como Paulita (Monte Forte) e Noe (San Roque), ambas con dous destacados na competición doméstica en febreiro.