A incertidume do PM Friol ante o novo Reto

A Covid-19 trouxo unha morea de incertezas e de incertidume ás nosas vidas. Pero nós estamos aquí para falar, en concreto, de fútbol. Este deporte, como non podía ser doutro modo, tamén se viu alterado polo dichoso bicho. Non fai moitas semanas saían rumores de que, quizais, o fútbol “non-profesional” non comezaría até o vindeiro xaneiro, ou marzo. É evidente que a saúde é o primeiro, pero moitas voces se alzaron contra estas faladurías, posto que moitas familias viven dese fútbol “semi-profesional”. Varios deses casos dánse na provincia, no seo do PM Friol.

O conxunto da Reigosa afronta esta 20/21 a súa segunda temporada na segunda categoría do fútbol nacional, o Reto Iberdrola. Logo dun ano ilusionante no que acadaron a permanencia de xeito exitoso, o clube busca este curso asentarse na división. Porén, non será doado, xa que o nivel de todas as rivais será moi alto e esixente. Hoxe, falamos con Ángel Villar, presidente polivalente das friolenses, para saber máis do que se está a cocer este verán na Reigosa.

Futbolinlugo: Cal é a posición do PM Friol con respecto ao comezo das competicións?

Ángel Villar: A data inicial, o 27 de setembro, foi paralizada fai pouco. O único que sabemos é que a Federación nos avisará trinta días antes do inicio da competición, pero pensamos que ese mes non é suficiente para prepararnos. A xente leva moito tempo parada e son necesarias máis semanas. Nos tiñamos pensado comezar a adestrar o día 20 e agora pasamos a data para a primeira semana de outubro. Penso que a competición non comezará ata mediados de outubro. 

FIL: Tedes, a día de hoxe, algún protocolo da Federación para adestrar e/ou competir?

AV: Non, a día de hoxe non hai. Este luns tiveron unha reunión co CSD e aínda non comunicaron nada. O único que temos é o da Xunta, que permite deporte sen contacto. Penso que unha semana si que se pode adestrar sen contacto, pero a partires de aí no fútbol non ten moito sentido seguir sen contacto neste deporte. 

O comezo do Reto Iberdrola dependerá da RFEF.

FIL: Como afectaría unha  hipotética suspensión da liga ao voso clube?

AV: A miña opinión é que o peor é a incertidume: empezas e paras, volves empezar e volves parar… pero no momento que se empece, se hai paróns, cando deixas de pagar contratos? Ademáis hai xente que fichas para que teñan dedicación exclusiva, polo que van vivir desto todo o ano, hai xogadoras que poden vir estudiar a Lugo e non podes deixalas tiradas, loxicamente. Hai moita incertidume, a miña opinión persoal é que hai que ir para diante con garantías para convivir con esto ou tomar a decisión definitiva de suspender as competicións. O empezar-parar-reanudar-parar… pode ser a ruina para moitísimos clubes pequenos.

FIL: Semella un “quero e non podo”…

AV:  Claro, os clubes non teñen ingresos se non hai competición, e aínda con competición van ser moito menores: socios, ingresos das cantinas… ao final imos quedar con pouco máis do que facilita a Federación, pero son cartos que chegan moi tarde, así que de que viven clube e xogadoras? Eu estou moi preocupado, porque aínda que somos un clube moi humilde, tamén somos cumpridores, e estou preocupado por se non se pode cumprir este ano.

FIL: Cales serían os obxectivos -a nivel deportivo- do PM Friol?

AV: Os de sempre. Manter a categoría, medrar deportiva e estruturalmente e pouco máis. Nunha temporada normal -nesta será máis tarde-, saberiamos nos meses de decembro e xaneiro por que estariamos pelexando o resto do ano, se estar arriba, na metade da taboa, ou loitando pola salvación.

FIL: Será este Reto Iberdrola máis duro que o do ano pasado?

AV: Os equipos que ascenderon non nos quedan ben a nivel xeográfico, xa que subiron Espanyol “B” e Solana, moi lonxe ambos de Friol. Sei tamén que moitos equipos se reforzaron moitísimo. O ano pasado o Reto foi unha categoría nova para experimentar e xa había un gran nivel, e este ano moitos equipos asinaron a xogadoras de primeiro nivel ou a moitas estranxeiras. 

“As competicións autonómicas teñen a solución máis doada.”

FIL: En canto ao filial, ves factible que comecen as competicións dependentes da Futgal?

AV: Nas categorías autonómicas é máis doado. Van facer subgrupos, segundo os meus cálculos o filial pode estar nun grupo de nove, polo que pode xogarse desde xaneiro. Non é o mesmo eso que ter 35 xornadas, será máis asequible acabar a liga aínda que empece moito máis tarde por mor da pandemia.

Agardamos que esta incertidume que nos rodea a todos remate o antes posible e coa decisión que máis vele pola saúde de todos e todas. Agradecemos tamén a Ángel Villar a súa boa disposición!

Imagen por defecto
Santi Real
De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.
Artículos: 459

Deja un comentario